Oito deportistas do Judo Bergantiños disputaron a Super Copa de España en Avilés



Ata Avilés desprazouse esta pasada fin de semana un grupo de 8 deportistas do Judo Bergantiños, para disputar Super Copa de España Infantil e Cadete. Unha grandísima experiencia no deportivo e tamén no persoal.
En categoría cadete Martín Reis conseguiu nada menos que rematar na 5ª posición logo de perder o combate polo bronce. Ademais Borja Villar caía en primeira rolda sen opción de repesca.
En categoría Infantil, Naira Branco e Brais Castro quedaron en 7ª posición facendo un torneo bastante bo e conseguindo puntuar no ranking nacional e colocarse entre os mellores.
Pola contra, Martín Barrientos, Lucía Pazos, María Tajes e Daniel Chouziño caían en primeira rolda sen opción de repesca, pero hai que ter en conta que é a súa primeira competición desta envergadura.
Quedan preparados os pequenos judokas bergantiñáns para a seguinte competición.
