Os Nosos, o libro que aos xogadores que militaron no Dépor e Celta


Declarado publicamente de cor branquiazul, este diario gusta de fomentar a boa relación enre os dous equipos máis grandes do país. En liña co traballo das dúas directivas nestes últimos anos, nace o libro “Os Nosos”, que retrata por vez primeira os xogadores que vestiron nalgún momento da súa carreira as cores celestes e branquiazuis.
Xusto cando se cumpren 75 anos do primeiro derbi entre Depor e Celta na máxima categoría, os seus autores, Héctor J. Pena e Noela Rey, unen a súa paixón a poucos días de convertérense en matrimonio e amosan un xeito diferente de vivir a rivalidade de #ONosoDerbi.
Vicente Celeiro, ex xogador do Celta e do Deportivo e un dos protagonistas do libro, escribe o prólogo. Pero a sorpresa escóndese en cada páxina canda historias que están máis á luz, como as de Oriol Riera, Goran Djorovic, Jabo Irureta, Miguel Ángel Lotina, Fernando Vázquez, Flaco Gil, Pahíño ou Mariano. Deportivistas e celestes atoparán un perfecto entretemento e conseguirán facerse coa información máis inesperada.
Como colaborar
A proposta está enriba da mesa, pero necesita dun pequeno empurrón para saír adiante. Así, para velo feito realidade, veñen de abrir unha campaña de micromecenazgo a través da plataforma Verkami, que dá a oportunidade de que sexa unha realidade grazas ao crowdfunding, co que se pretende conseguir a financiación de 4.500 euros necesaria para a impresión da obra.
Con el, e en só 40 días, que se cumprirán o 31 de outubro, preténdense conseguir os 4.500 euros necesarios para publicar o libro en versión física. Todos aqueles que o desexen poden achegar o seu gran de area en forma de financiación, que van dende a máis barata, de 12 euros, ata a máis cara, como mecenado de honra de 125 euros, pasando por formatos cun coste de 15, 18, 24, 30, 40 ou 60 euros, entre outros. Aos financiadores tan só se lles cobrará unha vez o proxecto acade os 4.500 euros precisos e será entón cando reciban tamén o libro no formato pagado e as recompensas accesorias.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).