A previa da xornada

09:58 17/11/17
Non hai excusa para quedar na casa esta fin de semana, coa manchea de grandes partidos que hai espallados pola nosa xeografía futbolística. Varios derbis, encontros que xa empezan a ser importantes polos puntos en xogo, e puntos de inexcusable atención os que nos esperan sábado e domingo, tanto en fútbol senior como en base.
A Esteirana pode ser a gra beneficiada da xornada, se consigue vencer o seu encontro
En Preferente Norte, os nosos tres representantes viaxan a terras lonxanas. O Xallas tentará de reafirmar as boas sensacións en Lugo ante un rival directo, o Residencia. O Dumbría busca romper a súa mala xeira nun difícil campo dun grande vido a menos, o Viveiro. O Sofán pola súa parte visita ó líder Paiosaco, nun encontro que está a levantar moita expectación, e que a bo seguro rexistrará un cheo nas gradas.
En 1ª Galicia, o derbi Baio - Fisterra centra a atención da xornada. Chegan ambos equipos separados únicamente por un punto, na zona baixa da clasificación, e os puntos en xogo parecen vitais para os dous conxuntos. O Baio ven de caer en Cordeiro, e o Fisterra do estreno de Noé no banco con vitoria ante o Tordoia. O Soneira viaxa a Tordoia en xornada sabatina a tentar pescar na casa do colista, que non será nada fácil. Os de Tordoia dispoñen de novo adestrador, o carballés Barca, ex do Puenteceso. O San Lorenzo pola súa parte ten un rival difícil no Bertamiráns, e un campo incómodo polas dimensións e o tipo de fútbol que alí se soe ver.
Na Liga da Costa un partido chama a atención por enriba dos outros: ese Corme - Mazaricos que medirá as posibilidades de ambos equipos de cara ó título de liga. Os dous chegan en bo momento, e o Cairo a bo seguro que vivirá unha desas xornadas que tanto nos gustan. Será o Corme o primeiro que derrote ó Mazaricos?. Outro derbi de máximo interese é o Puenteceso - Cerqueda, apaixoante pola rivalidade que teñen ambos equipos e por ver se os locais son capaces de seguir a estela do líder. Non lle vai á zaga o Baíñas - Muxía, por cercanía e posicións na tabla, clarificará moito para ambos equipos. Como vemos, tres encontros da máxima, que non nos podemos perder. Se queres ver todos os partidos e horarios, en www.futboldacosta.com.
O Volantes busca manter o liderato no Sampaio de Refoxos
En 3ª Galicia, a cita está en Cee, en ese Ameixenda - Volantes que se presenta de infarto. Dous clásicos nos banquiños, Sil e Manolín, sacarán toda a súa sapiencia para derrotar ó rival. O Cabana - Laxe, derbi histórico onde os haxa, non lle vai á zaga, pois os de Cabana teñen que repoñerse o tropezo en Outes e o Laxe seguir ascendendo na clasificación. O Porteño - Castriz é outro dos partidos de máximo interese, por ver se ambos equipos non se descolgan da zona noble.
Hai para elixir, e o luns sorteo de Copa. Que mais queremos?

