luns. 02.12.2024
El tiempo

Manolín: “Vexo cousas no Real Madrid ou no Barcelona que xa fixera eu”

Manolín: “Vexo cousas no Real Madrid ou no Barcelona que xa fixera eu”
Manolin en Ciudad Lineal (Madrid) na temporada 63-64 Manolín en Ciudad Lineal (Madrid) na temporada 63-64 Se a Raíña de Inglaterra foi quen de sobrevivir a dirixentes tan diferentes coma Castro, JFK, Obama ou Stalin, a Liga da Costa non se entende sen vincular algunha das súas etapas a Manuel Oliveira Gómez. En breve, as bibliotecas municipais de Corcubión, Cee ou Vimianzo, entre outras, terán á súa disposición unha ampla recompilación manuscrita da bagaxe do recén retirado adestrador, con datos da súa estancia en cada un deses bancos. Nesta segunda entrega das conversas co Phil Jackson, o Alex Ferguson ou o Guy Roux do balompé costeiro tentaremos chegar ás raíces e ao nacemento dun mito. Porque ata o seu amado Xesucristo algunha vez foi humano. Di a lenda…
  • Guillermo Parga: Manolín nace adestrador?
Manolín nace deportista. Non me sinto nin futbolista nin nada. O deporte era a miña paixón de toda a vida. Sempre fun mellor xogador de baloncesto, e mesmo me quixo algún equipo da Coruña. O balonmano, o volei, o atletismo… Aí está o fundamental dun deportista, onde un se sinte realizado. Non quedando primeiro, podes estar contento coa marca.
  • Guillermo Parga: E como acaba nun banco?
Cando tiven o accidente, o adestrador do San Andrés de Comesaña faltou uns encontros. Probei e gustoume. O accidente (nas profundidades, onde perdeu unha man), foi un Día das Letras Galegas, e foi o derradeiro ano no que non resultou festivo. Fisicamente, era o meu mellor momento. Despois do Cee, foi onde máis a gusto estiven. Adestrabamos moito, facía atletismo… Os médicos dixéronme, cando me salvaron: “grazas a Deus, as túas ganas de vivir, e a túa fortaleza física”. Non sei se existe Deus, pero eu si que estaba forte. Perdín parte da miña vida pero… a través do tempo parece que malo non fun. Co tempo ves que che saúdan con cariño, con amizade… Estoulle tremendamente agradecido a toda a xente que tiven ás miñas ordes. Case sempre as miñas rifas coas directivas foi por defender aos xogadores. Manolin perdeu unha man nun accidente traballando como buzo
  • Guillermo Parga: Pode soar a pregunta naif pero… quen foron entón seus referentes e a quen admira agora?
Os equipos precisan máis dun psicólogo que de un adestrador. Os meus únicos ídolos son o Che Guevara e Xesucristo, pero o meu referente era Di Stéfano, e Luis Aragonés. Tamén polas súas formas sempre me gustou Bobby Robson.
  • Guillermo Parga: Lembra o seu primeiro encontro?
San Andrés de Comesaña contra o Salvaterra. E non sei se gañamos nin o resultado (risas). Pouco despois gañamos a copa da zona ao Coruxo. E chamábanme o Di Stéfano da Costa.
  • Guillermo Parga: Como resumiría a súa traxectoria?
Dedicada ao deporte, casi exclusivamente. En certa medida, tiven a sorte de coñecer a miña muller, e non apartarme do deporte. Creo que fun un bo adestrador. Ata a forma de estiramento que uso, foi utilizada antes que moitos conxuntos de Primeira División. Fixen cousas, con tal de motivar aos meus xogadores, nas que non mentía, pero finxía. A veces vexo cousas no Madrid e no Barcelona, que xa as inventara eu. Non me asustaría adestrar a ningún deles, non é complicado. Tes axudantes, masaxistas… Cando Beci xogaba no Deportivo, todos os días necesitaba que lle deran unha masaxe. E eu nunca ía. Esas cousas a min non me preocupaban. Iso si, a vida débeme moitas cousas. Teño medo a desaparecer estando a vida en débeda comigo. Moitos esforzos, o feito de estar nunha cárcere, o accidente, no amor… Amei máis a vida do que ela me está a devolver.
  • Guillermo Parga: Tivo moitos inimigos?
Manolin frase 4 Non, pero se algún pensa que si, que me perdoe polos seus erros, e tamén polos meus. Igual nalgún momento non souben comportarme. Tiven rivais deportivos, pero non inimigos. Ir a Lugo e que che coñezan e saúden coma un gran adestrador enche a un. De Baio para arriba non só se me considera boa persoa, senón tamén bo adestrador. En toda a miña carreira debín coñecer máis de mil persoas. E algunha insultándome ao oído, pero nada máis.
  • Guillermo Parga: Con que momento da súa carreira se quedaría?
En xeral, en todos os clubes fun moi feliz, pero case sempre estiven moi tenso. Hai tres sitios, tres intres, que si me quedaron de xeito especial: O Cee, tanto da miña etapa de xogador coma o do ascenso a Primeira Autonómica cos Palancas, Jose Carlos e compañía en etapa Xuvenil; o San Andrés de Comesaña, e o segundo ano en Corcubión coa Copa da Costa.
  • Guillermo Parga: Ao contrario que outros moitos, ten apartado moitísimo a vida deportiva e familiar…
Moitas veces vou ao cemiterio pedirlle perdón ao meu pai. Eu ía ao partido cunha carga sobre a miña conciencia. Miña nai viume unha vez e miña muller medio partido. Logo, ao chegar a casa despois dun encontro, imaxino que me afectaría como a calquera.
  • Guillermo Parga: Diga a verdade, vostede foi un adestrador caro…
No seu momento, o máis caro de toda a Costa. Pero sempre fun un derrochón, e non por vicios, que tamén, pero compraba moita roupa e nunca usaba chándal. En Arteixo dicíame o seu presidente: teño que ficharte, pero es moi caro.
  • Guillermo Parga: E non gastou tamén moito en xogadores?
As diferectivas confiaban moito en min. Sempre fun inimigo de levar seis ou sete xogadores de confianza, ou facer de taxista de ninguén. Sempre fun completamente libre. Dicíanme de fichar a alguén, pero nunca intervín nunha fichaxe. A única vez que me preguntaron a quen quería fichar, dixen.. a Manín, no Carballiño. E trouxeron a Miculita. E despois tamén a Manín.

De etapa en etapa

O repaso a unha carreira. Así lembra Manolín cada unha das súas etapas como adestrador:

Etapa como futbolista

Manolin no UC Cee nos70 “Quería facer unha referencia desde arriba cara a abaixo. Da miña primeira etapa como futbolista no Cee quería resaltar que foi a máis feliz da miña carreira. Foi o primeiro sentimento de pertenza a un clube. O mellor grupo de compañeiros que tiven. Aparte de compañeiros foron e son amigos. Posteriormente, no Real Club Deportivo, o servizo militar polo medio tronzoume. Pero, o meu primeiro día, verme de central en Riazor, asustoume. Eu dicía: ‘aquí entran por todos lados’. As pistas de atletismo parecían aumentar as dimensións do campo. Adestrar e xogar con Amancio, Veloso, Jaime Blanco, Mendoza, Manín… foi unha experiencia fabulosa. Ata tiña medo a facerlles dano nunha entrada, e foi unha etapa moi linda. O máis bonito foi que adestraba coa primeira plantilla, e lembro a xente como Hueca, Domínguez, Salvadores… e o bar Gasógeno e as súas partidas de cartas. Tanto no primeiro equipo coma no Fabril, sentinme sempre moi querido, a pesar de que foron etapas moi curtas. Despois, a Terceira División no Arousa, chegou ca aprendizaxe do traballo de buzo, e vinme algo impedido para compatibilizar. A Marín, despois iría por sentimentos, porque Castellano, o adestrador, era amigo meu e de meu pai. Foi emocionante e bonito, avalado ademais polo propio técnico. Incluso un día en Carballo tivemos un folclore tremendo, cun tira e afrouxa entre os futbolistas, que resultou ata preocupante. Logo chegaron tres anos como futbolista no San Andrés de Comesaña, que xunto co Cee, foi a miña etapa máis feliz. Se non tivera mediado o accidente, seguro que seguiría ligado ao Comesaña. ‘Coruña’ era un referente para os amigos.

