Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Martín Varela leva á Selección Española á súa mellor posición nunha Copa do Mundo

Martín Varela leva á Selección Española á súa mellor posición nunha Copa do Mundo

O cormelán Martín Varela Dourado, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e coa colaboración do colectivo "Con V de Valarés", disputou entre o 25 e o 30 de abril nada menos que a Copa do Mundo de tenis en cadeira de rodas, que se celebrou en Pretoria (Sudáfrica).

A selección española que acodiu estivo formada polo equipo masculino (Kiko Tur, Álvaro Illobre e Martín Varela), o equipo feminino (Lola Ochoa, Bárbara Vidal e Elena Jacinto), polo equipo junior (Daniel Caverzaschi e Roberto Chamizo) e dirixidos polo seleccionador nacional David Sanz e os capitáns Lorenzo Hernández e Mariña Bronchales.

Resultados históricos

A selección española masculina na que participou Martín Varela conseguiu a súa mellor clasificación da historia, ao alcanzar o posto 10º e garantir así a súa presenza no primeiro grupo mundial na próxima Copa do Mundo.

A gran noticia do torneo foi que a selección Junior española proclamouse Campiona Junior da Copa do Mundo 2011.

Pola súa banda o equipo feminino tamén conseguiu a súa mellor clasificación da historia, ao alcanzar o 6º posto do ranking mundial.

Desenvolvemento do Campionato

En canto á competición do equipo masculino español, España caía en primeira rolda ante Corea (nº 6 do ranking mundial) por 2-1, onde só Kiko Tur conseguiu puntuar para España.

Xa na seguinte rolda, España disputou o cruzamento máis importante da súa participación, pois de non gañar tería que pelexar polos postos de descenso do primeiro grupo mundial. España competiu ante Eslovaquia e os xogadores españois mostraron un gran nivel vencendo nos tres partidos, o cormelán Martín Varela participou no partido de dobres xunta ao catalán Tur e venceron á parella eslovaca por 6/1 e 6/4.

Unha vez conseguida a permanencia un ano máis, o equipo español competiu ante Tailandia por conseguir superar a súa mellor clasificación da historia. Martín Varela disputou o primeiro punto da eliminatoria pero caía en tres sets por 6/1, 5/7 e 6/2. Tur gañaba o seu partido e no partido definitivo de dobres os españois vencían, conseguindo así entrar na loita pola 9º e 10º posición contra Arxentina.

No duelo final contra os arxentinos, os españois caían por 2-1 na eliminatoria, conseguindo así alcanzar o 10º posto do primeiro grupo mundial.

Agradecido e ilusionado con Londres 2012

Martín Varela está moi agradecido polas moitísimas mostras de agarimo e apoio, e quere dar as grazas a todas esas persoas que dunha ou outra forma axudáronlle a participar nos grandes torneos de tenis en cadeira de rodas. O cormelán intentará seguir competindo durante todo o ano e así poder acudir o próximo ano á Copa do Mundo e intentar clasificarse para a Paraolimpiada de Londres en 2012.

Vindeira cita

O seu seguinte torneo será o Campionato de España que se celebrará en Zaragoza entre o 19 e o 22 de maio. A semana anterior celébrase o Open de Granada pero Martín non poderá acudir por falta de orzamento.

Por iso seguimos instando ás empresas da zona que fagan un esforzo polo mellor deportista da Costa da Morte.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios