Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Preferente: O Dumbría achégase ao XSC

Preferente: O Dumbría achégase ao XSC
11 do Dumbria ante o XSC-Foto-Jorge Parri

11 xornadas da Preferente e os nosos seguen buscando posicións. Co Bergan destacado no máis alto, o XSC caía ante un Sada en estado de gracia, quedando na 6ª praza a 6 do líder. O Dumbría, que vencía o venres en O Val con algo de sorte, colócase 7º a só 2 puntos dos xalleiros. Mentres, por abaixo, o Soneira queda ao fío do descenso tras volver de baleiro da Coruña.

O Val - Dumbría (0-1)

  • DUMBRÍA: Julián, David, Oscarín (Rudy, min.46), Aarón Fdez., Pablo Conde, Jota, Adrián Makaay (Adrián Nieto, min.46), Iago, Doro (Luisito, min.85), Jesús e Rivi (Pablo Muíño, min.70).
  • Gol: 0-1, min.31: Rivi a centro de Doro.

Non foi o mellor partido do equipo de Canosa pero os 3 puntos sumados o venres saben igual de ben. O equipo local dominou practicamente todo o partido, ante un Dumbría ben armado atrás. Así e todo nos primeiros minutos só a sorte, e os paus, impediron que o Val se adiantase. O Dumbría foise entonando e nunha das súas poucas saídas, Doro internouse por banda e cedeu para que Rivi abrise o marcador.

Respondeu de novo ao pau o equipo local, que tamén dominou na segunda metade ante un agazapado Dumbría, que buscaba manter o balón combinando no medio campo. Aguantou todo o partido sen recibir un gol, a pesar de que no minuto 90 o Val volveu lanzar o cuarto balón á madeira da tarde.

Silva - Soneira (2-0)

  • SONEIRA: Víctor, Brais (Quilmes, min.59), Chans, Sito, Maikel, Fran de Urroa (Leo, min.79), De La Sierra, Cristian Figueroa, Riki (Cristian Canosa, min.82), Basti e Javi (Richi, min.72).
  • Goles: 1-0, min.16; 2-0, min.89.

É o Silva un dos claros candidatos ao ascenso á 3ª trala renovación total deste verán. E o Soneira veuse superado polo cadro coruñés dende o principio. Os de Felipe saíron durmidos, e nos primeiros 20 minutos caeu un gol en contra pero puideron ser varios. Reaccionou lixeiramente tralo gol recibido pero non foi quen de inquedar a meta local na primeira metade.

Seguía dominando o Silva na segunda, pero no equipo costeiro se notaba máis intensidade. O Silva non sentenciaba e o Soneira estaba a un só gol do empate. O Soneira intentouno a arreóns, con valentía pero sen acerto, e só contra o final o equipo herculino sentenciou.

Xallas de Santa Comba - Sp. Sada (0-2)

  • XSC: Diego, Rubén Forján (Maneiro, min.85), Cristian, Héctor, Rubio, Alberto (Dani, min.77), Marcos, Jesús, Richi, Darío (Adrián, min.90)e César (Iván, min.82).
  • Goles: 0-1, min.25; 0-2, min.85.

Deixa pasar o XSC ao Sada ata a 3ª praza tralo intenso choque de Fontenla. Non puido o cadro de Julio Martínez pechar a racha do cadro sadense, que viña de vencer ao 2º, o Ribadeo, e que onte levou os 3 puntos.

O XSC non puido facer dano á meta sadense nunha primeira metade na que o Sada estivo tremendamente serio. Adiantábase os visitantes no ecuador. Na segunda o cadro local intentou virse máis arriba, pero de novo escasearon as ideas e só foi o equipo visitante o que puña a puntiña a falta de 5 para o final. Tivo minutos de dominio o Xallas nesta segunda metade pero apenas puideron contar claras ocasións de gol.

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios