![Vigo-Deportivo-50-anos-Futbol-da-Costa]()
O periódico
Vigo Deportivo, dedicado case integramente ao deporte de Vigo e comarca (do R.C. Celta ó Club de Remo de Cesantes), fixo unha excepción no nº 305 (do mes de agosto deste ano) e dedicoulle unha páxina enteira a unha publicación totalmente allea ao mundo deportivo vigués. A revista conta co apoio económico do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra.
Baixo o título “
50 anos da historia do fútbol da Costa. Un novo libro do fútbol na Costa da Morte” o xornalista deportivo da cidade olívica, Manuel Costas Duarte, escribiu unha recensión moi completa da enciclopedia do fútbol da Costa da Morte, a primeira que se publica deste libro. Manuel Costas foi correspondente de xornais como
El Pueblo Gallego e
Faro de Vigo e no ano 2011 publicou o libro “
El fútbol hizo historia en Candeán (1937-2010)”, dedicado a este equipo modesto do barrio do Cabral vigués.
O reporteiro empeza a súa análise crítica recoñecendo o valor deste ambicioso traballo de investigación para as elaboracións deste para o “monumental libro” sobre unha das competicións “máis senlleiras do fútbol galego”. É de agradecer que desde fóra da comarca se lle dea o valor que lle corresponde tanto a esta nosa Liga xa cincuentenaria –a máis famosa de modestos de toda Galicia- como á última das súas publicacións.
Tras unhas notas biográficas dos autores, Manuel Costas pasa a describir a obra: o número de páxinas (608), o formato, os resumos estatísticos, a ampla variedade de fotografías das diferentes épocas de case todos os equipos, os 400 cadros con resultados e clasificacións, o desenvolvemento do torneo da Copa ao completo, os goleadores de cada tempada etc. Tamén lle chamou a atención que, ademais dos resumos de cada ano co campión e subcampión da Liga e da Copa, tamén houbese un lugar para o pechacancelas, co simbólico trofeo do farol vermello.
Tamén se salienta o feito de que o libro non só se remita a narrar a historia oficial de 1964 a 2014, “senón que se remonta 40 anos atrás ao que chaman
Prehistoria do Fútbol da Costa, aqueles primeiros encontros das décadas de 1920 e 1930 entre os conxuntos das vilas e aldeas da zona, cando aínda o fútbol era ‘
football’, o árbitro ‘
referee’ e o equipo ‘
team’”.
Remata a recensión con este parágrafo: “Todo aquel lector que queira afondar e coñecer en profundidade sobre a Liga da Costa, terá que consultar este libro, que ao longo das súas páxinas recolle o mellor de medio século do balompé da Costa coruñesa”.
En suma: reconforta ver que desde o sur de Galicia, a moitos quilómetros de distancia, se valora como é debido esta obra enciclopédica do noso fútbol modesto.
Novas relacionadas
Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa