![campionato-futbol-sub-15-carballo]()
Onte presentouse o torneo na casa do concello de Carballo
As instalacións deportivas de As Eiroas de Carballo acollerán o vindeiro 27 de febreiro a segunda fase do
campionato galego de fútbol de seleccións comarcais sub 15. O torneo presentouse onte na casa do concello de Carballo, nun acto no que participaron o alcalde - Evencio Ferrero -;o concelleiro de Deportes - Marcos Trigo -; Luis Cendán, secretario do Bergantiños CF; José Ramón Torres, director da Escola Luis Calvo Sanz; Juan Luis Villamisar, vicepresidente da Federación autonómica pola delegación coruñesa, e Benjamín Amido, vicesecretario do máximo organismo do fútbol galego.
Competirán case
280 rapaces e rapazas das seleccións masculina e feminina das sete delegacións autonómicas: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, “que se corresponderían, case, coas sete provincias históricas de Galicia”, apuntou o rexedor carballés. Serán trece partidos (sete de categoría masculina e seis de categoría feminina), dous cada selección, que comezarán ás 10 horas co dobre enfrontamento entre A Coruña-Santiago, nunha xornada que pecharán, ás 18;30, o Ferrol-Lugo de rapazas e, ás 19:45, o Ferrol-Vigo de rapaces. O espectador, lembraron tanto Cendán como Amido e Vilamisar, ten o bo fútbol asegurado nun torneo no que moitos xogadores están xa, a esas idades, no punto de mira de representantes e cazatalentos.
Cendán agradeceu a colaboración e a confianza depositada no Bergantiños polo concello e pola Federación, e salientou que a importancia do campionato transcende o deportivo para ter repercusión no sector da hostalería local. Villamisar falou da aposta da Federación polo fútbol da Costa e por levar este tipo de eventos a localidades esquecidas ata hai pouco, “pero que contan, como Carballo, con infraestruturas deportivas e capacidade de organización garantidas”.
Ferrero asegurou que Carballo está “encantado de acoller torneos coma este: porque Carballo é deporte e porque o concello ten que servir sempre de reforzo do traballo das nosas asociacións, que situaron a proxección deportiva dos nosos clubs á altura dos mellores de Galicia”. “O concello”, engadiu, “debe colaborar e non competir con eles para que acaden os éxitos que merecen”.
Fonte