- Fuentefría, centrocampista do San Lorenzo, suma oito xornadas seguidas marcando e pese á súa xuventude é un pilar fundamental do último lustro verdillés.
![Dani Fuentefria ante o Cerqueda-Foto-UD]()
Dani Fuentefría nun partido ante o Cerqueda-Foto-UD
San Lorenzo de Verdillo son os Golden State Warriors. Incluso, para facer máis curioso o símil, hai unha ponte e unha bahía (non é a de San Francisco, pero ben que fai o seu papel), en forma de río e que pasa por detrás do seu campo. E o máis difícil. Ten ao seu Stephen Curry particular. Dani Fuentefría é ese líder, protagonista dunha tempada con marchamo de histórica, con faciana de non ter roto un prato e que resulta un tirador letal, decisivo e desequilibrante. O '30' dos Warriors batía hai pouco o récord de partidos consecutivos anotando polo menos un triple. A pasada semana, Fuentefría firmaba unha diana por oitava xornada, tamén consecutiva. "Dicir que é froito da casualidade sería mentir, pero non sei o motivo; o bo ano do equipo está a sacar o mellor de min", afirma.
Nado en Verdillo hai só 24 anos, do seu brazo hai tempo que colga xa o brazalete de capitán. Seguramente, este canteirán do Bergantiños que nunca fixo as maletas máis alá do Concello, viva a súa mellor tempada no plano persoal, pero sen dúbida é fundamental no último lustro do clube, onde xa ten loitado pola permanencia, polo título e ata por nada. "Déixame seguir sendo xove", bromea cando se lle adiviña un futuro en forma de estandarte do San Lorenzo, un novo Puñal ou Pedro. Entre as súas cualidades están a de encarnar ese tan británico 'box to box', un todocampista con factor sorpresa na incorporación e un don de cara a gol, tanto en pelota parada coma en segunda xogada. E iso que aínda reclama máis protagonismo. "Se me dixeran lanzar algunha das directas, imaxina as estatísticas", di.
Co Sofán soñando en chave de Preferente e o San Lorenzo chamando ás portas do liderato, está claro que hai algo de moda en Carballo. Pero o capitán verdillés prefire manter as distancias. "Estamos os dous nun gran momento, pero seguimos a ser diferentes; eles apostaron polo económico e nós seguimos coma un humilde equipo dunha gran aldea; as dúas cousas son válidas, pero as formas son distintas", puntualiza un Fuentefría que tira do 'cholismo' para analizar as opcións reais para pensar nunha Liga da Costa. "Penso que o Fisterra aguantará aí ata o final, vencer no seu campo é compricadísimo; nós esperamos aguantar, se Deus quere, pero hai que ir partido a partido", lembra.
O camiño da gloria está asfaltado, agora solo falta que os San Lorenzo State Warriors e o seu Stephen Fuentefría non queden sen gas. Ou sen 'Sangrefría'.
![Dani Fuentefria co seu 10 seu costas-Foto-David Pena]()
Dani Fuentefría co seu 10 ás costas-Foto-David Pena
Máisinformación
Fonte
- Guillermo Parga (guillermoparga@quepasanacosta.com).