Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Os adestradores coruñeses, pendentes dos árbitros da Costa

Os adestradores coruñeses, pendentes dos árbitros da Costa
Manuel Espasandin Romar no Corme-San Lorenzo xuvenil Manuel Espasandin Romar no Corme-San Lorenzo xuvenil-Foto-Fin Lema

Os adestradores de diversos equipos da Coruña fían o seu futuro esta semana aos árbitros costeiros. E é que varios equipos con problemas terán nos seus encontros a tríos arbitrais da Subdelegación da Costa da Morte.

Así, na Preferente Galicia, Rubén Reborido (auxiliado por Nacho Crespo e Óscar Rey) dirixirá un duelo agónico entre Montañeros e Ordes (A Grela, domingo, 18.15 horas), dous equipos que proveñen de categorías distintas e que están pelexando por fuxir da queima. O Montañeros é decimoquinto, con só nove puntos, e acumula tres xornadas sen gañar, en tanto o Ordes é decimosétimo, apenas sete puntos e cinco xornadas sen sumar os tres puntos. O encontro do domingo será de carácter vital para ambos.

E, no mesmo campo, e xusto a continuación, disputarase o encontro de Primeira Galicia entre Orillamar e Brexo Lema. Haberá trío costeiro dirixido por Alberto Baña e completado por Óscar Rey e Esteban Domínguez. Os locais atópanse tan só tres puntos por enriba dos postos de descenso, en tanto o Brexo Lema ten un punto máis, pero encadea dúas derrotas consecutivas nas últimas xornadas.

E tamén haberá trío costeiro o domingo no Dani Mallo de Cambre (17.00 horas). Adrián Pérez, auxiliado por Manuel Espasandín e Lucas Vicente, dirixirá o partido que enfrontará ao Cambre e o Narón. O Cambre acumula dúas vitorias consecutivas que o sacaron lixeiramente do pozo, a pesar de que aínda se atopa con tan só nove puntos, apenas un por riba dos postos de descenso. O conxunto visitante viaxa na segunda posición, despois de ceder o liderado tras acumular dúas derrotas nos últimos tres partidos.

Pablo Rama segue aboado ao sur

Pablo Rama, pola contra, dirixirá unha batalla polo liderado da Preferente Galicia, grupo sur. O domingo, ás 16.30 horas, arbitrará o duelo entre o actual líder, Pontellas, e o Barbadás, actualmente cuarto clasificado despois de encadear catro xornadas sen gañar. Estará auxiliado nas bandas por David Vázquez e Sebastián Pérez, tamén da Subdelegación da Costa da Morte.

Cabe destacar que, na Preferente Galicia, haberá xornada este xoves, polo que tanto Pontellas e Barbadás como Montañeros e Ordes terán un partido previo ao encontro do domingo, polo que a súa situación poderá variar lixeiramente.

Derbi no San Paio de Refoxos

O campo ceense vivirá (sábado, 18.00 horas) a reedición do derbi ceense entre Ameixenda e Cee, despois dos anos que o conxunto que esta semana actuará como local viviu na Terceira. O partido abre a xornada na Liga da Costa, adiantándose ao sábado, e estará dirixido por David Castreje.

Os equipos muradáns decidirán a cabeza da táboa nesta Segunda da Costa. O Mazaricos, líder da categoría, defende o seu posto de privilexio en Pino do Val ante un complicado Volantes de Baño (Juan Marcos Ríos) en tanto o Corme, que aspira ao trono, viaxa ao Eleuterio Balayo para enfrontarse ao Muros. O terceiro en discordia, Ponteceso, recibe a un Monte Louro en apuros (Marcos Ordóñez).

Na Terceira, o duelo polo liderado queda para o domingo. O Castriz viaxa ao complicado campo das Fontiñas para enfrontarse ao Nantón (Iván Ferreiro) en tanto o Coristanco recibe na Rocheira ao Camelle (Naim Juncal).

Dobre xornada en categoría xuvenil e infantil

Aproveitando a ponte festiva, as categorías infantil e xuvenil vivirán dobre xornada, con partidos tanto o xoves como o domingo.

O intratable líder da categoría xuvenil, Corme (seis de seis vitorias, e só dous goles encaixados) enfróntase a dous equipos da zona alta da clasificación, polo que de sumar seis puntos nesta semana deixaría o liderado xa case inalcanzable para os seus perseguidores. O xoves visita ao quinto clasificado, o Soneira (Óscar Rey) en tanto o sábado recibe ao sexto, a Esteirana (Manuel Trillo).

En categoría infantil, os dous equipos que pugnan polo liderado comparten unha axenda parecida. Tanto Dumbría como Cee descansarán nunha das dúas xornadas a disputar, mentres que na outra se enfrontarán a dous equipos da zona alta, Os Miúdos e Xallas, respectivamente.

Cee e Seaia disputaranse o domingo, unha semana máis, o liderado da categoría cadete, en sendas visitas a Esteirana e Outes.

E esta semana comeza tamén o fútbol 8 na Costa, polo que todo o fútbol queda xa en marcha. O arrinque oficial da competición darase este venres, ás 18.15 horas, en San Pedro de Castriz, co duelo alevín entre Xallas e Sofán (David Cancela).

A clasificación do fútbol veterano, máis apretada que nunca

Sorprendeu a caída do até entón intratable San Lorenzo, que sumaba seis de seis pero cedeu na súa visita a Soneira. Agora, son tres os conxuntos igualados no alto da táboa da División de Honra, empatados a 18 puntos.

O San Lorenzo buscará retomar as boas sensacións, pero enfronte terá un duro rival, o Dumbría (quinto clasificado). O partido será nas Pedreiras (domingo, 10.30 horas, Bruno Méndez). Os outros dous colíderes, Zas e Soneira, enfrontaranse entre si no campo de San Andrés (domingo, 12.00 horas), no que será o partido da xornada.

Na Primeira, o Xornes, despois de encaixar a súa primeira derrota na visita ao Cairo, recibe a un rival a priori asequible, Malpica (Xaviña, 12.00 horas, Juan Marcos Ríos), en tanto o Corme, verdugo e perseguidor, viaxa ao campo Dos Castillos para enfrontarse ao San Ramón (Javi Mella). O terceiro en discordia, que tamén podería saír líder da xornada dominical, é o Deportivo Razo, que recibe ás 11.00 horas no campo do Areal ao Leiloio (Iván Ferreiro).

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Ademais, todos os horarios actualizados e o domingo, o carrusel das 4 ligas dos modestos, en www.futboldacosta.com.

Comentarios