A Pipa: Lilo substitúe a Adrián Lema no Laxe; Alfredo Cambeiro chega ao Outes
15:30 21/11/16
Lilo ponse as ordes do Laxe
Xornada marcada polos cambios que se producen nos banquiños dos equipos da Costa, e nas xuntas directivas de algún deles, ademais do suma e segue de Corme, Baio, Dumbría e Muxía, á fronte das clasificacións en Primeira, Segunda e Terceira Autonómica.
Os cambios déronse no Outes coa marcha de Manu Roque, por decisión propia, e a chegada de Alfredo Cambeiro, e a dimisión presentada por Adrián Lema a seguir á fronte do Laxe, novo colista da Liga da Costa, pola pouca implicación dos seus xogadores. E outra dimisión, a de Juan Silva a seguir como presidente do Baiñas, que abandona o último posto da táboa tralo seu excelente triunfo sobre o Cerqueda.
Liga da Costa
Na Liga da Costa, unha semana máis se mantén o de xeito conxunto polo liderato entre Corme e Baio. Os primeiros sufriron, e moito, para superar a un Malpica curto de efectivos, pero que vendeu moi cara a súa derrota, fraguada na segunda metade, pois, pese a empatar nada máis iniciarse a mesma o once local, o Corme deu a volta ao resultado, maquillado no último minuto polo once dirixido por Esmorís.
Tampouco o tivo o fácil o Baio, a pesar que o 2-0 final pareza indicar o contrario, pois aínda que en ningún momento viu perigar o resultado, pois xa ao descanso chegaría con vantaxe no marcador, e a expulsión dun dos seus xogadores mermou aínda máis a un Cee que, pese a iso, intentou buscar o empate, sentenciando o encontro no último minuto o equipo de Pedro Gómez.
Instálase na terceira praza o Mazaricos, cunha excelente remontada tralo seu inicio titubeante de tempada, Pero os pupilos de Néstor, paso a paso, veñen escalando ata chegar a esa posición, tralo seu triunfo ante un Laxe que volve á última posición da táboa clasificatoria. O partido foi igualado na súa primeira metade, cun tanto dos amarelos, para dar paso a unha segunda onde únicamente a actuación do meta local evitou un triunfo máis amplo do Mazaricos.
Castriz e San Lorenzo non queren afastarse nas súas posibilidades de poñer en dificultades aos primeiros clasificados, e ambos sumaron senllos triunfos, os primeiros en Buño, por 2-3, onde realizaron un partido moi serio para contrarrestar o traballo dos oleiros, que nin con 0-2 nin con 1-3 deixaron de intentar buscar a meta rossoneri, pero ao final terminarían cedendo os tres puntos. En Verdillo, o 4-1 final deixa clara a superioridade do San Lorenzo sobre un Porteño moi irregular, e cun protagonista esencial, Fuentefría, que cun hat-trick sentenciaba aos visitantes e non daba lugar á sorpresa tralo 2-1 materializado por Mario Toja.
A sexta praza da táboa é para un Ponteceso que tivo en Baba ao seu mellor elemento ante o Corcubión, conxunto que se adiantaba no marcador do Pinguel, pero que vía como xa antes do descanso dous goles do futbolista local poñían aos pupilos de Barca con vantaxe no marcador. Xa no último minuto o Ponteceso afianzaría a súa vitoria co 3-1 final.
O Cerqueda atopouse cun gran segundo tempo de Pablo Muíño, que retorna ao Baíñas trala súa lesión que lle tivo apartado varios meses da competición, e dous goles seus deron a vitoria aos verdes e afasta ao Cerqueda da loita polos postos de privilexio tralo seu gran inicio de campaña, quedando xa a dez puntos da cabeza. O Baíñas abandona o último posto, aínda que segue en zona de descenso, empatado a puntos con Laxe e Monte Louro.
Esteirana e Coristanco brindaron un partido moi competido e onde os coristanqueses chegaron ao último minuto con 0-1 no marcador, pero os xogadores preparados por Javier Lodeiro, nun arreón final espectacular, foron capaces de empatar a contenda e conseguir o xusto empate final, pese ás oportunidades das que gozaron os visitantes, especialmente a balón parado.
Non deu opción o Camariñas ao Monte Louro no Hermanas Patiño, e sumaron un claro triunfo por 4-2, cimentado nun 3-0 aos 68 minutos de xogo, pero os xogadores preparados por Oscar Leis, pese á súa mocidade e as baixas sufridas, como a lesión do seu dianteiro Raúl, foi capaz de apertar o marcador ata un 3-2 que levou a incerteza ás gradas, sentenciando o once local xa no último minuto do partido.
Na próxima xornada, varios partidos chaman a atención dos afeccionados. Por arriba, o gran partido: Corme-Baio, co liderato en xogo. Ambos equipos encaramados ao alto da táboa, empatados a puntos, con ampla vantaxe sobre as súas máis inmediatos rivais, con mellores guarismos para os locais (42goles a favor por 14 en contra) sobre o Baio (35-16). Un gran duelo que seguro levará moitos afeccionados ao recinto cormelán de O Cairo.
Non o é menos o derbi de Mazaricos, coa visita dun renacido Castriz que busca superar na táboa aos locais, con dous puntos de vantaxe sobre os visitantes, do mesmo xeito que o partido de Buño, onde o Cerqueda recibirá a visita do San Lorenzo e igualmente separados pordos puntos na táboa.
E por abaixo, duelo crucial en Laxe, onde o técnico que debute nos locais atoparase coa visita do Baiñas, conxunto co que marcha empatado na táboa clasificatoria. En Muros, o Montelouro recibirá a un Buño ao que pode superar na táboa si derrótalle ante os seus afeccionados, mentres que o Cee recibirá unha necesitada Esteirana, que de perder podería verse nos postos de descenso.
Outro partido con tintes dramáticos será o que en fronte ao Porteño co Ponteceso, cun once local moi necesitado de puntos e un Ponteceso que vai a máis, mentres que en Coristanco, o once local recibirá ao Camariñas, situado na zona media da táboa.
En Corcubión o once blanquiazul recibirá a un Malpica situado na novena praza, pero a dous puntos dos locais, co que terán que esforzarse de xeito abondo si queren sacar algún punto.
O que si está claro é que a xornada será apaixonante, pois do noveno clasificado ao farolillo vermello hai catro puntos de distancia, que, segundo os resultados que se pode dar na xornada, podería ser ampliada ou moi recortada. Noventa minutos de paixón para iniciar o segundo terzo de competición.
Un triunfo e tres empates en Primeira
O triunfo do Dumbría, unido aos empates de Fisterra, a domicilio, Outes e Sporting Zas, en casa, fan que a xornada en Primeira poida considerarse case positiva, pois a verdade é que os tres que cederon puntos necesitaban sumar o triunfo para escapar da zona problemática da clasificación.
No Conco os pupilos de Julián deron boa conta do Val do Ulla, ao que deixan na zona baixa da clasificación, a un punto da zona de descenso, vencéndolle con comodidade por un 2-0 que coloca aos dumbrieses con catro puntos de vantaxe sobre o Tordoia, segundo clasificado tras aproveitar o 5-1 que encaixou o Cordeiro ante o Sigueiro.
Non puido ser o triunfo do Zas ante o Flavia, pois os locais viron como o once padronés, nos últimos minutos, igualaba un choque onde o Sporting levaba vantaxe desde antes do descanso con dous goles de Chapela, o primeiro de córner directo. Ao final, un empate que non satisfixo a ningún dos dous equipos,pois lles deixa a dous puntos dos postos de descenso.
En Outes, o debut de Cambeiro á fronte do once local saldouse cun empate a tres goles nun choque onde os visitantes chegaron a colocarse cun claro marcador ao seu favor, pero a entrega, loita e traballo dos da Serra propiciáronlle un esperanzador empate cunha tremenda remontada nos últimos minutos.
E o "rei do empate" volveu deixar clara esa condición e sumou un punto no seu desprazamento á Proba do Caramiñal, onde o once local non foi capaz de superar a un Fisterra ben plantado sobre o terreo de xogo e que se fixo acreedor dun triunfo que necesita para afastarse da zona de perigo, da que lle separa un único punto de vantaxe sobre o Escravitude.
Na próxima xornada, Dumbría, Zas e Outes xogan lonxe dos seus terreos, sendo de especial transcendencia o choque dos primeiros, no terreo do ata onte segundo clasificado, Cordeiro, onde podería dar un paso moi importante para afastar do liderato aos locais.
O Sporting renderá visita a un irregular Uniòn de Asados, en Rianxo, co que marchan empatados a puntos na táboa,mentres que o Outes visitará un complicado Flavia en Padrón.
Para rematar, o Fisterra recibirá a un Escravitude que, de estar nos pesto de privilexio, pasou á zona de descenso, e o triunfo dos verdes podería significar o deixar terra por medio e colocarse catro puntos por encima do descenso.
"Zarpazo" do Xallas en Sofán
O derbi da xornada en Preferente enfrontaba no Carral ao Sofán e ao Xallas, e ao final os xogadores dirixidos por Iván Cancela sumaron os tres puntos en xogo cun solitario gol do incombustible Doro, que premiaba o esforzo e traballo realizado polos visitantes na segunda metade, na que se mostraron superiores aos locais.
En Laracha, o Soneira atopouse cun conxunto en estado de graza e encaramado á terceira praza da clasificación e, pese a adiantarse os rojiverdes no marcador, a punto estivo o once soneirán de igualar a contenda nos minutos finais da contenda, tras un penalti a favor do Soneira que, transformado en gol, levou a incerteza ás gradas. E no último minuto, un defensor local sacaba baixo paus o que podía ser o empate para o Soneira. Ao final, unha derrota que deixa aos vimianceses en zona de descenso.
Na próxima xornada, o Xallas recibirá na Fontenla a un Chantada que vén de superar ao colista, Sporting Sada, por 1-0, mentres que o Soneira, no Municipal de Vimianzo, terá un duro rival no Polvorín, filial do Lugo, e que se está afastando peligrosamente dos postos de ascenso directo.
Pola súa banda, o Sofán terá outro miniderbi coa visita ao Paiosaco, na Porta Santa, equipo que se mantén na zona alta, a dous puntos da promoción e un punto por encima dos pupilos de Josito.
En Terceira, loita Nantón-Ameixenda, pola segunda praza
Co primeiro posto moi afianzado ao lado dun intratable Muxía, que conta as súas actuacións por triunfos, excepto o empate ante o Castrelo, e reafirmada aínda máis trala goleada ante o Camelle, ao que endosou un rotundo 6-0, a loita polo segundo posto parece quedar en principio para Nantón e Ameixenda, separados por un punto e con catro de vantaxe sobre un Lira que aínda non dixo a última palabra.
Xustamente os lirachos, da man de Manín, afastan desas prazas ao Castrelo, tras derrotarlle nun choque moi igualado por 1-0, mentres que o Volantes víase sorprendido no seu terreo polo Cabana, que aos poucos asoma a cabeza nos postos de privilexio.
Ameixenda e Nantón colleitaron amplos triunfos ante Outes B e Sporting Seaia, respectivamente, e ocupan a segunda e terceira praza separados por un punto.
Na próxima xornada, o Nantón e Muxía veranse as caras en terreo do terceiro clasificado, que buscará eses tres puntos que lle acheguen a un Ameixenda que visitará o complicado terreo de xogo do Castrelo, mentres que o Lira intentará sacar provecho do que suceda nestes dous choques intentando superar ao Cabana nas Redondas.
En Outes o filial recibirá a un Seaia do que lle separan tres puntos, mentres que o Camelle, colista da táboa, recibirá no seu terreo de xogo ao Volantes.
- Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A Pipa de Corredoira
- X.11: Igualdade polo título e polo descenso, tras unha xornada marcada por unha suspensión.
- X.10: Amplíanse as distancias entre os líderes e os seus inmediatos perseguidores na Liga da Costa.
- X.9: Corme e Baio quédanse sos á fronte da clasificación na Costa.
- X.8: Corme e Baio seguen pelexando polo liderado.
- X.7: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas.
- X.6: O Baio aúpase ao liderado no seu partido 800 partidos na Liga da Costa.
- X. 5: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor.
- X.4: O Laxe suma o seu primeiro punto e frea a marcha do Castriz.
- X.3: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa.
- X.2: O Corme, con paso firme.
- X.1: Arrincou a Liga da Costa co Corme como primeiro líder.
Fonte
- Manuel Corredoira ([email protected]).