Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Pipa: Mazaricos e San Lorenzo mostran as súas credenciais para acosar aos líderes

A Pipa: Mazaricos e San Lorenzo mostran as súas credenciais para acosar aos líderes
Imaxe do Mazaricos Castriz dunhas xornadas-Foto-Nuria Vidal Imaxe do Mazaricos Castriz dunhas xornadas-Foto-Nuria Vidal A 14ª xornada da competición na Costa deixa a 4 equipos sós na cabeza da clasificación xeral, pois o Castriz cedeu na súa marcha, co que a Corme e Baio, que non fallan, lle presentan as súas credenciais para inquedalos na súa marcha Mazaricos e San Lorenzo. O Corme pasouno mal en Esteiro, onde venceu pola mínima (2-3), sufrindo ata o final, pois os xogadores preparados por Javier Lodeiro, malia a súa mocidade e xogar durante trinta minutos cun home menos, souberon contrarrestar a maior experiencia dos azuis a base dun traballo intenso e non deixando evolucionar aos líderes, chegando a colocar un 2-0 en elo marcador, pero tres goles de Alejo, dous deles de penalti, o segundo a cinco minutos do final fixeron que os tres puntos voasen para terras cormelanas e que o Corme manteña a primeira praza. O Baio sumou unha nova vitoria, con máis problemas dos esperados por momentos, ante un Corcubión que se adiantou no marcador chegou a igualar o mesmo a dous tantos, pero ao final os blanquiazules non fallaron e sumaron os tres puntos en xogo que lle permiten seguir empatados a puntos co Corme á fronte da táboa. Excelente vitoria do Mazaricos no mini-derbi ante o Baiñas en Vimianzo, derrotando aos verdes por 2-4, nun choque máis igualado do que parece dicir o tanteador final, pois os dous últimos tantos visitantes foron nos postreros cinco minutos, deixando aos locais deixa na zona de descenso compartindo a última praza co Laxe, conxunto que se viu desbordado por completo en Verdillo, onde o San Lorenzo, en liña ascendente cada vez maior, endosoulle un resultado dos de antes (8-0), e deixa aos laxenses moi tocados no fondo da táboa. Sorpresa en Castriz, onde o once local, tras adiantarse no marcador na segunda metade, viu como o Montelouro, cun gol no último minuto, daba a volta ao tanteador e sumaba un triunfo importantísimo que lles serve aos homes de Oscar Leis para alcanzar a décima praza e deixar a zona de descenso a catro puntos. Os rossoneros perden comba cos primeiros clasificados, pois xa son catro os puntos que lle separan da cuarta posición. No duelo máis importante da xornada, o Ponteceso vencía a un Cerqueda que prácticamente se despide da zona de privilexio, quedando a nove puntos do pódium. Mentres, os homes de Barca superan aos seus rivais en catro puntos, pero quedan, como o Castriz, moi lonxe da cabeza da táboa. Golpe sobre a mesa do Porteño na súa visita a Malpica, onde, contra todo pronóstico, sobre todo tralo 0-5 dos malpicáns da pasada xornada, souberon nadar e gardar a roupa, arrincando un triunfo incuestionable por 0-2, deixando aos locais con 17 puntos e a un punto dos seus verdugos desta semana. Buño e Coristanco asinaron un empate que non satisfixo nin a uns nin a outros, malia quedar os dous fose do descenso directo, pero a un único punto de distancia co Corcubión e dous sobre Baiñas e Laxe. Foi un partido moi intenso onde os dous trataron, sobre todo, de non perder e sumar puntos, e no que se adiantou o once local dez minutos antes da súa conclusión, para empatar o conxunto dirixido por Alberto Pensado cando se chegaba ao minuto 87 de partido. Camariñas e Cee asinaron un empate sen goles, o único choque da xornada que non viu a sorte suprema do gol, e moita culpa tívoa o excelente labor das defensas realizadas por ambos conxuntos. Para os camariñáns supón o punto 22, mentres que o Cee queda con 14, dous por encima do descenso, a falta de tres xornadas para o final da primeira volta. Na próxima