Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Pipa: Deleite de goles

Imaxe dun Buño - Cerqueda do ano pasado
A Pipa: Deleite de goles
O derbi Cerqueda - Buño rematou con 10 goles-Foto-UD O derbi Cerqueda - Buño rematou con 10 goles-Foto-UD Xornada moi interesante con resultados espectaculares, en especial na 2ª Autonómica da Costa, con dous empates con 16 goles para deleite dos espectadores e desesperación dos adestradores. Partidos moi intensos en moitos campos, nos que a emoción foi o denominador ata o minuto final.

2ª Galicia

Na Liga da Costa, o Mazaricos segue demostrando o por que do seu liderato, e no complicado terreo de xogo de Louro repetiu o resultado da semana pasada cun 0-3 que demostra o seu potencial, tanto ofensivo como defensivo, mentres que os homes de Oscar Leis venderon cara a súa derrota, pese ao 0-3 final. Non falla o Ponteceso, cun comezo de tempada irresistible, e no partido da xornada, xunto co disputado en Muxía, sumou os tres puntos en disputa no complicado campo do Municipal de Vimianzo ante o Baiñas, que ve como se afastan os tres primeiros clasificados. O partido foi moi disputado, cun Ponteceso que se adiantou cun 0-2, recortado polos locais, pero sentenciado polo equipo dirixido por Mato. O outro encontro da xornada medía en Muxía aos locais de Adrián Lema cun Corme que contaba os seus compromisos por triunfos, pero dous goles moi rápidos dos rojillos puxéronlle o encontro moi costa arriba aos azuis, aínda que recortaron distancias por medio do seu goleador Alejo, pero non foron capaces de igualar a contenda. Gran partido no derbi entre Buño e Cerqueda, onde os locais, mostrando unha gran melloría no seu xogo, viron como os pupilos de Periscal remontaban un resultado adverso e facíanse cun dos puntos en xogo cun marcador dos de antes. Un 5-5 final que premio o traballo desenvolvido por uns e outros para deleite dos afeccionados que se deron cita en Xaviña. Intenso encontro en Muros, onde o Volantes viu como un respondón e traballador Lira sumaba o seu primeiro punto da competición ao empatar no Eleuterio Balayo a tres tantos, con merecimentos para ata alcanzar o triunfo, pero o postrer tanto local premiou o traballo e a loita dos pupilos de Sil. Partido intenso en Malpica, onde o Sporting Zas adiantábase moi pronto no marcador, pero as accións a balón parado e a contra significaron o triunfo para un Malpica que comezou irregular para terminar facéndose cos tres puntos en xogo pese aos intentos finais dun Zas que segue mostrando irregularidade no seu xogo. Primeiro triunfo do Cee na competición ante os seus afeccionados sobre un Muros que se viu superado polo xogo local. O partido foi controlado polo equipo de Roski, que non deu opción a un conxunto celeste que, pese ao resultado final, traballou para recortar distancias, pero sen alcanzar o seu obxectivo final. Sufriu, e moito, o San Lorenzo para sumar o triunfo en Verdillo ante un Ameixenda que parece ir tomándolle o pulso á competición vendendo moi cara a súa derrota e chegando a colocar o 1-1 no marcador, pero ao final, o 3-1 foi a recompensa ao traballo dos rojillos que frean a reacción dos ceeses. Na próxima xornada, partido grande en Ponteceso, onde o once invicto local recibirá a visita dun Muxía que se atopa a dous puntos dos locais, na terceira praza da clasificación. Pola súa banda, o líder, Mazaricos, recibirá en Pino do Val a un Malpica que é capaz do mellor e do peor. Non o terá fácil o Corme no seu terreo onde será anfitrión do Monte Louro, do mesmo xeito que o Sporting Zas en San Andrés, a onde chegará un San Lorenzo que ocupa a quinta praza da clasificación, un punto por encima dos locais. En Muros, o Baíñas intentará romper a racha de tres derrotas consecutivas ante o conxunto local, do que lle separan dous puntos na táboa. Duelo importante en Carnota, onde o Lira recibirá ao Buño, do mesmo xeito que o choque en Cee, onde o Ameixenda buscará o seu segundo triunfo da competición ante un Volantes que quere arrincar na Liga. O Cerqueda, rei do empate tras cinco xornadas, medirase en Xaviña a un Cee que inaugurou o seu casillero de triunfos a pasada xornada.

