![Iago e Nico no Cee-Dumbria-Foto-Jorge Parri]()
É un dos clásicos da Costa. Poucos se acordan xa de aquel Iago xovenciño comandando a defensa do Cee campión da Liga da Costa. Leva tantos anos en Dumbría que a memoria xa non alcanza épocas anteriores. Innumerables éxitos adornan o seu palmarés, e fora dos números, a súa calidade humana e deportiva é ben coñecida de todos. En Dumbría están a pasar un ano difícil, pero aínda non está todo perdido. Iago é optimista, e asegura que van a loitar ata o último minuto na busca da salvación
QPC - Iago, salvarase o Dumbría?
SI, o primer paso é crelo, aínda que está a cousa complicada. Co tema dos arrastres somos varios equipos ahí metidos, estamos implicados ata o 13º que é o Ordes, e temos que intentar gañar os 2 partidos e esperar resultados. Sempre hai que ter fe.
QPC - Por que está o Dumbría nesta situación tan complicada, que pasou durante a tempada?
A clave foron eses 2 meses da primeira volta na que non puntuamos nada, aínda que foran 6 ou 7 puntos nese período veríanse as cousas doutra maneira. Outra clave é que fora do Conco case non conseguimos puntuar, parecemos un equipo totalmente diferente na casa que fora. O que hai que ter claro e que sabíamos que tiñamos que loitar pola permanencia e sobre todo tal como se puxo a 2ª B e a 3ª. Date conta que podemos baixar con 44 puntos, que non é unha mala puntuación nin moito menos.
QPC - Tivestes dous adestradores ó longo da liga. Que vos aportou Nacho coa súa chegada?
Nacho pídenos intensidade, e xogar o 120% para que se vexan menos as limitacións que poidamos ter. Dende que chegou doulle importancia ó tema físico para poder competir mellor.
QPC - O club tivo que tomar a decisión de non xogar a Copa da Costa. Como sentou iso no vestiario?
Como xogador e sobre todo como xogador da Costa non a comparto, pero aceptoa e entendoa. A nosa situación na liga é complicada, con xente lesionada e tocada, con xuvenís intentando ascender e botando unha man ós maiores, a lóxica di que o club actuou ben pero a un pensando egoistamente e como xogador gustaríalle estar xogando a copa.
QPC - Que opinas de toda esta polémica que se está a montar coa saturación do calendario? Todos os anos estamos igual, non?
O calendario é un despropósito, nin os profesionais están así. Pero isto non se arregla ata que non nos xuntemos e miremos polo ben comun e non para un mesmo. Este ano pásalle ó Fisterra e a outros equipos pero para o ano pasaralle a outro. Non é normal que a unha Copa da Costa, coa tradición que ten, teñamos equipos que non participen, outros que se borren ou que non presenten xogadores. Deste tema podria falar unha hora...
QPC - A nivel persoal, como está a ser a tempada para ti?
Para o meu nivel de autoexigencia bastante normaliña. Con momentos nos que me atopaba ben pero arrastrando os últimos meses diversos problemas no tema de golpear o balón que fan que o meu xogo se vexa afectado e a confianza nel tamén.
QPC - Mirando ó futuro, temos Iago para rato ou ves cerca o momento de retirarte?
Polo que me gusta o fútbol xogaría para sempre, pero isto agora vai ano a ano. En principio teño pensado seguir xogando, intentar que o Dumbría quede en Preferente e despois pensar, mirar se podo seguir axudando nesta categoría ou buscar outras opcións. Se baixamos ( esperemos que non) e a directiva e o adestrador cren que podo ser útil, o Dumbría é o meu equipo.
QPC - Pouca xente hai tan autorizada coma ti para falar do futuro do Dumbría. Cal cres que é o camiño a tomar?
O primeiro que ten que facer o club é ser rápido e falar cos xogadores que queren que queden no club. Os xogadores teñen que ver e sentir que o club quere facer cousas importantes. A planificación non debe ir supeditada a si se sigue en Preferente ou non. Hai bo equipo, bo vestiario e unha base que ven traballando moi ben os últimos anos. O que despois marca un pouco a diferencia son esas fichaxes que che fan subir o nivel. Eu creo que o futuro pasa por asentarse na Preferente pero se se baixa non é a fin do mundo.