xoves. 01.05.2025
El tiempo

Carballo acolle esta fin de semana o I Chanllenge Junior

Carballo acolle esta fin de semana o I Chanllenge Junior
challenge-junior-carballo Na proba - presentada onte oficialmente - participarán uns 80 ciclistas Máis de 80 deportistas daranse cita esta fin de semana en Carballo no marco da I Challenge Junior; unha proba organizada polo Club Ciclista Carballo, coa colaboración do concello e da Federación Galega, que reunirá a ciclistas “que dentro duns anos poderemos ver na Volta, no Giro ou no Tour”. As palabras e o presaxio son de Guillermo Sande, técnico da Federación Galega de Ciclismo e seleccionador galego, que participou onte na presentación do evento xunto co vicepresidente e director deportivo do Club Ciclista Carballo, Juan Seoane, e os concelleiros de Promoción Económica e Deporte, Xosé Regueira e Marcos Trigo. Este último foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer ao Club Ciclista o traballo que vén realizando pola promoción do deporte e á Federación, a elección de Carballo para acoller a primeira proba da Copa Galicia 2018. Pola súa banda, Juan Seoane, que tamén tivo palabras de agradecemento para o Concello, “pola aposta pola challenge e o ciclismo, e por facilitar tanto as cousas”, e para a Federación, explicou o desenvolvemento da competición. “Unha challenge - apuntou é unha volta con probas independentes”. Neste caso serán 3, cada unha delas co seu gañador ou gañadora e co seu podio. A primeira, Razo-Monte Neme, sairá o sábado ás 11:00 horas. Ese mesmo día, ás 16:30, arrancará Razo-Razo, unha carreira de 60 quilómetros polo mesmo percorrido da primeira proba que organizou o Club Ciclista Carballo no ano 1989, e que dalgún xeito rende homenaxe aos fundadores da entidade neste ano do seu 30º aniversario. A terceira proba será o domingo, co percorrido habitual de 89,5 quilómetros polos concellos de Coristanco e Carballo, e que ademais da primeira proba da Copa Galicia, da que, polo tanto, sairá o primeiro líder, será unha boa oportunidade para o seleccionador galego. O I Challenge Junior Carballo reunirá a máis de 80 corredores/as de 13 equipos, catro deles de fóra de Galicia (dous cántabros, un leonés e un toledano). “Carballo  - sinalou Guillermo Sande - é un dos concellos galegos que máis se implica co ciclismo”. Pero tamén destacou o traballo do Club Ciclista, por “meterse en boas guerras” nun momento no que hai moitos problemas, dixo, para organizar probas en estrada. O representante da Federación quixo, neste sentido, destacar “moi especialmente” a colaboración da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, que, xunto con Protección Civil e o voluntariado da propia organización, formarán parte durante estes dous días dun equipo de máis de 100 persoas traballando para que todo saia ben. Xunto co deporte, a I Challenge Junior resume tamén a filosofía da área de Turismo. O seu responsable, Xosé Regueira, apuntou que “sempre tivemos claro que as entidades deportivas son un dos mellores soportes para a marca turística Carballo”, non só porque, como no caso do Club Ciclista, “levan o nome de Carballo por onde van e lévano con moito orgullo”, senón tamén porque organizan eventos que atraen a moita xente ao noso concello e iso xera “economía”. O concelleiro de Promoción Económica considera que sería moi interesante, tanto desde a Administración como desde o sector privado, analizar “o retorno do deporte nas economías locais”, porque é moi importante, dixo.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios