A Xornada: consumouse o descenso do Dumbría

09:45 28/05/18
Vaia xornada a de onte, desastrosa para os intereses dos nosos equipos. Todo o que podía ir mal, así foi. Na Preferente Norte fíxose definitivo o descenso do Dumbría. Onte volveu a repetirse a historia de moitos partidos. Os de Nacho adiantáronse con gol de Pesco, pero nun encontro duro e competido cederon na segunda metade, onde un San Tirso que se xogaba a permanencia tamén foi capaz de darlle a volta ó marcador. O Dumbría, quizais abatido polas noticias que chegaban de outros campos, sobre todo da zona de Lugo, non foi quen de acabar a tempada cunha vitoria que de todas maneiras de pouco tería servido. Así os do Conco xogarán en 1ª Galicia o ano que ven. Nos outros partidos da categoría, Xallas e Sofán viaxaron a Ribadeo e Escairón a cumplir o expediente e trouxeron sendos empates. Ambos equipos están máis pendentes das semifinais copeiras que do final de liga.
O descenso do Dumbría levará case que con toda seguridade ó Fisterra á Liga da Costa, pois a outra esperanza que tiñan os fisterráns, que era o ascenso do Puebla, onte sufriu un duro reves, pois os Changui e compañía caeron na súa casa no primeiro partido de promoción de ascenso ante o Carral por 2-3. Difícil aínda que non imposible a remontada, así que haberá que esperar ó partido de volta para saber se os de Noé manteñen ou non a categoría.
A terceira pata do banco en canto á atención costeira era o Mazaricos, que perdeu case que todas as posibilidades de ascenso ó caer derrotado en Esclavitud por 2-1. O conxunto de Roberto Amoedo suma dúas derrotas noutros tantos partidos e terá que esperar a sumar os dous partidos que lle quedan por vitorias e que se den os resultados axeitados se queren ascender a 1ª. Difícil o vemos, aínda que sabemos que os amarelos loitarán ata o final das súas forzas, como neles é costume. Outes e Cee observan dende a distancia a situación de Mazaricos e Fisterra e agora mesmo vense máis cerca da 3ª que da 2ª Galicia.

