3ª Autonómica: Balóns novos para a curta Terceira
12:19 21/09/15
O novo Camelle desta tempada empezou cunha apurada vitoria ante o Seaia
Clínica de Fisioterapia Sar patrocina a 3ª Autonómica. Coñécenos no FB
Comezou a nova tempada da curta 3ª Autonómica, este ano con 3 voltas entre os 9 equipos, antes da fase de ascenso. Hai moitas caras novas nos equipos costeiros (vexan a lista de Altas e Baixas) con equipos co plantel completamente renovado.
Descansou o Lira nunha xornada con 3 partidos en sábado nunha xornada que volve recordarnos vellos problemas que criamos esquecidos. O Cubaleiro volveu vivir momentos de tensión como o ano pasado polas protestas dun xogador muxián, o que fixo que o colexiado chamase á Garda Civil. Pero a cousa non foi a máis.
Quedan Corcubión, Montelouro e Camelle como líderes.
Castrelo – Montelouro (1-2)
- Castrelo: Josiño, Gustavo (Víctor), Luís, Marcos, Raúl, Maikol, Félix, Carlos (Stiven), Suso (Dani), Martín e Elvis (Roi).
- Montelouro: Fernando, Juan Xaco, García, Pablo (Canelo, m.80), Abel (Edu, m.46) (Gabri, m.76), Gelo, Dani Dj, Riki, David, Xexo e Geiko.
- Goles: 0-1, m.55: Xexo de falta; 0-2, m.61: Geiko de tiro lonxano; 1-2, m.80: Stiven a centro de Roi
O Montelouro acaba sufrindo
Na primeira media hora houbo ocasións para os loureáns que comezan o curso con ganas de recuperar a categoría perdida e sacaron os primeiros puntos cun partido serio e práctico ante un bo Castrelo, que aínda ten moita marxe de mellora. Xexo avisaba cun balón ao longueiro e David fallaba diante do porteiro. Recuperouse o Castrelo no treito final do primeiro tempo e meteu ao Montelouro na súa área cun par de remates de cabeza que puideron abrir o marcador. Comezou a segunda metade coa entrada de Edu no campo e o Montelouro recuperou o mando. Xexo de falta e Geiko de tiro metían vantaxe no marcador nos primeiros 15 minutos pero o Castrelo non se rendía e foise arriba. Controlou ben as embestidas dos locais os de Canelo pero non puideron evitar que recurtasen distancias, nunha xogada por banda de Roi que rematou Stiven. Tivo o empate o Castrelo que “achuchou” pero non chegou o tanto da igualada.Seaia – Camelle (0-1)
- Seaia: Jorge, Vistas, Pepis (Miguel, m.75), Víctor, Ramón, Guille (Josiño, m.65), Parga, Cristian (Kevin, m.60), Nacho, Feles (Jorge Parga, m.70) e Pablo (Carabel, m.70).
- Camelle: Jimmy, Sicario (Santi), Peseta (Rubén Lado), Snacki, Valiña, Dido (Davi), Varu, Dimitri, Felisiano, Toja (Tedín) e Carlos.
- Gol: 1-0, m.65: Snacki.
- Expulsión: o camellán Varu.
Apretada estrea camellá
Puidemos ver a primeira vitoria do cadro camellán ante un Seaia completamente renovado e aínda sen porteiro fixo. Moitas ocasións houbo na primeira do equipo de Jesús do Petrallo, que puido sentenciar pero acabou sufrindo. Varu mandou ao longueiro de falta e houbo outras chegadas a balón parado pero o Seaia íase metendo no partido e deixou boas sensacións pois vese ademais que están adestrando moi forte e con ansia de dar guerra. Mellorou o Seaia na segunda e cando mellor estaba Snacki metía o gol camellán. Acabou sufrindo moito para manter a vantaxe o Camelle ante os de Alberto Abeleira (o novo míster malpicán foi segundo de Tato o curso pasado pero o sábado non puido estar no campo) que puideron ter empatado.Laxe – Nantón (3-3)
- Laxe: Noe, Naya, Borja, Stiven (Bras, m.80), Aarón; Santi, Miguel, Rafa (Gora, m.65); Felipe Oróns, Jorge (Djamel, m.70) e Zurich (Omar, m.46)
- Nantón: Chechu, Maikel, Guau, Raúl, Diego, Carlos Vidal (Patelele, m.86), Fabio, David, Enmanuel, Redondo (Martín, m.66) e Silva.
