Corcubión, Muxía e Malpica, portos de Vela

Imos este mes de Corcubión a Muxía e Malpica, e facémolo a vela coas diferentes actividades arredor deste deporte náutico que tanto medra na Costa da Morte. Corcubión xa é toda unha referencia autonómica dende hai tempo, e así o corroboraron esta pasada fin de semana coa Concentración que lembrou a Jesus Elorza. Mentres Muxía e Malpica acollerán en vindeiras datas cursos de vela organizados pola Deputación.
Concentración corcubionesa

Este sábado 30 de xullo o Club Marítimo Carrumeiro celebrou a XVIII Concentración de Escolas de Vela “Memorial Jesús Elorza”, coa celebración da Regata de Optimist e Multiclase. Participaron o Club Náutico de Fisterra, e o local Club Marítimo Carrumeiro.
As condicións meteorolóxicas que acompañaron durante todo o evento foron un vento do NE, (Nordeste), cunha intensidade entre 10-15 nós. Estas condicións permitiron que se celebrasen 4 probas.
O gañador de Optimis Escola foi o corcubionés Rubén de Ramón Ayala por diante de Iago López González e Lena Becerra Monteagudo.
En Optimist Regata venceu Juan Carlos Beiro, por diante de Iosune Bermúdez de Castro e Enmanuel Mayagiutua.
En Multiclase, o primeiro posto foi para Álvaro Lestón e José María Paz, por diante dos fisterráns Alex Marcote Insua e David Boullosa.
Cursos en Muxía e Malpica


O porto de Muxía será o primeiro en acoller o Curso da Campaña de Vela da Deputación. 40 rapaces e rapazas de entre 9 e 18 anos aprenderán os principais conceptos teóricos e prácticos da navegación.
Muxía acolle esta semana o quinto curso dos seis que integran a Campaña de Vela 2016 En dúas quendas de mañá e tarde, un total de 40 rapaces e rapazas de entre 9 e 18 anos dos concellos da comarca da Costa das Morte iniciaron onte un curso dunha semana de duración, durante o que aprenderán os principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como nocións básicas de windsurf e elaboración de nós mariños.
Do 8 ao 12 de agosto, o curso desenvolverase en Malpica e aínda te podes inscribir.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).