Preferente

Dobre triunfo en Preferente, onde o Sofán mostrou un alto potencial goleador na visita do colista da clasificación, Estudiantil, ao Carral. Os pupilos de Iván Cancela non deron opción aos visitantes, aos que endosaron un rotundo 7-2, que coloca aos rojillos na décima praza da táboa, empatados a puntos co Xallas e o Dubra. Xustamente estes dous conxuntos enfrontáronse na Fontenla esta xornada, e os verdes, tralo cambio de adestrador, volveron repetir triunfo, nesta oportunidade cun rotundo e merecido 3-0, que demostra a mellora dos xalleiros e deixa tocado a un Dubra que parece haberse desinflado nestas últimas xornadas. Na próxima xornada, dobre saída dos equipos costeiros á zona lucense, onde o Xallas renderá visita a unha Sarriana en estado de graza e ocupando a segunda posición da táboa, mentres que o Sofán viaxa a Viveiro para medirse a un once local que ocupa a oitava praza, dous puntos por encima dos sofanistas.

1ª Galicia

Excelente xornada en Primeira, onde todos os conxuntos costeros sumaron puntos, tanto en casa como nos seus desprazamentos, merecendo moito máis a Esteirana en Padrón, ante o Escravitude, onde os pupilos de Geno fixeron un encontro no que o resultado debería terse decantado ao lado azulgrana, pero ao final tiveron que conformarse cun inxusto 2-2, pese ao seu mellor xogo e traballo. Non cede o Baio, segundo clasificado, e no Pratas Reinoso logrou un merecido triunfo ante o Bertamirans por 2-1. Os baieses mostráronse superiores ao seu rival e fixéronse acreedores a sumar os tres puntos en xogo, ante un conxunto que segue en zona de descenso directo. Gran vitoria do Soneira no campo do Cordeiro, demostrando a súa recuperación os homes de Pedro Gómez, que suman o seu segundo triunfo da tempada e saen da zona de descenso de xeito merecido. O Fisterra deixou claro o seu potencial no terreo de xogo do Chaián, ao que endosou un claro e rotundo 0-3, que premiou o mellor xogo e traballo dos verdes, que se aúpan á terceira praza da clasificación, un punto por baixo do Baio. E o que deixa clara que a súa recuperación é un feito é o Dumbría, que venceu ao Bastavales no Conco por 2-1 e colócase na zona media da clasificación e, pasiño a pasiño, deixa claro que o seu comezo irregular vai quedando cada vez máis superado. Na próxima xornada, partido grande en Esteiro, onde os azulgranas recibirán a visita do Club Deportivo Baio, con puntos moi importantes en xogo. A Lalín viaxará o Dumbría para medirse a un once local do que lle separan dous puntos na táboa. O Soneira buscará o seu segundo triunfo consecutivo no Municipal de Vimianzo, a onde chegará un Unión que, pese ao seu potencial, non termina de situarse na zona alta da clasificación. Dous puntos separan ao Fisterra do Praiña, o seu visitante nesta xornada en Ara Solís, nunha boa oportunidade de deixalo a distancia na táboa.

3ª Galicia

Cambio de líder na Terceira da Costa, co triunfo do Coristanco por goleada sobre o As Baleas, que deixa aos verdes á fronte da clasificación pola derrota do ata ese instante líder, Castrelo, no seu terreo de xogo fronte a un Porteño que ensinou os seus garras e sumou o triunfo por 0-1 nun encontro moi disputado resolto ao final polos homes preparados por Varela. O Castriz mostra as súas claras intencións e potencial derrotando, e goleando, ao Laxe en San Pedro, ao que endoso un 6-0 amplo nun choque dominado de principio a fin polos rossoneri. Cómodo triunfo do Outes no Conchido ante un Seaia que segue sen sumar puntos no que vai de campaña. O 3-0 final foi suficiente para que os blanquinegros mostrásense superiores aos seus rivais. Reparto de puntos en Camariñas entre un once local que non termina de arrincar e un Corcubión capaz do mellor e do peor no que vai de campaña. Os dous están fóra dos postos de play-off ou ascenso, aínda que a competición non fixo máis que comezar. Rexorde o Cabana, que nun gran encontro, que se lle puxo moi costa arriba, foi capaz de remontar ao Camelle e sumar os tres puntos no difícil terreo de xogo camariñán, ata vencer por 2-3 e colocarse cuarto a dous puntos do liderato e cun encontro menos disputado que os líderes. Na próxima xornada, partido grande nas Redondas, onde o Cabana medirase ao Castriz, e non menos grande o duelo de Nantón, onde o once local, que descansaba a pasada xornada, terá a visita do Coristanco, líder invicto da clasificación. Doble derbi camariñán, un na Ponte do Porto, onde xogará o Camariñas co Porteño, así como no Hermanas Patiño, a onde chegará o Camelle para render a súa primeira visita ás Baleas. O Outes viaxa a Corcubión, nun duelo dos históricos da Costa, e o Laxe buscará borrar a goleada da pasada xornada ante un Castrelo que cedeu o liderato a pasada xornada. Nesta ocasión descansará o Seaia.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as crónicas do Fútbol da Costa

 

Comentarios