Carballo acolle o VIII Claustro Docente FGB no que participan un 110 adestradores de baloncesto
08:08 08/06/18
Mañá sábado, o pavillón Vila de Noia acolle durante todo o día o VIII Claustro Docente FGB, co-organizado pola Federación Galega de Baloncesto, a Escola Basket Xiria (EBX) e o concello de Carballo. O evento reunirá a uns 110 adestradores de
toda España para participar nun programa de charlas prácticas (de 10.45 a 12.30 horas, e de 16.30 a 18.15) impartidas por tres técnicos da elite do baloncesto e do traballo de formación tanto autonómico como nacional e internacional: Mauricio Cremonini, adestrador da federación italiana de baloncesto, catalogado na actualidade como o maior especialista de minibasket do mundo; Javier Torralba, adestrador de Segle XXI e da federación catalá, considerado un dos mellores adestradores de base de España; e Cristino Menor, director deportivo do Estudiantes de Lugo, profesor da Escola Galega
de Adestradores e con máis de 20 anos de experiencia no ámbito formativo.
Ademais, durante a fin de semana concentraranse en Carballo as seleccións autonómicas de minibasket da xeración de 2007, que participarán no claustro de mañá e farán dobre sesión de adestramento o domingo. Serán os representantes
galegos no próximo Campionato de España de Autonomías.
Presentación
Onte presetouse en Carballo o Claustro Docente da FGB, co-organizado pola Federación, Escola Basket Xiria e o concello de Carballo
O Claustro presentouseonte na casa do concello, nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Escola Basket Xiria, Marcos Díaz; o director deportivo da EBX, Arturo Ferraces; o director da área deportiva da FGB, Carlos Colinas; e os adestradores das seleccións galegas de minibasket Rubén Vázquez e o carballés Javier Cotelo, do Artai.
“Para o Concello de Carballo é importante”, explicou Marcos Trigo, “apoiar o deporte pero tamén a formación dos profesionais do baloncesto, neste caso; e ademais nun evento de tanta calidade como se presenta o Claustro”. “A Federación Galega -dixo Carlos Colinas- ten desde hai moitísimos anos un compromiso coa formación, e cando falamos dese compromiso pensamos en nenas e nenos que empezan a xogar; pero eses nenos e nenas teñen que estar guiados polos adestradores. As nosas iniciativas, como este Claustro, non terían sentido sen o apoio das institucións e dos clubs, como o Concello de Carballo e a Escola de Basket Xiria”. “O Claustro –engadiu- comezou en 2014 e nesta edición quixemos centrarnos no minibasket, que é onde nace todo. Creo que pechamos un cartel dabondo atractivo, no que están representadas tres escolas moi diferentes do que é o baloncesto de formación”. O director deportivo da FGB destacou a presencia, por primeira vez en Galicia, de Mauricio Cremonini, “unha das grandes autoridades europeas na formación e minibasket. Javier Torralba é unha das referencias dos adestradores xoves do baloncesto catalán, sempre á vangarda do baloncesto formativo; e Cristino Menor representa o perfil do técnico con moitos anos no baloncesto de formación”. “Para nós”, rematou, “é un orgullo dicir que hai 110 inscritos para a actividade do sábado, unha xornada intensa na que sabemos que o formato de mañá e tarde dá moito de si e na que, tan importante como as charlas, é o claustro que se crea no propio pavillón coa convivencia dos adestradores”.
Polas súa banda, Evencio Ferrero afirmou que as instalacións municipais están para ser usadas, “e máis nun evento coma este, que aposta pola formación”.
Novas relacionadas
- O adestrador Sito Alonso asistirá ao Pequebasket de Carballo
- O Pequebasket presenta o cartel da súa sexta edición
- A choiva non empañou un gran día do Pequebasket
- Redación QPC ([email protected])
- Concello de Carballo