xornada, os líderes terán duros compromisos, pois o Baio renderá visita ao complicado terreo do Porteño, mentres que o Corme recibirá no Cairo ao Camariñas. Os seus dous perseguidores xogarán dous encontros dispares, pois o Mazaricos, no seu terreo, recibirá ao sorprendente Montelouro, mentres que o San Lorenzo renderá visita a un Baíñas que non pode ceder punto sen a súa loita por saír do pozo no que se atopa. Derbi ao grande en Buño, onde o Cerqueda medirase ao Malpica, ambos pasando por momentos pouco positivos. O outro conxunto do concello malpicán, Buño, buscará sorprender no seu terreo a un Cee que necesita romper a racha sen gañar que atravesa. Outro mini-derbi verase na Rocheira, onde o Coristanco, necesitado de sumar de tres en tres, terá un complicado rival nun Castriz que non quere afastarse de xeito definitivo da zona alta da táboa clasificatoria. En Laxe, os locais terán un óso duro de roer nun Ponteceso ao alza, que quere reengancharse á zona de privilexio, pero os locais, farolillo vermello da competición, necesitan gañar si ou si,. Non pode fallar o Corcubión no seu terreo de xogo, recibindo a unha Esteirana da que lle separan dous puntos, polo que o partido é moi importante para os dous equipos. Desde logo, a competición está ao vermello vivo tanto por arriba como por abaixo, pois, aínda que na loita polo título a diferenza entre os dous primeiros co terceiro é de cinco puntos, na zona de descenso, do último ao décimo posto hai cinco puntos, co que unha vitoria, ou unha derrota, poden complicar ou aliviar a todos os equipos.   Un triunfo e dúas derrotas en Preferente Únicamente colleitou un resultado positivo o Sofán en Preferente, que gañou con grandes apuros e moito esforzo ao Betanzos. Os sofanistas adiantáronse cun 2-0 no marcador, aos 32 minutos, pero unha reacción dos visitantes colocou o 2-2 antes do descanso, con dous tantos en seis minutos. Na segunda metade, un tanto local, a falta de pouco máis de quince minutos, deu o triunfo aos locais, que se sitúan na oitava praza. Mal partido do Xallas en Ribadeo, onde os pupilos de Iván Cancela non estiveron ao nivel das últimas xornadas e víronse superados por un once local que aos poucos se ha ir situando na zona media da clasificación, deixando aos xalleiros na décima praza, pero a tres puntos dos postos de promoción de ascenso e sete por encima da zona de perigo. Nela atópase o Soneira, que perdía inmerecidamente no seu desprazamento a Monforte, ante o Lemos, onde os de Vimianzo mereceron moito máis do que se levaron, e un solitario tanto, mediada a primeira metade, outorgou a vitoria aos monfortinos. O Soneira, na segunda metade, buscou afanosamente o empate, cando menos, pero o gol volvéuselle a mostrar esquivo para os seus intereses. Na próxima xornada, complicado desprazamento do Soneira a terreo dun Estudiantil ancorado na segunda praza da táboa clasificatoria cunha ampla vantaxe sobre o terceiro, mentres que o Soneira necesita puntuar para poder achegarse á permanencia. Quen lle pode axudar nese logro é o Xallas, que recibirá na Fontenla a unha Sarriana que ocupa a terceira praza de descenso e que, de gañar, podería ascender na clasificación e seguir soñando con eses postos de promoción de ascenso a Terceira División. Pola súa banda, o Sofán xogará en Arteixo nun duelo onde os locais chegan a tres puntos de distancia do Sofán e tras saír derrotado do terreo do líder intratable, Noia. De puntuar, os pupilos de Josito poden dar un importante salto na tabla en pos dos postos de privilexio.   