![]()
Xa está en marcha a sexta edición do
día autonómico do Pequebasket que se celebra en Carballo o próximo 17 de maio. A primeira das novidades desta iniciativa - organizada pola Escola Basket Xiria - é o seu cartel no que se representa a importancia que teñen os máis pequenos nesta cita así como tamén conmemorar o día das Letras Galegas cunha bandeira de Galicia sobre o taboleiro de baloncesto. As follas, tamén presentes no cartel, fan referencia á vila que acolle o evento: Carballo.
A Escola Basket Xiria espera reunir o vindeiro
17 de maio en Carballo a preto de 600 nenos/as e, en consecuencia, a 600 familias que compartirán unha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión. Na organización colaboran outras institucións como o concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto ademais de varias empresas e entidades.
Máis de 20 equipos xa confirmaron a súa asistencia e o prazo de inscrición continúa aberto. O equipo organizador do
6º Día do Pequebasket leva varias semanas traballando na programación da xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o Día das Letras Galegas e xa pronto pechará as actividades lúdicas e de lecer.
Precisamente dado o éxito e a repercusión que tivo o 5º Día do Pequebasket, que xa está considerada xa como un evento de referencia autonómica, este ano aumentouse o límite a 60 equipos, para intentar batir todos os records de asistencia ata o momento.
Novas relacionadas
Fonte
- Redación QPC (info@quepasanacosta.com)