- Goles: 1-0, m.5: Jorge; 1-1, m.13: Fabio aproveita un rexeite tras un penalti que lle paraba Noe a Carlos Vidal; 2-1, m.14: Zurich de penalti; 2-2, m.47: Fabio; 2-3, m.55: Silva; 3-3, m.85: Felipe Oróns.
Festival de goles… e penaltis
Foi un choque igualado o vivido en Laxe que comezaba co equipo de Adrián Lema pegando primeiro co tanto de Jorge antes de que os de Carlos Margarida (xa sen Luís, este curso no San Lorenzo) se asentasen no campo. Pero reaccionou o cadro cabanés e empataba pronto tras un penalti. Sen tempo a reaccionar, nada máis sacar de centro, houbo penalti na área contraria que Zurich non perdoa para poñer o 2-1. Nada máis volver do descanso, Fabio volveu poñer a igualada no marcador (2-2) facendo o seu segundo da tarde. O Nantón comezaba mellor e metíase por diante co gol de Silva, pero o Laxe reaccionaba tras uns malos 15 minutos de falta de concentración. Tardaba en empatar pero facía o empate a 5 do final por medio de Felipe e, mesmo antes do empate, o Laxe fallaba un penalti mandando o balón á madeira. Xa á beira do desconto, o Laxe quedaba con dez o que facía que os locais se replegasen un pouco pero a falta de forzas dos nosos facía imposible un último intento para poder ir a polo partido.Corcubión – Muxía (6-2)
- Corcubión: Beto (Fia, m.61), Iván, Adri, Pablo, Balucho, Alan (Sebas, m.51), Edu, Xabi (Isma, m.65) Mario, Lema (Checho, m.57) e Germán (Tito, m.46).
- Muxía: José, Peski, Martín, Currás (Castreje), Gusa (Marcote), Pana, Julián, Conguito, Iago, Adrián (Jose) e Alejandro.
- Goles: 1-0, m.8: Iván; 1-1, m.13: Yago; 2-1, m.18: Edu; 3-1, m.28: Germán; 4-1, m.38: Lema; 5-1, m.43: Lema; 6-1, m.44: Lema; 6-2, m.80: Peski.
- Expulsión: o muxián Yago m.25.
Novo lío…
Tiveron novo lío, como o ano pasado, no Cubaleiro no choque co cadro muxián. O partido empezaba igualado co Muxía respondendo as embestidas dos de Emilio Corzón. Pero o segundo tanto dos corcubioneses e a expulsión de Santi deixaba moi tocados aos de Manín, que protestaron moito a expulsión e outras xogadas. Desconcentrouse o cadro roxiño e en apenas 7 minutos antes do descanso sentenciaba con 3 goles de Lema. Longo foi o descanso, de 40 minutos, pois o colexiado sinalou que recibira ameazas do xogador expulsado e chamou a Garda Civil (segundo dixo por orde do Colexio de Árbitros). A segunda metade foi de trámite.Máis información
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
- Mercado de Fichaxes: As Altas e Baixas dos equipos do Fútbol da Costa.
Crónicas da semana
Novas relacionadas
- Manolín anuncia á súa retirada do Fútbol da Costa.
- En marcha un novo curso de Monitor de Fútbol Base en Santa Comba.
- Óscar Leis analiza o estado de saúde da canteira do Dumbría CF.
- Guillermo Parga a Cambeiro: Só lle falta o Dépor.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).