O Dumbría salvou os mobles en Primeira Únicamente o Dumbría sumou os tres puntos en xogo en Primeira Autonómica, pois os outros tres representantes costeros saldaron os seus compromisos con derrotas, algunha delas inesperada. No Conco, o histórico Lalín non foi rival para os pupilos de Julián Ferreiro, que xa deixaron visto para sentenza o duelo nos primeiros corenta e cinco minutos, ao término dos cales gañaban por 3-0, o que lles deixa como líderes moi solitarios, pois o Tordoia, único invicto, perdía esa condición en Sigüeiro e xa está a catro puntos dos líderes. Non tivo opción o Fisterra na Golada, onde o once local, que se sitúa na terceira praza a un punto do segundo, superoulle con relativa comodidade por 3-1, deixando aos verdes na decimotercera posición da táboa, cun colchón de catro puntos sobre o descenso, pero sen poder despistarse un ápice. En Zas saltou a sorpresa, polo menos tralos noventa minutos, pois o Sporting non foi capaz de superar a un Silleda que o único que fixo foi aproveitar a súa oportunidade e defender con orde. Os pupilos de Víctor Pazos dominaron o partido, pero sen moito ritmo nin intensidade, e iso favoreceu a un once visitante que sumou un triunfo que non mereceu en exceso, e que deixa aos sportinguistas dous puntos por encima do descenso. Non puido sumar puntos o Outes ante un Unión que soubo nadar e gardar a roupa para sumar un triunfo pola mínima na Serra, na primeira derrota trala chegada de Cambeiro ao banquiño blanquinegro, co que a zona de salvación está a cinco puntos do Outes. Dous duelos chaman a atención na próxima xornada, e serán os que enfronten a Tordoia (segundo) e Dumbría (primeiro), en terreo dos primeiros, con tres puntos moi importantes en xogo e, onde, de gañar, o Dumbría allanaría o seu camiño polo ascenso; e o outro o que medirá a Zas e Outes, moitísimo en xogo para ambos equipos, que necesitan cortar as rachas negativas que arrastran e escapar da zona de descenso os locais e achegarse á permanencia os visitantes. O Fisterra, pola súa banda, renderá visita a un Silleda que vén de gañar en Zas e está situado nunha cómoda novena praza con 21 puntos, o que lle outorga unha relativa tranquilidade de face ao seu obxectivo primordial da permanencia.   Pincharon Nantón e Ameixenda en Terceira Logo da derrota da pasada xornada, o Muxía retornou á senda do triunfo e venceu, con contundencia, ao Sporting Seaia por 4-0, co que os da Barca cada día están máis cerca do retorno á Liga da Costa, aumentando a oito puntos a súa vantaxe sobre as súas máis inmediatos perseguidores, quen fallaron ambos. O Ameixenda viu como o Cabana, que quere puxar pola quinta praza que dá opción á promoción de ascenso, arrincáballe un empate en Cee, tras adiantarse os locais no marcador e conseguir igualar o cabana. En Muros, dous dos aspirantes aos postos de promoción, Volantes e Nantón, repartíanse os puntos nun choque tremendamente disputado e emocionante, que deixa aos visitantes a un punto do Ameixenda e sete por encima dos seus rivais,que ven como o Castrelo, que retornou á senda das vitoria no seu encontro sabatino ante o Outes B, ao que gañou pola mínima, iguálalles na procura da última praza de promoción, pois a outra parece próxima do Lira, que da man de Manín, segue pasito a pasito chegando aos postos de horna, e, aínda que sufriu moito, foi capaz de superar a un Camelle que vendeu cara a súa derrota por 3-2. Na próxima xornada o Muxía renderá visita ao Outes B, partindo como favorito e contando as datas para que se produza a súa ansiado retorno á Liga da Costa. Pola súa banda, o duelo da xornada será o que en fronte a Nantón e Lira en terreo dos primeiros, e que podería aclarar moito o panorama nos postos altos da clasificación. Moi pendente deste choque estará o Ameixenda, que non pode fallar na súa visita ao farolillo vermello, Camelle, mentres que Volantes, no campo do Seaia, e Castrelo, en Cabana, buscarán eses puntos que lles manteñan nesa loita pechada polos postos de promoción aos que pode dar alcance o Cabana si vence ao equipo de Vimianzo.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios