A Escola Basket Xiria pon en marcha unha campaña de captación de socios
A Escola Basket Xiria vén de poñer en marcha unha campaña de captación de socios neste comezo de campaña. Unha pelota de baloncesto con forma de corazón e o lema “Ti tamén o tes” van ser os elementos distintivos da iniciativa promocional, que inclúe a distribución de camisetas e sudadeiras. O punto de venda será o establecemento DonCLIC, na rúa Tarragona de Carballo. Os precios das camisetas serán de 10 euros para os socios e 15 para os demais, do mesmo xeito que as sudadeiras custarán 25 euros para os abonados e 30 no resto dos casos. Os novos membros do club recibirán como regalo unha camiseta. Na asamblea celebrada esta semana as cotas anuais quedaron establecidas en 30 euros para socio individual e 50 euros para socio familiar.
Na campaña de captación tamén van xogar un papel moi destacado as redes sociais. Á marxe das publicacións que se poden ver xa estes días, co obxectivo de fomentar o baloncesto e de dar a coñecer a actividade do club entre toda a poboación, en breve porase en marcha un concurso no que será preciso participar con fotos ou vídeos e facer nominacións, ao estilo do Legado do Tibu. As propostas foron moi ben acollidas polos socios, que participaron en bo número na reunión anual. A xunta directiva dou conta do balance da tempada, da sinatura do convenio de vinculación do Club Baloncesto Artai e do novo acordo co Laracha para os equipos femininos. Os asistentes avalaron o traballo da xunta directiva que preside Diego Vázquez. Tamén se tomou a decisión de iniciar os contactos de cara á renovación do vestiario a finais da tempada.
Por último, deuse conta do orzamento para este ano, que suma un total de 129.000 euros.
Novas relacionadas
- A Escola Basket Xiria comeza a xogar.
- 27-05-14: O Carballo Basket proclámase por primeira vez Campión Galego Infantil.
- A familia Xiria recibe unha Medalla ao Mérito Deportivo da Federación Españoña de Balonmán.
Fonte
- Basket Xiria.