mércores. 30.04.2025
El tiempo

As cores do meu equipo: Ponteceso S.D.

As cores do meu equipo: Ponteceso S.D.
Por que o meu equipo leva esta cor? A esa pregunta queremos responder con esta nova sección de verán “As cores do meu equipo”. Unha sección que sae da fermosa exposición de camisetas que fixemos, coa axuda dos técnicos do Concello de Santa Comba, na V gala do Fútbol da Costa – QPC. Os que xa estivestes, xa puidestes ler a vosa historia, pero seguro que hai centos de siareiros do voso equipo que non saben o porqué das cores da túa camiseta.

As cores do meu equipo: Ponteceso S.D.

Camisetas do Puenteceso SD Camisetas do Ponteceso SDEscudo e ano de fundacion Ponteceso SD

Un dos decanos da Liga o Ponteceso, sempre vestiu de branco, e sempre foi na honra do Real Zaragoza. Conta o mítico Barrié, lenda viva do cadro pondaliano, que aló polos anos 60 xogaban no cadro maño dous xogadores da Coruña, Severino Reija e Marcelino, un os 5 Magníficos que foi o xogador que marcou o gol a Unión Soviética que lle deu a primeira Eurocopa á Selección Española. Naqueles tempos, os cromos que saían nas “gallegas de vainilla” dos xogadores do Zaragoza eran máis aprezados mesmo que os do Madrid ou do Barcelona. Por iso decidiran, xa antes de federar o club, que o equipo xogara de branco, mesmo incluíndo no escudo o típico león da camiseta zaragocista. De feito, o club chegou a recibir unha carta do Real Zaragoza, agradecendo que un equipo afeccionado da rexional galega incluíse o seu león no escudo.

A do pantalón aínda é unha historia máis antiga. Corrían finais dos anos 50, cando Jesús Gómez Gómez (que acabaría sendo o primeiro presidente), rexentaba un establecimento que tiña de todo, coñecido como “pequeno Corte Inglés”. Os rapaces que xogaban naquelas ligas de Peñas acodían a “Don Jesús” para pedir axuda para conseguir uns pantalóns, e el e mais a súa muller, “Dona Pilar”, axudáronse para facer uns pantalóns coas telas negras que sobraban dos traxes máis típicos que se encargaban na época, os de luto.

Así, os primeiros partidos federados aínda se xogaron con pantalón negro, pero pouco despois, unha nova directiva quixo facer un guiño á bandeira galega incluíndo o azul no pantalón, quedando ata a hoxe a equipación actual de camiseta branca e pantalón azul.

 

Novas relacionadas

Comentarios