O Bergantiños, o Sofán e o Cerqueda cítanse no trofeo solidario Os Petóns
08:07 05/08/16
Representantes dos tres equipos e do concello de Malpica presentaron onte o cartel do trofeo solidario
Unha vez máis, o deporte e a solidaridade volven a darse da man en Malpica. Nesta ocasión, a UD Cerqueda - equipo da 2ª Autonómica - impulsa a celebración do trofeo solidario Os Petóns que terá lugar este sábado, cuxos beneficios irán destinados ao banco de alimentos do concello de Malpica. Ademais, este ano, o cartel é de auténtico luxo, xa que no triangular tamén participarán o Bergantiños FC e a SD Sofán.
Representantes dos tres equipos asistiron ao acto de presentación do torneo no salón de plenos do concello de Malpica. Luis Cendán, do Bergantiños FC, louvou a iniciativa da UD Cerqueda, que ademais axudará á posta a punto dos xogadores de cara ávindeira temporada. “É un gran pracer, e noraboa ao concello de Malpica e ao Cerqueda por promover un torneo solidario, e aquí nos terán para vindeiras edicións”, dixo. Na mesma liña manifestouse Ricardo Serrano, presidente da SD Sofán, quenademais desexou que a recadación “sexa a máxima posible”. O capitán da UD Cerqueda, Daniel García Reixía, fixo un chamamento aos veciños e veciñas da comarca a que se acheguen o sábado ao campo de Xaviña “porque a ocasión - dixo - ben o merece”.
Por parte do concello de Malpica asistiron o alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, que unha vez máis amosaron o apoio do goberno municipal ao deporte e agradeceron o xesto solidario da UD Cerqueda e dos outros dous equipos participantes, que serán agasallados con cadansúa peza de olería de Buño.
O calendario de partidos que se disputarán este sábado, 6 de agosto, é:
- 18 horas: SD Sofán - UD Cerqueda
- 19 horas: Bergantiños FC - SD Sofán
- 20 horas: UD Cerqueda - Bergantiños FC
- Redacción QPC ([email protected])
- Malpica