O 37º Campionato de Barrios de Esteiro arrinca coa revancha da final do ano pasado


Xa chega unha nova edición, e van 37, do singular Campionato de Barrios de Esteiro. Unha competición con xogadores chegados mesmo da Gran mazá, que enche cada verán o Xosé Luís Vara Oliveira.
Unha das características que fai atractiva e singular a esta competición de fútbol é que os equipos ostentan a representatividade de cada lugar, e para poder participar os xogadores deben manter lazos de familiaridade ou de veciñanza co equipo no que xoga. Esto provoca moita rivalidade e unha identificación total dos siareiros co seu equipo. Son moi coñecidas e comentadas as disputas futbolísticas entre xogadores mesmo profesionais e outros totalmente aficionados que se visten de corto na defensa do equipo do seu barrio…
O Campionato
O vindeiro domingo 25 de maio ás 19:00h bota a andar a XXXVII edición do Campionato de fútbol de Esteiro coa tradicional revancha da final da edición anterior. Neste caso van enfrontarse os equipos do Independiente e o Ciclóns.
Empeza así unha primeira fase de liga a unha volta na que quedan eliminados tres dos sete equipos participantes: Abelleira, Cánchester, Carallo Santo, Ciclóns, Independiente, Praias de Raimundes e Tal.
A segunda fase, no mes de agosto, xa será de eliminatorias entre os catro primeiros equipos clasificados.
E a gran final deste campionato iniciado en 1978 será o 15 de agosto, coincidindo coas festas parroquiais.

Novas relacionadas
- A familia costeira en NY segue gañando títulos co CD Iberia.
- 2013: O Campionato de Barrios de Esteiro, unha competición singular.
- 2012: Un Ciclón arrasou no Campionato de Barrios de Esteiro.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).