Caeron os grandes Comandantes
22:17 27/11/16
Dumbría e Muxía, líderes invictos de Primeira e Terceira, perderon esa condición o mesmo día; na Liga da Costa houbo armisticio na gran batalla entre Corme e Baio
Brais, do Corme, nun acción do partidazo de hoxe - Foto: Santi Díaz
A fin de semana que pasará á historia do mundo contemporáneo pola pasamento do Comandante Fidel Castro pareceu empaparse dese mesmo sentemento e recordo no que ao fútbol da Costa atingue. Se o sucedido en Cuba pareceu ser o despertar do soño romántico e de revolución que levaba vivo desde hai medio siglo, o de Cordeiro e Nantón futbolísticamente falando foi a humanización e perda dese certo algo máxico que parecía rodear a Dumbría e Muxía, líderes incontestables e ata agora invictos de Primeira e Terceira. Segue a loita armada das élites de Segunda, Corme e Baio, que no seu cruce directo asinaron unha sorte de armisticio de cara a un ano que se adiviña longo e apaixoante no seu cara a cara.
Tres novas diferentes transmitiu a Preferente. Para o que xogaba o enfrontamento máis especial, o Sofán, tocou carbón. O derbi co Paiosaco, un capítulo máis na historia dun clube que está a vivir os capítulos máis intensos, saldouse cunha derrota normal por orzamentos e aspiracións, pero que polo visto sobre o campo ben pudo ter sido outra cousa. Sen goles rematou o compromiso dun Soneira que tiña un oso na chegada a Vimianzo do filial do Lugo, e que a pesares da necesidade clasificatoria supo entender que o fundamental era rendir a un alto nivel defensido. Tiveron os de Manolito unha vez máis varias accións para mudar o signo, pero o resultado debe ter unha lectura en forma positiva. E unha semana máis, e van unhas cantas seguidas, o Xallas foi o alumno aventaxado da clase, cun triunfo ante o Chantada que xa lle deixa máis preto dos postos de ascenso que de perigo para a supervivencia.
O equipo que parecía invencible volveuse terreal na provincia de Pontevedra. Caeu o Dumbría en Cordeiro, ante un rival directo e no que foi un dos partidos máis frouxos da tempada. O colchón dos dous meses anteriores minimiza ata a categoría de anécdota o sucedido. A festa foise moi preto, a Fisterra, onde o cadro da Vila do Cristo celebrou a súa terceira vitoria do curso, aínda que para o recordo queda a case unha hora que tardou en chegar a ambulancia ata Ara Solis, despois que de que unha seareira recibise un balonazo de forma fortuita. O encontro estivo parado todo ese tempo, para incredulidade dos asistentes, que atónitos comprobaban nos seus smartphones se é certo que é o ano 2016 na Costa da Morte. Invicto, aínda que co segundo empate seguido, está o Outes de Alfredo Cambeiro, que esta vez trouxo de Padrón un botín tremendamente difícil.
Era non previsible, pero si moi posible a igualada a todo entre Corme e Baio, nunha tarde con ambiente de semifinal copera e nun espectáculo que resultou unha especie de pedigree a dous líderes similares en moitos aspectos. Curiosamente, os aspirantes a discutir esa bicefalia non foron quen de aproveitar a circunstancia. Mazaricos e Castriz igualaron entre eles, e o Ponteceso fixo o propio na Ponte. Só San Lorenzo e Camariñas deron un salto cualitativo na táboa. A nota preocupante da semana a puxo un Cee borrado do campo pola Esteirana.
De Terceira queda unha vez máis o carácter do Nantón, primeiro verdugo da tempada para o Muxía e que confirmou que a pesares dos seus reducidos recursos en moitos aspectos é un auténtico trago pesado para calquera grande que pase por Fontiñas. Lira e Ameixenda aproveitaron para recurtar.
Caeron os mitos, pero o legado construido durante meses perdura e seguramente perdurará aínda por moito tempo, porque a lume teñen grabado no seu credo 'ata a vitoria sempre'.
PreferenteNorte, xornada 15
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 13
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 13
LigaGalega Xuvenil, xornada 12
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 8
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 12
LigaGalega Cadete, xornada 12
1ªCadete, xornada 9
LigaGalega Infantil, xornada 11
1ªInfantil, xornada 11
LigaAlevínSur, xornada 7
LigaBenxamínSur, xornada 7LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.