Primeira Galega: Cando un punto vale moito máis
15:16 20/03/17
Gran paso adiante do Dumbría na súa loita polo título, tras igualar en Agolada e manter a distancia coa segunda praza; o resto dos partidos costeiros contáronse por derrotas
Houbo felicidade polo punto no Dumbría
Seguros Reale en Baio e Ponteceso, patrocina a 1ª Autonómica
Tordoia 3-0 Sporting Zas
Campo: Gorgullos
Tordoia: Santi, Denís (Gonzalo m.60), Liñares, Alemán, Dubra, Nico, Andrade (Maki m.56), Chino, Veiga (Toño m.65), Xuco e Álex Varela
Sporting Zas: David Insua, Alberto, Anxo, Manu Fuentes, Pablo Novo, Róber, Bruno, Josito (Andrés m.48), Fabián, Dani Mato (Lodeiro m.78) e Nolo (Álvaro m.76)
Árbitro: Rego Rodríguez (Santiago). Amonestou a Nico, do Tordoia
Goles: 1-0 m.42 Dubra; 2-0 m.47 Denis; 3-0 m.55 Dubra
Nada que dicir
Non ofreceu a súa mellor imaxe o Sporting Zas, no que era un partido importante pola permanencia ante o duro anfitrión Tordoia. Os costeiros chegaron moi castigados polas baixas, e non dispuxeron de demasiadas oportunidades de perigo. Só un remate de Dani Mato, que repeleu a madeira, estivo preto de converterse no tanto da vantaxe zascense. Enfilaban os futbolistas prácticamente os vestiarios cando, nunha acción a balón parado, Dubra adiantaba aos seus tras anticiparse á defensa. A empanada proseguía e Xuco aínda daría outro susto. Foi chave e psicolóxico o segundo tanto, nada máis voltar do paso polos vestiarios, no que Denís lle gañaba a partida a David Insua cun gran disparo. Un cabezazo de Dubra, noutra acción a balón parado, sentenciaba unha tarde para esquencer por parte do Sporting Zas.
O Sporting Zas non deixou boa imaxe en Tordoia
Lalín 2-1 Outes
Campo: Manuel Anxo Cortizo
Lalín: Cristian, Jesús, Iván, Álex, Matías, Ferreiro (Gomes m.46), Gude (Vilas m.65), Adrián (Brais m.45), Cristian, Matías (Robin m.62) e Leo
Outes: Xandre, Borja, Chúa, Maroñas, Pose (Elías m.50), Chía (Babu m.50), Martín, Mario, Yago Dosil (Quim m.50), Cutu e Jura (Simón m.72)
Árbitro: Rosende Porto (Santiago). Amonestou a Cristian, Jesús e Ezequiel do Lalín; Borja e Elías do Outes
Goles: 1-0 m.10 Matías; 2-0 m.47 Alexandre; 2-1 m.88 Elía
Punto negro nunha dinámica xenial
Emborronou o feito nas últimas semanas un Outes que non deu o seu nivel habitual na saída a Lalín. Os de Alfredo Cambeiro prácticamente regalaron unha hora do seu compromiso co que ata hai pouco era un rival directo. Mantivéronse vivos no Manuel Anxo Cortizo grazas á extraordinaria actuación de Xandre, que parouno case todo, agás o madrugador tanto de Matías, e o segundo de Alexandre, tralo descanso, e producto dunha mala saída de balón. Pareceron resucitar os costeiros na recta final, na que apretaron moito e a piques estiveron de salvar a tarda. A mágoa foi que Elías acertou coa portería rival cando só quedaban dous minutos. A nota positiva foi a fidelidade da afección outiense, maioría en terras do Deza e que se desprazou en cantidade de medio centenar.
Fisterra 2-4 Sigüeiro
Campo: Ara Solis
Fisterra: Norberto (Joselu m.46), Rubia (Pablo Lestón m.46), Breixo, Robertín, Roa, Tati (Álex m.46), Naranjo (Bruno m.46), Jesús, Adri (Champi m.71), Roco e Cote
Sigüeiro: Pablo, Óscar Rey (Borja m.81), Marcos Iglesias, Aitor, Álex Fernández, David, Nando, Hugo Arnejo, Maroño (Albor m.58) (Rubén m.72), Juanito e Adrián Beiroa
Árbitro: Sampedro Valiño (Santiago). Amonestou a Tati, Breixo, Joselu, Pablo Lestón, Roa, Roco e Cote do Fisterra; David e Hugo Arnejo do Sigüeiro
Goles: 0-1 m.4 Álex Fernández; 1-1 m.6 Roa, de penalti; 1-2 m.18 Hugo Arnejo; 1-3 m.33 Adrián Beiroa, de penalti; 2-3 m.51 Pablo Lestón; 2-4 m.70 Adrián Beiroa
Castigo excesivo
Caeu o Fisterra na casa co terceiro da liga, nun partido de sensacións opostas, e no que valorando o cómputo xeral ben poderían ter pescado algo positivo os de Nacho. O factor vento foi importante nunha primeira metade de maior protagonismo santiagués. Un dos clubes que máis presuposto manexa tivo a un dos seus homes no cotizado Adrián Beiroa. Álex Fernández adiantaría aos visitantes nada más comezar, tras unha segundo xogada a rexeite dun córner. Igualaría un minuto despois Roa, de penalti, tras un derribo claro sobre Jesús. Nun inicio de locos e de confusión por parte dos locais, unha mala cobertura defensiva deixou a Hugo Arnejo en posición franca para rematar tras un centro lateral, e pouco despois Breixo cometería un penalti máis que discutible e discutido sobre Adrián Beiroa, que o propio santiagués se encargaría de resolver. Variou notablemente o panorama na segunda metade, co Fisterra encerrando no seu área ao Sigüeiro. Unha parede entre Adri e Pablo Lestón acabou cun bo remate e gol do corcubionés. Caíanlle de todos lados aos visitantes, que aguantaron e nunha contra fixeron un cruel cuarto gol.
Agolada 1-1 Dumbría
Campo: Hospitalillo
Agolada: Rafa, Dani, Miguel Ángel, Bryan (Brais m.70), Pablo Castro, Otero, Jonathan, Rubén (Areán m.82), Víctor, Alexandre e Aitor
Dumbría: Iván Bouzón, Jose, Raúl, Pablo Conde, Iago, Rivi, Diego Cespón, Darío Capelo, Aarón (Cristian m.84), Adrián e Rubén Márquez (Manu m.69)
Árbitro: Pérez Malvido (Lalín). Amonestou a Bryan, Aitor e Víctor do Agolada; Rubén Márquez, Diego Cespón e Pablo Conde do Dumbría
Goles: 0-1 m.38 Rivi; 1-1 m.39 Jonathan
Puntazo a longo prazo
Igualou o Dumbría no feudo do seu maior perseguidor e mantivo un liderato que recuperara sete días atrás. Os costeiros tiraron da súa versión máis sobria e competitiva para aguantar nun campo repleto, e ante un equipo que fixo do fútbol directo un arte e unha filosofía. En ocasións, os pontevedreses buscaban xogadas de tres toques: balón colgado desde a defensa, prolongación da súa torre ofensiva e incorporación das balas de segunda línea. Foi chave o enorme papel protagonizado por dous homes de longo percorrido na casa, Iago e Pablo Conde, moi intelixentes na defensa. Pouco antes do descanso, e despois de que o meta local lle sacara un balón franco, Adrián controlou de costas e deixoulle un gran balón a Rubén Márquez. O santiagués rematou e Rivi desviou o lanzamento para facer o primeiro. A desgracia foi o efímero do golpe, pois só un minuto despois, e previo ao descanso, Jonathan aproveitaba un rebumbio no área para igualar. Aínda que na segunda metade a batalla foise especialmente ao físico, e que o encontro viviu momentos de altísima intensidade, a maior parte do tempo xogouse en terreo local. As mellores para o Dumbría desta volta foron un córner que case fai olímpico Diego Cespón, e dous balóns mortos no área que no atoparon rematador.