Temos visto xa como está a táboa de goleadores o Parte de sancións polo que xa nos podemos sumerxir totalmente na vindeira xornada, que terá lugar esta fin de semana deste 9 e 10 de novembro.
Pero antes, os compañeiros de 4gotas dannos o parte metereolóxico: Tralas chuvias desta noite, o venres será unha xornada de chuvascos. Serán máis frecuentes na mañá, no mediodía alternarán con claros e a partir de media tarde desaparecerán. O máis destacado do venres será a baixada de temperaturas. Notarase frío pola noite. O sábado volverán as nubes e deixarán chuvias, na costa serán moi febles (de tipo orballo), cara ao interior serán algo máis intensas. O vento do oeste (con algún refacho forte) aportará moita humidade no sábado. O domingo seguirá o vento do oeste, desta volta feble, e continuará a aportar moita humidade e moitas nubes, pero apenas deixará chuvia en todo o domingo. A boa nova chega o luns, no día de San Martiño chegará o seu veraniño. Luns e martes teñen moitas probabilidades de ser solleiros, especialmente ao sur de Fisterra.
E comezamos o repaso pola Preferente onde os nosos 3 terán complicados rivais. O Dumbría recibe a un Riveira que se ben non está no seu mellor momento sempre é un rival da zona alta. O Soneira recibe a un Residencia ao que pode superar na táboa, nun choque importantísimo. Pero probablemente o partido da fin de semana será o do XSC en Ribadeo. O cadro da Mariña está segundo e saca só 2 puntos aos xalleiros polo que de vencer se meterían de cheo arriba.
Na 1ª Autonómica, choques dispares nesta 10ª xornada. Trascendental segue a ser cada partido para o Ponteceso, aínda pechacancelas. O domingo recibe a un Agolada na 3ª praza polo que o envite non será fácil. Iso si, os pontecesáns esperan apoio dos seus veciños, por Camariñas, Malpica, Baio e Esteirana se enfrontan a 4 equipos da zona baixa.
A xornada na 2ª Autonómica chega con dous partidos interesantes, como son o Castriz-Outes, unha verdadeira pedra de toque para o líder e tamén para este Castriz que se quere estar arriba non pode perder máis corda. Ademais, o Zas-Sofán será un duelo de favoritos en todo o alto.
Chega a 3ª xornada 3ª Autonómica cun Montelouro-Coristanco, con ambos equipos compartindo liderato.
Xa en Xuvenís, polo Gr.3 o XSC - Cee parece o choque máis igualado e importante, para saber quen se mantén na loita; e ademais haberá duelo de pechacancelas, polo que algún, ou os dous en caso de empate, estreará taboleiro de puntos. Polo Gr.4 non haberá enfrontamentos directos entre os 4 de arriba, polo que toca ver que non falla, agás o Ponteceso que descansa.
Ollo ca xornada nos Veteranos que chega cun Baio-Coristanco, 3º contra 1º cun só punto de vantaxe para o equipo bergantiñán. Atento estará o Laxe, que xoga en Muros e pode aproveitarse de calquera tropezo para auparse ao liderato.