Venres. 17.05.2024
El tiempo

De domingo nas Rías Baixas

De domingo nas Rías Baixas
Pablo Rama no derbi pontecesan de xuvenis da semana pasada-Foto-Fin Lema Pablo Rama no derbi pontecesan de xuvenis da semana pasada-Foto-Fin Lema

Quixo o azar, o destino, ou quen fose, que unha boa parte da Subdelegación do Comité de Árbitros na Costa da Morte vaia enfilar este domingo camiño (non de ocio) cara as Rías Baixas. Até cinco colexiados costeiros participarán en tres encontros distintos ao máximo nivel na provincia pontevedresa.

Haberá trío costeiro no campo de Lampáns (O Grove). Rubén Reborido, asistido por David Castreje e Iván Vilanova, dirixirá o derbi que enfrontará a Amanecer e Xuvenil Ponteareas, correspondente á novena xornada do grupo 2 da Preferente Galicia.

E haberá tamén dous costeiros en partidos de Terceira División nesta xornada. O cormelán Bruno Méndez dirixirá o Alondras-Boiro, asistido polos coruñeses Gonzalo Belmonte e Marco García. Pola súa banda, Marcos Ordóñez actuará como asistente no Arousa-Racing de Ferrol, que estará dirixido por Xabier Rodríguez Campos.

Xornada de derbis en Camariñas

A Liga da Costa vivirá unha xornada intensa, novamente, con partidos por todo o alto, pero con duelos que comezan a ser especialmente agónicos na zona baixa. O colista, Lira, recibe ao antepenúltimo, Buño, con arbitraxe de José Ageitos, en tanto o Ameixenda, penúltimo, recibe a outro dos implicados na loita, o Volantes de Baño (Carlos Señarís).

Na zona nobre, o duelo polo liderado pasa por Pino do Val e O Pinguel, onde os colíderes, Mazaricos e Ponteceso, recibirán a Malpica e Muxía, respectivamente (David Vázquez-Pablo Rama). O cuarto en discordia (o terceiro clasificado, actualmente, é o Muxía), o Corme, recibe a un sempre complicado Monte Louro (Juan Marcos Ríos) coa intención de esquecer a derrota na Arliña.

Na Terceira da Costa a xornada está centrada nos dous derbis camariñáns. Na xornada sabatina disputarase o As Baleas-Camelle (Rai Reborido) e na dominical o Porteño-Camariñas (Iván Ferreiro). O líder, Coristanco, tentará defender o seu posto de honra no sempre difícil campo do Nantón (Adrián Pérez).

Haberá alternativas no fútbol base?

A categoría xuvenil podería sufrir (ou non) un cambio de liderado nesta xornada. O líder da categoría, Os Miúdos, ten o encontro máis complicado dos aspirantes, pois visitará nas Redondas ao cuarto clasificado, Cabana (Carlos Señarís), en tanto os seus inmediatos perseguidores xogan como locais e ante rivais, a priori, asequibles: o Corme recibe no Cairo ao Cee (Iván Vilanova) e o Fisterra en Arasolis ao Laxe (Manuel Espasandín).

En categoría cadete, o debutante Seaia ven de auparse ao liderado a pasada xornada, sumando tres de tres neste comezo de temporada. Na cuarta xornada, defenderá en partido adiantado ao sábado o seu posto de honra no Carral (Sofán-Seaia, Iván Ferreiro).

O sábado, a partir das once da mañá, e con apenas vinte quilómetros de diferencia, dirimirase o duelo de cabeza na categoría infantil, que atalora pelexan Os Miúdos e Dumbría. Ambos xogarán desa hora, a domicilio, e a pouca distancia. Os Miúdos xogarán nas Redondas fronte ao Cabana (Lucas Vicente) e o Dumbría visita San Andrés para medirse ao Concello de Zas (José Ageitos).

O San Lorenzo comeza a facerse forte na División de Honra de veteranos

Os de Berdillo acumulan un expediente inmaculado neste comezo de temporada. Cinco vitorias en cinco partidos, e apenas dous goles encaixados. A xornada semella propicia para abrir brecha, pois disputan como locais un enfrontamento a priori asequible contra o Sporting Bértoa (Iván Vilanova). O encontro máis interesante da xornada disputarase en San Andrés, onde se enfrontarán dous candidatos ao título e que comezaron con forza, Zas (segundo) e Ponteceso (cuarto), con arbitraxe de Adrián Pérez.

Na Primeira División, enfrontamento por todo o alto entre Xornes (líder) e Leiloio (terceiro), nun encontro que non requirirá de desprazamento para ningún de ambos, como quen se di. Será a partir das 10.00 horas do Pinguel, con arbitraxe de Manuel Espasandín. O terceiro aspirante ao liderado nesta xornada, o Deportivo Razo, recibe no Areal ao Mazaricos (David Cancela).

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es. E sabedes que os horarios sempre actualizados, e o carrusel tecnolóxico dominical, tédelo en www.futboldacosta.com.

   

Comentarios