Néstor Ranieri
- Un home que está todavía a coñecer o fútbol da Costa ten ao seu Mazaricos coa cabeza asomada nunha das loitas pola Liga máis igualadas das últimas tempadas.
De vez en cando, e en medio do previsible, o fútbol saca historias que manteñen viva a lumarada do romanticismo, pequenos brotes verdes de esperanza. No profesional o foi no seu día o Deportivo, o Newcastle ou o Parma, e agora amaga con selo, versión radical, o Leicester, líder da Premier League. Na Costa, e partindo do amateurismo, hai novas sorprendentes coma o ano que está a compretar o Mazaricos, verdugo a pasada semana do líder Sporting Zas, e con opcións reais de opositar ao título de campión. Os de Pino do Val, acostumados ao segundo plano clasificatorio e a non dar que falar, son agora unha das saídas máis temidas por tódolos favoritos.
Á hora de buscar responsables un comeza polo banco (tamén para ben e para mal). E seguro que os máis veteráns da Costa ao mirar cara a alá se preguntan por ese case xogador en activo que non lles soa de telo visto antes. Se a pregunta se fixera uns kilómetros cara abaixo, no Barbanza, o conto sería distinto. Néstor Romero (Lousame, 1979) é un neófito, un experimento afortunado no balompé da zona, no que vive o seu segundo ano. Este ex mediocentro, lateral ou central con nove anos coma pilar do Noia de Primeira e de Preferente ten xa unha longa traxectoria a cabalo entre o fútbol base (Lesende, Conxo, Compostela ou Boiro) e o Sénior (Noia, Puebla e Mazaricos). Unha curta experiencia de tres meses de retorno ao fútbol no Volantes de Baño lle abriran as portas da Costa, que lle levaron xa o ano pasado a Mazaricos. Do fútbol de Muros a Carballo o seu coñecemento era mediático e como rival. "Sorpréndeme moito a dimensión mediática do fútbol da Costa, que se manifesta especialmente na final de Copa, onde atopas 3.000 persoas", indica. "O seguemento diario, os medios dixitais, fotógrafos, medios impresos… iso no Barbanza ou en Santiago non se da", engade, para tamén apuntar ás diferentes formas de entender os proxectos. "Sorpréndeme sobre todo a nivel de directivas, o potencial dos equipos que montan na Segunda Autonómica, ves futbolistas que poderían estar en Preferente ou Terceira, e que deciden vir a estes equipos", di.
Pero o seu discurso está cargado de agradecementos ao Mazaricos, un lugar onde se sinte cómodo, e onde non dubidou seguir o ano pasado, tras unha experiencia positiva. Agora, a piques de encarar en condición de igual a igual a carreira polo título, non se atreve a poñerlle un tope aos seus. "Temos un equipo moi limitado, pero as opcións reais son pelexar cada domingo", subraia xusto despois de vencer ao líder en Pino do Val. Precisamente, sobre o factor campo, Néstor discrepa con aqueles que achacan o rendemento do Mazaricos á súa fortaleza na casa. "O campo é un campo de fútbol, coma outro calquera; é grande e calquera equipo pode adaptar a súa proposta a el. O que si, a nós nos favorecen os campos grandes. É máis unha cuestión de dimensións, quenes non xogan ben no noso campo é porque ou non saben ou non están ben traballados", lembra este fillo adoptado na Costa que, como siga así, vai acabar sendo fillo adoptivo de Mazaricos.
Novas relacionadas
- Análise das posibles arrastres: Hai marea… comarea.
Máis información
- O cadro da Copa da Costa 2016.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
Fonte
- Guillermo Parga ([email protected]).