Manolín adestrador

A ficha de adestrador de Manolin en 1982 A ficha de adestrador de Manolín Oliveira en 1982   San Andrés de Comesaña “Suplín ao adestrador por unha tempada, e os futbolistas e eu quedamos tan a gusto que dixen para min: ‘Hai que tentalo’. O carné de adestrador, do Colexio Gallego, co número 283, saqueino no 1980″. Marín “Foi unha pasaxe. Alí tropecei con Tucho Latorre, que fóra o meu referente na etapa do Deportivo. Cada ano, nas vacacións, voltaba alí”. Corcubión “O primeiro da Costa que adestrei. A xente coñecía a miña traxectoria, pero foi duro. Non cobraba nada. Eu estaba de baixa aínda polo accidente. Custábame ata chegar co coche, polo traxecto longo de percorrido. Ata queimei un Simca 1.000 antigo, porque non lle poñía aceite, e cando quixo comer reBentou”. Unión Club Cee “Era como voltar á túa casa, o que estabas agardando cada día, a chamada que desexabas. Foi o reencontro do fillo pródigo, coa sorte incluso de gañar unha Copa. O clube deumo todo. É certo que me entreguei por completo, porque eran moitos sentimentos aunados. Tódalas etapas foron incluso sentimentais”. Fisterra “É un clube no que a xente comigo sempre foi especial. Somos espíritus de emocións e sentimentos, como cando na película de Braveheart. Era soberbio. Gañamos a Copa, ascendimos… Despois voltei no 1983, e tiven problemas coa directiva, porque non estabamos en sintonía. Formei o equipo para tentar chegar a Terceira e as cousas torcéronse e tiven que deixalo”. Unión Club Cee “Foi o ano máis feliz. Todo era xente da casa, todos me tiñan un certo respecto futbolístico. Adestrabamos pola rúa, polas estradas… unha etapa preciosa polo esforzo de todos”. Baio “Houbo un total entendemento cos futbolistas. Nótalo aínda hoxe co saúdo deles. O malo é que xogar no Balsiño era moi duro. Tiven mala sorte sempre cos campos de fútbol”. Corcubión “De todas as Copas que gañei e os equipos nos que estiven, foi realmente a que máis desfrutei. Participei completamente. É como o xeneral das lexións romanas. Entraban os soldados e quedaba o xeneral”. Burela “O que se puxo en contacto foi Julio Díaz, que en paz descanse. Eu estaba apalabrado co Cee. Chamáronme, chegamos a un acordo e dixen que tiña que falar co Cee. Expliqueilles que era a oportunidade da miña vida. Reunírame en Vilalba e o dono do bar dicía que eu ía ir para alí. Tiña moita fama nesa zona. En Burela había unha xente marabillosa, unha afección soberbia, e un ambiente extraordinariao. O malo é que por cuestións persoais miñas, collín unha depresión enorme e tiven que volver. Querían que firmase un precontrato para o ano seguinte, insistiron, e advertinlles que o fútbol era moi traicioeiro, e decidín regresar. Á xente de alá teño que facerlle unha gran reverencia”. Negreira “Faltou algo de empatía en xeral. Houbo xente que non respondeu ás miñas peticións. Quizáis era demasiado. Aceptar certas cousas era faltar aos meus principios”. Ponteceso “Estaba Mato de xogador xa, e era o meu neno bonito. Con Marcos, o seu irmán… foi todo moi bonito. Ao faltarme Tucho, o presidente, que era como o meu bastón, ese apoio… faltoume algo, e a metade de tempada decidín marchar. Iso si, deixei moitos amigos”. Outes “Dimitín de acordo co señor Ignacio, porque o home foi tan sincero comigo que non quedaba máis remedio. Houbo algo que non podía cumprir, e veu explicarmo. Pero daquela as viaxes eran máis lentas e fíxose todo tremendamente difícil. Non quería ser alineador dun equipo, quería adestrar. Houbo unha frase, cando voltei alá, que me dixeron… ‘postos a perder, prefería facelo contra ti”. Soneira “No primeiro ano, practicamente non houbo sintonía. Era un grupo de amigos, onde todos xogaban moi ben. Facían todo xuntos, e se fallaba algún sempre había un pique. Non estaba disposto a aguantar aquilo. O primeiro ano acabamos terceiros, pero competitivos eramos. Custoume moito entrar nos xogadores e na afección, algo que non sucedeu na miña segunda etapa. Entón si se ascendeu e en Primeira Autonómica, fixemos unha cuarta posición, unha moi boa situación. Creo que poucos lembran que fun quen subiu ao Soneira por última vez a Primeira. Como di o expresidente de Uruguai, Jose Mújica, Todo é cuestión de valores. Eu valoro moitas cousas, e sobre todo a min mesmo, e pode que de aí chegasen os meus problemas co compromiso cos adestramentos e outras cousas”. Lira “A pesar de darlle un disgusto aos meus familiares de Lira, faltou algo. Foi a etapa do Prestige, eu pensaba moi ben o que facía e entendía. Fun seleccionador da Costa no partido de Riazor, algo que non me gustaba demasiado mentres estaba a adestrar un clube”. Cee (con presidencia) Manolin no campo “Despois de anos de ‘desercións’, ou de marchar antes de que te boten, levaba moitos anos pensando que me gustaría ser presidente do Unión Club Cee. Quería devolverlle a categoría que tivera na miña xuventude. Se era presidente, tiña que ser adestrador, porque se non comulgo coa forma de pensar con moitas directivas, teño que coller o mando. Xuntei á xente que viría comigo e expliqueilles a sintonía que necesitaba entre o adestrador o presidente. Ao mesmo tempo que estivera no banco, separando a miña vida persoal da profesional, se entendian que non cumpría ben, tiñan a facultade de botarme. Iso si, ese ano seguiría como presidente, pero só ata o final. Eu non deixo de vivir dunha pensión. Foi unha das etapas máis douradas do Cee desde moitos anos atrás. Aí están os títulos conseguidos. Desde as entidades municipais a min faláraseme de arranxar o campo, co céspede artificial. E de aí veu a non participación na Copa da Costa, polos prazos para a instalación. Foi unha decisión consensuada coa miña directiva. O adestrador Manolín non estaba moi de acordo co Manolín presidente”. Camariñas “A primeira vez que piso un campo sintético. Que ledicia! Dicían que eu facía adestramentos militares, pero a ver como facía certas cousas cos campos que tivera antes. Aquí xa cada futbolista saía cun balón no pé. Facer felices aos xogadores, pois si, pero despois chegaba o ‘cantos días adestramos’, ‘a que hora’, ‘quen pode vir’. Non adestras catro días, non o fas mañá e tarde. E pensan que un adestramento é unha pachanga. Iso si, deportivamente, era algo que lle debía ao Camariñas e ao seu presidente, Vicente Carril. Esa homenaxe, que saiu da alma. Fun moi ledo para alá. O malo é que chegou un momento no que non se podían cumprir certas cousas. Aínda hoxe en día boto de menos a Pombo, un rapaz que facía vestiario dunha forma excelente”. Ameixenda “É un clube singular, impresionante. Toquei cada equipo, cunha singularidade particular… teñen un equipazo, pero ás veces non o cren. Pecan de querer gañar como sexa. A maioría é xente con compromisos máis serios que o fútbol. Teñen outras prioridades e a esta idade non podo trocar demasiado. Ao ir coñececendo xuventude, fun amoldándome a eles, pero sempre cos meus principios. Se non viñan a adestrar e querían ir coa moza, de broma dicía que tiñan que contarme o que facían con ela”.  

Conversas co Mito

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios