Martes. 15.10.2024
El tiempo

Martín Varela, subcampión de España

Martín Varela, subcampión de España

O cormelán Martín Varela Dourado, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e coa colaboración do colectivo "Con V de Valarés", disputou esta fin de semana o XXI Campionato de España de Tenis en Cadeira de Rodas, que se celebrou durante o fin de semana no Centro Deportivo Actur de Zaragoza, baixo a organización do CAI Deporte Adaptado e da Real Federación Española de Tenis.

En total, este Campionato de España contou coa participación de 40 tenistas en cadeira de rodas, 32 homes e seis mulleres, procedentes de Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid, A Rioxa e País Vasco.

Martín Varela realizou un gran torneo, xa que partía como terceiro cabeza de serie, e tivo que superar a eliminatoria máis dura do torneo ante o actual nº 2 do ranking nacional, o campión do mundo junior Daniel Caverzaschi. Desta forma xogou as dúas finais do Campionato de España 2011, a final individual ante o nº 1 nacional Kiko Tur e a final de dobres facendo parella co madrileño Rubén Pérez ante a parella Tur - Illobre.

O comezo de tempada do cormelán está sendo moi boa, xa que tras vencer no torneo internacional de Cuneo (Italia), xogou a final do Campionato de Cataluña, participou coa selección española na Copa do Mundo e esta semana acábase de proclamar Subcampión de España.

Desenvolvemento do torneo

En canto ao desenvolvemento do torneo, Martín partía como 3º cabeza de serie pero o sorteo non lle favoreceu e emparelláballe en semifinais co "junior de ouro" Dani Caverzaschi. En primeira rolda o cormelán eliminou á súa parella de dobres, o madrileño Rubén Pérez, por 6/3 e 6/4. Na seguinte rolda, Varela xogou contra o andaluz Juanma Ramos, ao que superou nun encontro fácil por 6/3 e 6/1.

Xa en semifinais, Martín Varela e Daniel Caverzaschi ofreceron un gran partido ao numeroso público presente. O mozo madrileño vén de proclamarse Campión do Mundo en categoría junior e está xogando a un gran nivel. Varela tivo que realizar un partido moi completo para poder alcanzar o seu obxectivo, que era poder enfrontarse na final ao gran favorito e actual Campión de España, Kiko Tur. No partido, Martín conseguiu adiantarse no primeiro set por 6/3, pero no segundo Caverzaschi empezou a xogar moi profundo e empatou o partido vencendo no segundo set por 4/6. Xa no terceiro, o cormelán xogou con cabeza e alzouse co triunfo final por 6/4.

Desta forma, o cormelán Martín Varela alcanzaba a final do Campionato de España ante o gran favorito, o catalán Kiko Tur. Tur volveu demostrar que é o mellor xogador nacional e venceu a Varela en dous sets, por 6/4 e 6/3.

En Dobres

Pero a boa actuación de Martín Varela tamén continuou en dobres, onde facendo parella con Rubén Pérez plantáronse na final ante a parella formada polo campión Tur e o galego Álvaro Illobre. A parella Varela - Pérez venceron en semifinais á parella favorita, a parella junior Caverzaschi - Chamizo. Na final Tur - Illobre venceron nun encontro ajustadísimo que se resolveu no super tiebreak do terceiro ser, o tenteo foi 6/2, 2/6 e 11/9.

Vindeiras citas

Martín Varela segue o seu plan de competición e non para, polo que esta semana disputa xa o Open de Huesca, a partir do xoves 26.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios