Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Comeza o baile nos bancos da Costa

Comeza o baile nos bancos da Costa
Óscar Leis e Diego Lobelos; Emilio Uzal, Pedro Gómez e Alfredo Cambeiro protagonizan os primeiros movementos nos bancos do Fútbol da Costa Óscar Leis e Diego Lobelos; Emilio Uzal, Pedro Gómez e Alfredo Cambeiro protagonizan os primeiros movementos nos bancos do Fútbol da Costa

Xa cheira a “carnaza” e os amantes do Fútbol da Costa queren lío. Na nosa conta de Facebook “Fútbol da Costa”iremos dando conta de cada movemento, pero para comezar, deixamos xa esta serie de apuntamentos que fomos recollendo tras falar con todos os clubs. Notamos, en todo caso, que hai menos cambios que outros anos.

E comezamos o repaso por arriba, pola Preferente onde o Xallas está aínda en plena competición polo que non é de recibo falar de posibles movementos. Si que os hai en Dumbría, coa malísima tempada xa rematada. Óscar Leis e Diego Lobelos deixan o Dumbría, despois de moitos anos traballando na base dun xeito inmellorable. O cadro dumbriés volve apostar como adestrador do primeiro equipo e director xeral, Julián Ferreiro.

Pode que haia movementos nos equipos da 1ª. Por exemplo, Manolito e Soneira seguen pendentes de negociacións, pero a cousa pinta ben. Por Sofán aínda están en plena Fase de Ascenso polo que a continuidade de Josito (que seguro que ten moitas e boas ofertas) terá que esperar unhas semanas. Por Corme aínda están pendentes da churrascada clásica para convencer ao míster Miguel Torrado de seguir ao mando. Por Malpica aínda non se sabe se Esmorís seguirá despois desta convulsa tempada, pois ademais a directiva tamén terá que decidir o seu futuro. E en Baio aínda están centrados na competición copeira e non falaron aínda da posible renovación de Pastoriza. O que probablemente seguirá na casa, será Manu Roque.

En Fisterra confían en que Nacho continúe á fronte do barco na 1ª Autonómica.

Andan en Zas tamén en plena Fase de Ascenso, polo que Víctor Pazos e o club esperan para negociar. O primeiro que anunciou a súa marcha a final de curso foi Pedro Gómez, tras dúas boas temporadas no San Lorenzo. Ademais, o club carballés terá este venres unha Asemblea para a renovación da directiva, polo que a escolla do novo míster terá que agardar. En todo caso, parece que a Pedro Gómez non lle faltarán ofertas, e que para o banco de Verdillo xa soa algún ex.

O Mazaricos está pendende da renovación de Néstor, nestes momentos ao 50% de posibilidades de seguir. Barca, é máis que probable que continúe dirixindo ao Ponteceso; e Lodeiro á Esteirana. Mentres Corredoira parece que deixará (a día de hoxe ao 70%) a disciplina do Baíñas. No Castriz, Mata estudiará se continúa un ano máis, pero terá que saber que van cambiar certos hábitos.

O que xa deixou o equipo, e mesmo non disputará a Copa, é Alfredo Cambeiro. Foi complicada esta tempada no Unión, e a partir de agora será Gabriel, o segundo, o que colle o equipo para a Copa. O adestrador carnotán xa espera ofertas.

Por Cerqueda non seguirá Emilio Uzal tras a súa gran traxectoria nestas dúas campañas, e xa andan buscando relevo.
En Camariñas esta fin de semana presentarán novo adestrador, unha vez que Javi Baña manterase á fronte dos xuvenís.
Por Buño, pendentes de Mauro, pero con gañas de que renove; e por Coristanco, máis do mesmo con Da Silva, estando pendentes de sendas reunións.
Complicadas tamén andan as cousas pola Ponte do Porto, despois do falecemento do presidente esta pasada semana. Toca revisar moitas cousas, e aínda non se sabe se Alberto, que collía o relevo de Pupus, seguirá á fronte do Porteño.

Xa nos equipos que perden a categoría, o Ameixenda vén de ofrecerlle a renovación a Raúl Periscal, pois están moi contentos con el, e esperan resposta, se ben o míster bergantiñán xa ten algunha que outra oferta importante.
O Cabana está buscando arrincar un proxecto dende abaixo, e parece que as apostas da casa son ben valoradas, pero ata as vindeiras datas non coñeceremos máis.
En Muros, Santi seguirá no Volantes. E por Carnota, aínda están pendentes de que haia unha nova directiva que se faga cargo do equipo, como para pensar en adestrador.

En 3ª, aínda con Muxía e Corcubión en competición (a boa campaña de Manín e Emilio Corzón anima á renovación de ambos), os ascendidos, Montelouro e Laxe contan cas renovacións de Caluso e Adrián Lema, aínda non certificadas ata rematar a tempada.

No Nantón, Carlos Margarida seguirá case con toda probabilidade. O Camelle necesita buscar nova presidenta pois Ana Lelucho o deixa por motivos laborais, polo que a renovación do míster dependerá da nova directiva.

En Seaia aínda esperan que a Copa devolva a ilusión para non ter que dar de baixa o equipo. O Castrelo está máis pendente de cadrar contas que do míster do ano que vén. E o Lira aínda non está pensando no ano que vén.

Na base houbo un movemento importante. Ademais da convulsa saída da Doble L do Conco, Fernando deixa o Ponteceso xuvenil, e pode que colla algún equipo sénior de Bergantiños.

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios