- Segunda semana na que o Soneira non foi quen de gañar nin de marcar, e tamén na que o Outes compreta unha "machada".
Imaxe do Montelouro-Lira-Foto-Xose Sendon
Se hai unha categoría que ten sido atípica esa é a Primeira Autonómica, onde o líder Soneira non gañou nin marcou por segunda semana consecutiva, o Corme non foi quen de puntuar fronte ao colista e o Outes acadou unha nova semana de machada. É o transito entre Preferente e a Liga da Costa un cúmulo de sorpresas, que normalmente sonlle favorables aos conxuntos da zona, pero tamén rezuma certa desconfianza acerca duns rivales perigosos en boa medida por descoñecidos. Ao líder se lle molou a pólvora ante un Piloño que só sacou dous triunfos en todo o curso, e que acostuma a ser máis forte na casa. Non é que o Soneira teña mudado a forma de xogar nin a filosofía, senón un pequeno volco na fortuna. Do resto dos compromisos habería que chamarlle positivo ao punto do Baio en Tordoia, nunha saída compricada, e negativas ás derrotas de Malpica e Corme, especialmente dura esta última. E se o troco do líder hai que entendelo só en chave de fortuna, algo parecido sucede cun Outes que ten pasado de cinco semanas sen puntuar a superar precisamente aos vimianceses e esta semana ao Sofán a domicilio. Foi un derroche de garra e boas maneiras.
Menos sorpresas, desgraciadamente, ten brindado a Preferente Autonómica, nunha xornada que xa sobre o papel non invitaba demasiado ao optimismo. Chegaba á Fontenla un Paiosaco invicto, e invicto retornou. Non sen antes sufrir e ver como o Xallas, incluso con dez xogadores, dispoñía de oportunidades para ata gañar o partido. Pero a cruda realidade di que os de Santa Comba son o último clasificado da táboa, a pesares de non voltar case nunca cunha mala sensación. Menos duro era o compromiso do Dumbría ante un curtido e defensivo Chantada. Un erro defensivo e a sobriedade dos lucenses condearon ao conxunto de Canosa.
Espectacular ten sido o choque entre Ponteceso e Castriz, con alternativas no marcador, polémica, emoción e un triunfo reivindicativo dun Ponteceso que prosigue a estela do Sporting Zas. En San Andrés, o líder firmou a goleada da tempada fronte a un Volantes que deixa sensacións moi preocupantes, e que incluso tivo que formar co dianteiro Yanky coma porteiro. Entre os candidatos, houbo pleno con suficiencia: o Baíñas en Coristanco, o Fisterra en Esteiro ou o San Lorenzo de Verdillo na Ponte do Porteño. En proceso de recuperación está o Cee, con terceiro triunfo seguido.
Outro líder que cumpriu foi o Corcubión, que triunfou en Camelle. Non pode dicir o mesmo o Laxe, que encallou en Muxía, nin o Nantón, que non pasou da igualada na casa co Castrelo. Do fútbol base destacou o triunfo do Dumbría en Viveiro.
Crónicas da semana
Novas relacionadas
Máis información
Fonte