Os tropezos de Baíñas e Castriz deixa a loita pola Liga da Costa prácticamente en cousa de Zas, San Lorenzo, Fisterra, Ponteceso e Mazaricos; no resto de categorías, Xallas e Soneira volven ser unha nova positiva
A interior Agolada deulle a benvida deste xeito ao Sofán - Foto: SD Sofán
O paso das semanas ten feito unha selección darwinista en toda regla no que á loita pola Liga da Costa se refire. E a última fin de semana de febreiro é o máis recente exemplo. Os pinchazos do Castriz en Cee e do Baíñas en Verdillo deixan a ambos a catorce e trece puntos da cabeza respectivamente, un déficit case insalvable se se ten en conta o escaso índice de erro dos candidatos. No caso da cita carballesa, ademais, supón o terceiro escollo de altura que supera un San Lorenzo desmelenado, que ven de vencer de xeito consecutivo a Fisterra, Castriz e o propio Baíñas. Aguanta o tirón o líder Sporting Zas, que tivo no Camariñas un animoso e valiente rival. Tampouco errou o Fisterra na Ponte do Porto e si o Ponteceso ante o Cerqueda, no choque polémico da xornada. No que á loita pola permanencia se refire, os ata hai pouco colistas Cabana e Volantes de Baño a piques estiveron de sorprender en Cabana e Esteiro, mentres que en Xaviña Buño e Carnota 'matáronse' entre si cunha igualada de pouco valor real.
As categorías de postín deixaron un regusto en xeral positivo, novamente baixo os nomes de Xallas e Soneira. Na Preferente Autonómica, a terceira victoria consecutiva dos de Santa Comba convirte en totalmente real o ata hai pouco case sono da permanencia. No caso dun Dumbría golpeado en Lugo ese concepto empeza a tornarse case que utópico. Un escalón máis abaixo, na Primeira Autoníomica, o Soneira é xa un pouco máis líder, despois do pinchazo do Cordeiro na casa co Lesende, e do Unión en Padrón ante o Flavia. Boa nova tamén para un Sofán que baixo a neve triunfou en Agolada. O resto no foi tan gratificante, coa derrota do Outes en Tordoia, do Baio en Val do Ulla e do Malpica en Sigüeiro.
Saltou o sorpresón en Terceira Autonómica, co papelón do Muxía en Cubaleiro, que de novo cofirma a clase dos de Arliña e esa sensación de que, de ter sido máis regular, o equipo de Manín estaría loitando coa súa víctima de hoxe. Con iso, a nova da semana pasa tamén por Lira, onde se confirmou a melloría do cadro de Portocubelo, tras sumar ante o Camelle a súa segunda vitoria da tempada. E no fútbol base cambiáronse as tornas. O Xuvenil de Lobelos e Leis non foi quen de pasar do empate sen goles na Coruña ante o Victoria, mentres que o Cadete, necesitado, sacou adiante un triunfo de esperanza, na casa co Val Miñor.
Victoria |
27/02 - 12:00 |
Dumbría |
Dumbría |
27/02 - 17:00 |
Val Miñor |
 :
Máisinformación
Fonte