xoves. 01.05.2025
El tiempo

Da Rocheira á Malata no arrinque da temporada oficial na Liga da Costa

Da Rocheira á Malata no arrinque da temporada oficial na Liga da Costa
Arrinca, por fin, o fútbol en todo o seu esplendor na Costa da Morte, coa posta en marcha da Liga da Costa (tanto na Segunda como na Terceira), unha fin de semana na que comezan moitas outras competicións, como as ligas galegas de fútbol base, a competición xuvenil no grupo costeiro, e tamén a grande novidade deste ano, o fútbol veterano da Costa da Morte, que estrea a súa primeira temporada dentro da Real Federación Galega de Fútbol.

Bruno Méndez apúntase ao verde

Capis e arbitro do Malpica-Baio-Foto-Santi Soneira Bruno Méndez nun partido de hai dous anos - Foto-Santi Soneira Bruno Méndez, árbitro costeiro de Terceira División, dará o pistoletazo de saída á competición senior na Costa da Morte, dirixindo o Coristanco-Corcubión que, debido á Festa da Pataca, se traslada a un horario bastante inusual (sábado, 11.30 horas, A Rocheira). E rematará a fin de semana cambiando o verde dos locais en Coristanco polo verde dos locais na Malata, pois o domingo, a partir das 18 horas, comeza a súa temporada en Terceira División dirixindo o Racing de Ferrrol – Céltiga. Un magnífico encontro nun magnífico escenario e que contará cun trío arbitral de luxo que completan Marcos Ordóñez (tamén pertencente á Subdelegación da Costa) e Ángel Acuña (da Delegación da Coruña).

Protagonismo da Subdelegación de árbitros da Costa da Morte

Ademais do fermoso encontro da Malata, a Subdelegación do Comité de Árbitros na Costa da Morte vivirá unha xornada intensa e na que tomará o protagonismo en practicamente todos os campos costeiros. Haberá árbitros da Costa da Morte en 37 encontros oficiais esta fin de semana, incluídos seis na primeira xornada da Segunda da Costa e cinco na Terceira da Costa, ademais de once en encontros do fútbol veterano da Costa da Morte, que comezan a súa etapa no fútbol federado. Tamén haberá trío arbitral o domingo no Conco, onde o Dumbría tentará comezar a endereitar un irregular inicio de temporada. Enfronte estará o Sigüeiro, e o trío arbitral estará liderado por David Vázquez, a quen auxiliarán no encontro Pablo Rama e Manuel Espasandín. Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Horarios actualizados xa en www.futboldacosta.com

Comentarios