![partido-solidario-sofan]()
Co fin de que este Nadal ningún neno se quede sen xoguetes, a Cruz Vermella, a SD Sofán e o concello de Carballo unen esforzos este mes de decembro coa celebración deste domingo, día 4, dun partido solidario no campo do Carral. Co gallo da celebración do encontro da Liga Rexional Preferente contra o Betanzos CF, previsto para ese día ás 16:15 horas, ponse en marcha unha
campaña de recollida de xoguetes novos. A cita está aberta para todas as persoas que queiran colaborar, que poderán depositar os seus paquetes nun posto de Cruz Vermella situado no campo.
Matilde Anido - presidenta da asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo - manifestou a intención da entidade de "darlle felicidade aos nenos e nenas nestas datas e en todas as que sexa posible" e tamén lle pide ás persoas que colaboren que acheguen "xoguetes novos", tal e como lles gustaría que os tivesen os seus nenos e nenas. Non é necesario que estean por estrear, pero si en bo estado. Ademais, avanzou a presenza no Carral de Mercedes Villanueva, presidenta provincial de Cruz Vermella e integrante da directiva do Betanzos.
O presidente do Sofán, Ricardo Serrano, manifestou a satisfacción do clube por poder colaborar unha vez máis con Cruz Vermella, "que traballa durante todo o ano para que todos os nenos e nenas teñan xoguetes novos". Por iso, fixo un chamamento xeral para que "todo o mundo leve o domingo o seu xoguete e a campaña sexa un éxito". O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron transmitirlle os seus parabéns tanto a Cruz Vermella como ao Sofán, "un clube sempre disposto a colaborar neste tipo de proxectos", en verbas de Trigo.
![partido-solidario-nadal-carballo]()
Onte presentouse a campaña de recollida de xoguetes que se levará a cabo este domingo
Ferrero, pola súa parte, amosou a súa satisfacción por poder presentar "referentes de solidariedade" que servirán "para facer moito máis felices a moitos nenos e nenas este Nadal". E, no deportivo, tamén desexou que o Sofán poda levar os tres puntos.
En
Coristanco tamén comezaron estes días coa súa
campaña solidaria de recollida de alimentos, donativos e xoguetes.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo