domingo. 10.11.2024
El tiempo

Con un ollo posto na segunda unidade

Con un ollo posto na segunda unidade
David Castreje vai de derbi en derbi David Castreje vai de derbi en derbi

Achégase unha nova xornada futboleira e, aínda que a xoia da coroa na Costa é a nosa Liga da Costa, a Segunda Galicia, esta semana quizais a atención estea centrada un pouquiño máis na Terceira, pois dispútanse varios encontros de máxima tensión.

O principal foco de interese estará en San Pedro de Castriz, onde o domingo, a partir das 17.00 horas, Castriz e Coristanco se disputan o liderado da categoría en enfrontamento directo. Dous puntos os separan, a beneficio dos locais, se ben é certo que o Coristanco ten un partido menos. Duelo no cumio que será dirixido por Bruno Méndez.

E media hora antes o Hermanas Patiño acollerá un histórico derbi local, a primeira vez en moitos anos, que se lembre, que se disputa un derbi de rivalidade entre dous equipos afincados no núcleo camariñán. O Camariñas-As Baleas estará dirixido por David Castreje.

Na Liga da Costa, despois de varias xornadas de partidos co carácter de “decisivo”, a clasificación xa comeza a estar un chisco escalonada, e esta semana non hai enfrontamentos directos na parte alta da táboa, o cal non quere dicir que os principais favoritos teñan encontros sinxelos, e viviremos unha intensa tarde dominical, onde se disputarán todos os encontros.

O líder imbatido, Mazaricos, visita en Xaviña ao Buño (Alberto Baña), o Corme recibe a un Cerqueda que leva cinco xornadas sen perder (Óscar Rey) e o Ponteceso recibe a un Muros en zona de descenso (Daniel Martínez). En apenas 20 quilómetros (os que separan Xaviña do Cairo, O Pinguel mediante) decídese a zona nobre da Segunda na tarde do domingo.

Marcos Ordóñez decidirá sobre o futuro do Ordes

O Ordes, non hai tanto tempo equipo de Terceira División, camiña actualmente no vagón de cola da Preferente Galicia, antepenúltimo, con cinco xornadas consecutivas sen gañar. Esta semana recibe ao Sofán, que viaxa na parte cómoda da táboa, e do que pase fará xustiza un trío arbitral costeiro, liderado por Marcos Ordóñez e completado por David Vázquez e Lucas Vicente.

Na base, o prato forte tamén está na segunda unidade

Ao igual que no fútbol senior, a emoción no fútbol base está na segunda categoría. Na Primeira de xuvenís, o Corme segue con paso firme (sete vitorias e un empate en oito partidos) e nesta xornada visita na Fontenla a un Xallas situado na parte media da táboa (Rai Reborido).

Pola contra, a reducida categoría cadete está vivindo un ano sen liderados claros, con alternancias e moita igualdade, o que axuda a vivificar a competición. Actualmente, seis dos trece equipos están igualados no alto da táboa, con doce puntos (e o Cabana atópase sétimo, a só dous da cabeza, e Os Miúdos están con nove puntos, a tres puntos dos líderes).

Os dous primeiros (con doce puntos, primeiro e segundo por gol average), Cee e Sofán, enfróntanse o domingo, ás 10.30 horas, no Sampaio de Refoxos (Juan Marcos Ríos), en tanto Concello de Zas e Seaia, que tamén viaxan nese furgón de cabeza, se enfrontarán o sábado pola tarde, 16.15 horas, en Pedra Queimada (Rubén Reborido). O Outes, outro dos equipos da cabeza, visita ao Cabana (domingo, 12.00 horas, As Redondas, Daniel Martínez), en tanto a Esteirana terá o encontro a priori máis asequible dos equipos deste grupo, pois visita ao colista, Muxía (Arliña, 10.30 horas, Sebastián Pérez).

Na categoría infantil atopamos á fronte a catro equipos enrachados, que acumulan todos eles catro vitorias consecutivas (algúns deles algunha máis), o que os destaca fronte ao resto. O Corme defenderá o seu liderado en San Andrés fronte ao Concello de Zas (sábado, 11.00 horas, Pablo Rama); camiño diferente para os tres perseguidores (situados os tres a un punto), pois mentres o Xallas ten xornada de descanso, o Dumbría recibe ao Xalleiros (O Conco, sábado, 10.00 horas, Carlos Señarís) e o Sofán enfronta a viaxe máis longa da xornada para medirse aos Miúdos (Eleuterio Balayo, sábado, 12.00 horas).

No fútbol veterano O Cairo dirimirá o liderado da Primeira

E tamén, no fútbol veterano, algún dos encontros máis salientables da xornada viviranse este domingo na segunda categoría, denominada aquí Primeira División.

Corme e Razo enfrontaranse o domingo (11.00 horas, O Cairo, Alberto Baña) no partido que decidirá o liderado da categoría. Ambos están empatados a 18 puntos e veñen de menos a máis, o Corme con catro vitorias consecutivas nas últimas xornadas, o Razo con catro de cinco (cedeu no seu feudo fronte ao Mazaricos).

O Xornes, que arrincou moita forza, cedeu o liderado a pasada xornada, ao perder por segunda semana consecutiva, e agora atópase a un punto dos colíderes. Ten unha boa ocasión, á espera do que pase no Cairo, para recuperar o liderado ou, cando menos, volver a postos de ascenso directo, pois visita a un dos colistas, o Río Grande (Platas Reinoso, 10.30 horas, Adrián Pérez).

A División de Honra, a máxima categoría do fútbol veterano costeiro, tamén terá encontros de interese nesta xornada (todos se xogan, como é habitual, na matinal do domingo).

O San Lorenzo, que ven de recuperar o liderado, ten unha viaxe curta pero incómoda para enfrontarse ao Coristanco na Rocheira (10.00 horas, David Cancela), en tanto o colíder, Soneira, disputará o que pode ser o encontro da xornada, pois recibe ao cuarto clasificado, Porteño (Municipal de Vimianzo, 10.00 horas, Bruno Méndez). O terceiro en discordia, Zas, tentará recompoñerse da derrota vivida en duelo directo co Soneira a pasada xornada, pero non o terá fácil, pois visita O Conco para enfrontarse a outro dos galos da categoría, o Dumbría actualmente sexto, despois de perder a pasada xornada na casa do líder (10.00 horas, Rubén Reborido).

Como saben, todas as designación tédelas en www.futgal.es, e os horarios actualizados en www.futboldacosta.com.

Comentarios