Luns. 09.09.2024
El tiempo

O minibalonmán e a patinaxe artística reúnen en Carballo a máis de 400 deportistas

O minibalonmán e a patinaxe artística reúnen en Carballo a máis de 400 deportistas
deportes-carballo Onte presentouse na casa do Concello de Carballo dous eventos deportivos que terán lugar mañá sábado na vila Un bo número de deportistas de curta idade daranse cita esta fin de semana en Carballo. Así, o pavillón Vila de Noia e o CEIP Fogar de Carballo acollen mañá as Fases Finais Provinciais de Balonmán 5, ou minibalonmán, nas categorías benxamín (nenas e nenos nacidos nos anos 2008 e 2009) e alevín (nenas e nenos nacidos nos anos 2006 e 2007). A cita está organizada polas Escolas de Balonmán Xiria en colaboración coa vederación Galega de Balonmán e o concello de Carballo. Ata Carballo desprazaranse 24 equipos (12 da categoría alevín e outros 12 da categoría benxamín), 210 deportistas e uns 20 técnicos de 8 clubs: BM Arteixo, BM Culleredo, BM Línea 21, Colexio Liceo, EM Abegondo, OAR, Ribadosar e Escolas de Balonmán Xiria. O club carballés estará representado por 6 equipos: 2 benxamíns (OAK English Center Xiria e Clínica Dental Pico Blanco Xiria) e 4 equipos alevíns (Laber Xiria, Grupo Lemaco Xiria, Telepizza Carballo Xiria e LK Xiria). O BM Culleredo terá en competición outros 6 equipos (3 benxamíns e 3 alevíns); OAR, 3 (2 benxamíns e un alevín); EM Abegondo, 2 equipos benxamíns; BM Línea 21, Colexio Liceo e Ribadosar, un equipo benxamín e outro alevín; e BM Arteixo, un equipo alevín. A competición comezará ás 09:30 horas, cos equipos distribuídos en catro grupos de tres en cada unha das dúas categorías. En cada pista xogaranse simultaneamente dous partidos, co que o espectáculo e a animación están asegurados. Durante a mañá disputarase a fase de grupos; pola tarde, as semifinais, ás que accederan os campións de cada grupo. Os segundos de cada cadro pelexarán polos postos do 5º ao 8º; e os terceiros, polos postos do 9º ao 12º. As semifinais están programadas para as 15.15; e as finais, para as 16.45. Na categoría benxamín, o vencedor en Carballo clasificarase para disputar o campionato galego. Arredor das 17:30 celebrarase a entrega de trofeos. O torneo presentouse onte na casa do concello, nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o vicepresidente das Escolas de Balonmán Xiria, José Antonio Rodríguez Fraga; Edi Salgueiro, delegada da zona norte da Federación Galega de Balonmano; e Francisco Javier Rodríguez, directivo da federación autonómica. Patinaxe artísitca Por outra parte, esta fin de semana terá lugar en Carballo o 6º festival de Patinaxe Artística da Escola Lubiáns que este ano case dobrou o número de patinadoras con respecto ao ano anterior. No club carballés hai nestes momentos 42 nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos, “e medrando”, aseguran o vicepresidente da entidade, Juan Carlos Rey, e a vocal Beatriz Gracia. Onte, acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, presentaron o programa do 6º festival de Patinaxe Artística, unha festa de fin de curso que nos permitirá ver a esas 42 nenas na pista, xunto con moitas outras, e tamén nenos, doutros catro clubs da provincia. Xunto a Escola Lubiáns, Inercia (Ferrol), CEIP A Cristina (Carballo), Castelao (Ordes) e Conxuro (A Laracha), reunirán mañá sábado, a partir das 16:00 horas, a un total de 200 patinador@s no pavillón Carballo Calero. O vicepresidente de Escola Lubiáns agradeceu a colaboración do concello de Carballo no desenvolvemento desta actividade, que ten como obxectivo visibilizar “e dar a coñecer a patinaxe”, sinalou. O alcalde apuntou que o crecemento que está a experimentar a patinaxe é sintomático da situación do deporte no noso concello. “Afortunadamente –dixo- o deporte seguiu medrando incluso durante a crise. Iso é bo, pero tamén crea novas necesidades. Por iso o concello foi ampliando as instalacións, sobre todo nos centros educativos, e iso tamén nos permite soportar a altísima demanda que ten o deporte en Carballo”. Evencio Ferrero destacou o papel que xogan as familias na promoción do deporte e manifestou o seu desexo de que a patinaxe continúe indo a máis. Fonte

Comentarios