Preferente: Con tanto 'Pichón' hai premio seguro
13:55 13/03/17
Tres goles de Pichi a piques estiveron de darlle ao Soneira o triunfo no derbi de Sofán, que finalmente deixa aos vimianceses cun sabor amargo e máis lonxe do obxectivo; meritorio empate do Xallas en Paiosaco
O Sofán mantense na zona tranquila
Sofán 4-4 Soneira
Campo: O Carral
Sofán: Fedeyo, Sito, Sera, Rubén (Dani Becerra m.82), Félix, Seo (Adrián m.82), Álex Figueiras (Fran m.59), Fabián, Iván Rey, Luis (Quintela m.67) e Raúl
Soneira: Josiño, Rubén Forján, Oscarín, Aarón, Brais, Jota. Mayor (Óscar de Maema m.71), Richi (Darío m.73), Vía, Dani Casal (Iago m.85) e Pichi
Árbitro: Rodríguez Penas (A Coruña). Amonestou a Álex Figueiras, Fabián, Fran e Luis do Sofán; Oscarín e Darío do Soneira
Goles: 1-0 m.7 Iván Rey; 1-1 m.47 Pichi; 2-1 m.50 Raúl; 2-2 m.62 Rubén, en propia meta; 2-3 m.75 Pichi; 2-4 m.79 Pichi; 3-4 m.81 Sera; 4-4 m.90 Félix
Non chegou con máis de dous 'Pichones'
Dánselle ben ao Soneira os derbis co Sofán, pero esta vez non o suficientemente ben para sacar un resultado que a falta de dez minutos si lle sorría ás súas opcións de permanencia. O espectáculo foi propio do man a man da pasada campaña en Primeira, cando os vimianceses foran campións e os carballeses acadaran a mellor clasificación da súa historia. O acto inicial foi relaxado, sen deixar entrever a orxía de goles e alternativas que daría no empate con 'tracción as catro rodas'. Madrugou Iván Rey para abrir o marcador, nunha xogada con selo do oleirense Fabián de forma individual e con asistencia. Foi o que lle durou a superioridade aos locais, que pouco a pouco rebaixaron a intensidade e sufriron unha vía de auga en forma de concesión de oportunidades. Non parecía o día do Soneira, despois de que Dani Casal, Alberto Vía e Mayor errasen opcións a cada cal máis clara e decepcionante para a ambición dun equipo que cada tarde necesita imperiosamente o triunfo. O epílogo á oda de erros o poñería Richi, para facer de novo xigante a figura de Fedeyo. O que non participara dese festival de ocasións marradas deu outra lección, pero de agallas, confianza e acerto. O delfín de Urroa, Pichi, igualou nada máis regresar de vestiarios, tras un pase sobresaínte de Dani Casal. Duraría pouco a ledicia soneirán, xa que un cabezazo de Raúl tres minutos despois devolvería o mando no marcador aos locais. Foron os minutos seguintes como o baixón dunha aria cun progresivo in crescendo para o clímax final. Rubén introduciría na súa propia portería o 2-2 vimiancés, tras un saque de banda. E de aí ao final, a locura. Pichi 'pichones' mataría en dúas ocasións más (seu primeiro hat trick na categoría) para facer aos seus soñar cun triunfo de fe. Foron balóns colgados ao área nos que confiou máis que ninguén. Quedaban nove minutos cando o Sofán decidiu facer tamén un exercicio de fe. Un córner deulle a Sera a opción do 3-4, e a polémica chegaría no último suspiro, nunha falta colgada por Iván Rey na que Félix, o Ramos dos carballeses, rematou a gol o empate decisivo. A parroquia soneirán reclamou falta sobre Dani Casal. E tamén levou un susto, porque despois do seu hat trick Pichi aínda tería tempo de salvar a remontada vermella, tras desfacer unha ocasión de Adrián.
Paiosaco 0-0 Xallas
Campo: A Porta Santa
Paiosaco: Dani Moreno, David Castro, Aythami, Iriso, Sergio, Javi Fuentes (Iván Amor m.68), Juanma, Josiño Vázquez (Tabu m.81), Bambán (Michi m.64), Diego Lois e Manja (Portillo m.68)
Xallas: Julián, Christian, Luis, Martín Barreiro, Brais, Canedo, Fernando (Jesús m.59), Doro, Anxo (Kevin m.59), Marquiños (Rubio m.76) e Róber Pladur
Ärbitro: Miño Pico (Ferrol). Amonestou a David Castro, Manja, Aythami e Christian Iriso do Paiosaco; Iván, Álvaro, Jesús do Xallas
Si, da o nivel
Igualou sen goles o Xallas no campo do Paiosaco, candidato ao ascenso a Terceira División e que non deu coa tecle para desfacer o entramado de Iván Cancela e os seus. Non foi o partido máis bonito do ano, pero si un subidón de confianza e fe para o que resta de curso nos combeses. Resultou moito máis productiva unha primeira metade na que entre Doro e Luis fabricaron a ocasión máis clara do Xallas, pero confiouse de máis o futbolista visitante. A réplica do Paiosaco sería un disparo que deixou sen opcións a Julián, pero que marchou fóra por pouco. A pesares do potencial ofensivo de ambos equipos foi unha tarde de distancias curtas, poucas concesións e sobre todo moito músculao na medular. O máis atractivo foi o ambiente nunha grada repleta e animosa, con moita representación de ambos conxuntos.