A Carreira das Areas batíu todas as marcas
Impresionante a participacióin na “XXIII Carreira das Areas” do Concello de Carnota, a 5ª proba incluída no I Circuíto de Carreiras Populares “Correndo pola Costa da Morte”. O inmenso areal da Boca do Río fixo de pista para que os máis de 400 atletas chegados de toda a península se deixasen a pel nun día, o pasado sábado 23, de auténtico verán.
O ambiente deportivo empezábase a respirar antes das 9 da mañá, cando os atletas comezaron a recoller os seus dorsais. O disparo de saída da primeira proba, na que competían xuvenís e seniors para rematar un percorrido de 5 km, foi ás 09:45h. O primeiro corredor entrou en meta nun tempo de 19 ́11”, Samuel Torres Barreiros. Arredor de 5 minutos máis houbo que esperar polo 1º xuvenil, o carnotán Ángel Alonso Rama.
A gran carreira
A saída da gran carreira, con máis de 250 participantes, dábase ás 10:30h. Un percorrido de 10 km onde 3 se correron polo asfalto e outros 7 polo fermoso areal. Aos 36:48 chegaba o campión da categoría Sénior, o sevillano Francisco Pérez Cutiño. O primeiro carnotán en cruzar a liña de meta foi Josecho González en 41:01, que quedou na clasificación Xeral no posto 23º.
A campiona galega de 5000m en ruta e integrante da selección absoluta, a muxiá Barca Toba, foi por segundo ano consecutivo a gañadora da categoría Sénior Feminino, cun tempo de 43:35.
Os máis peques
Foron 40 os infantís e cadetes que saíron pola liña de meta ás 11:45 despois de que María Silva apertara o gatillo, para percorrer un total de 3 Km. O 3º posto da categoría Cadete foi para o carnotán Brais Lago Trillo, da Asociación Deportiva Olimpia; e o 2o posto da categoría Cadete Feminino foi para a nosa veciña Laura Caamaño Caamaño.
Agardando expectantes a que os infantís e cadetes rematasen o seu circuíto atopábanse os máis de 70 benxamíns e alevíns, que esperaban unha proba de dúas voltas polo casco urbano de Carnota, para rematar un percorrido de 1Km. Ás 12:30 María Lestón era a encargada de dar a saída dunha proba na non se precisaron máis de 5 minutos para finalizar o traxecto.
Para pórlle o broche de ouro a esta xornada deportiva estaban todos os pitufos dispostos a saír pola liña de meta para percorrer os 300 m que completaban a súa proba. Moi contentos e orgullosos de si mesmos subiron todos ao podio para recolleren as súas medallas. Sen dúbida, esta foi a carreira que máis interese e ilusión espertou.
Gran organización
Grande a organización da xente carnotá, que ademais agradece a colaboración de Jorge Parri botando fotos.
Novas relacionadas
- 8 Concellos participan no I Circuito de Carreiras Populares Costa da Morte.
- Vimianzo e Dumbría soben á bici en setembro.
- 7 heroes completan o Ultratrail Camiño dos Faros.
- 2013: Grande a XXII Carreira das Areas en Carnota.
- 2012: 118 corredores disputaron a máxica Carreira das Areas de Carnota.
- 2011: A Carreira das Areas triunfou un ano máis.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).