Martes. 25.01.2022
El tiempo

Resumo da Preferente e 1ª Galicia

Resumo da Preferente e 1ª Galicia
Estamos en datas de balances, reflexión e promesas de cara ó ano entrante, e dende as páxinas de QPC vamos tamén a desglosar polo miúdo o que levamos de tempada en todas as categorías. Hoxe comenzamos polas máis altas, onde case todos os nosos representantes están a sufrir considerablemente. PREFERENTE GRUPO NORTE: S.D. SOFÁN - Despois do cambio de adestrador no verán, coa chegada de Iván Cancela, e coas obras do campo do Carral e a readaptación a xogar nas Eiroas, as incógnitas que se cernían sobre a SD Sofán eran moitas. Un arranque de liga espléndido despexounas rapidamente. O equipo era moi forte na casa, e chegou a estar 2º clasificado detrás do invicto lider Paiosaco. Unha mala xeira de 8 partidos sen gañar fixo que o equipo descendese postos na tabla clasificatoria. A última vitoria en Dumbría foi un alivio para os de Sofán. Están a destacar nos de Cancela o goleador Juan de Dora, máximo realizador do equipo con 5 tantos, e o mediocentro Canedo, un puntal na parcela ancha, así como o lateral zurdo de Baio Pablo Domínguez, que vive unha terceira xuventude en Sofán. As numerosas baixas estanse a notar bastante, pois o equipo chegou a ir a encontros con ata 7 titulares na enfermería. Os clásicos Félix, Luis, Iván Rey ou Fabián tamén están a ter un papel destacado. XALLAS C.F.: A presencia de Noé no banco xalleiro era un aliciente de cara á nova tempada. Pero as cousas non lle saíron ben ó de Fisterra, e tivo que pillar o relevo Néstor, ex do Mazaricos, que leva unha tremenda xeira de 8 partidos sin perder, e conqueriu que o Xallas remontara na tabla clasificatoria nos últimos dous meses, a base de solvencia defensiva e seriedade. O conxunto tivo un cambio importante no verán, con moitos xogadores novos, de contrastada valía, pero que tiveron que adaptarse a un novo entorno. Agora mesmo, a liña defensiva, comandada por Cristian, Alex Canedo e Pablo Vigo, está a ser das mellores da categoría. Borja e Fernando aportan dinamismo na medular, e a pesar das baixas importantes de Alex Blanco, Doro e Julián, a velocidade de Marcos, Kevin, Camilo e cia fai do Xallas un equipo moi perigoso. Julián con 6 tantos e Alex Blanco con 4 son os goleadores xalleiros. DUMBRÍA C.F.: Outro club que viviu un traumático cambio no banco. Diego Lobelos deixou paso a Nacho, ex do Fisterra. O Dumbría iniciou a liga como un tiro, ganando no Conco a As Pontes, Castro, Arteixo e Outeiro de Rei. Pero fora da casa non se dou a mesma talla, e a partir da derrota co Estudiantil o equipo enlazou 7 partidos perdidos, que acabou co cambio no banquiño. A chegada de Nacho dou unha vitoria contra o Ribadeo e un empate en Arzúa, pero a derrota contra o Sofán cortou un pouco esa xeira. Mackay con 6 e Marcote con 4 tantos son os goleadores do equipo, que se sostén no bloque dos últimos anos, con Bouzón na porta, Iago na defensa, Aarón e Cespón na media e os dous dianteiros como homes chave no conxunto. 1ª GALICIA GRUPO 2: SONEIRA S.D.: O primeiro clasificado costeiro na categoría sen embargo está un pouco lonxe do esperado. O Soneira parecía un dos candidatos claros ó título, pero con media liga disputada ocupa o 9º posto con 10 puntos menos que o lider Agolada, e xa cesou ó adestrador que iniciou a tempada, Rafa. Á espera de que se anuncie o novo adestrador, unha época de incertidumbre sobrevoa Vimianzo. O equipo ten nivel para gañarlle a calquera, pero da a sensación de que queda moito por remar para chegar ó obxectivo do título. Aínda así o Soneira tennos acostumados a grandes xestas e pódese esperar unha segunda volta espectacular deles. Basti con 8 tantos e Bruno con 5 son os pichichis do equipo, baseado nos homes que fai dous anos deron o título de 1ª, como son Anxo, Aarón, Jota, Vía, Sandelo, Pichi ou Basti, ós que se lles uniron homes de calidade como Alex Figueiras, Chinda, Agra ou Bruno. Con este plantel, mais o recentemente recuperado Forján o equipo ten calidade para aspirar a todo aínda que agora mesmo parta cunha gran desventaxa con respecto ós de cabeza. C.D.BAIO: Outro que cambiou de adestrador, pois Diego Díaz veu fai 15 días a sustituir a Pedro Gómez. O equipo está 12º con 18 puntos gracias ás dúas últimas vitorias colleitadas ante Silleda e San Lorenzo. Así logrou sair un pouco dos postos baixos nos que levaba toda a tempada. O Baio está a notar moito a falta de continuidade de MC, que a pesar de levar so 10 partidos xogados é o máximo goleador do equipo con 6 tantos. A baixa de Javi Suárez, e a fichaxe fallida de Brais Lado deixou algo coxo ó equipo en ataque. A incorporación do sofanista Iván Rojo pode paliar estas ausencias de cara á segunda volta. S.D. FISTERRA: Está o Fisterra en postos de descenso, e como parece norma nos equipos dos que levamos falado, tamén variou de adestrador no que vai de tempada. Noé sustituiu a Felipe Candamo, xusto cando o fisterrán deixou o Xallas. O efecto adestrador novo durou 1 semana, na que gañaron ó Tordoia, pero despois o equipo está a acusar as baixas de xogadores importantes e a excesiva xuventude nas súas filas e non logra sacar partidos adiante que non merece perder pero non é quen de gañar. Os centrais Breixo e Robertín nótanse moito cando non están, Pablo Lestón perdiuse tamén varios partidos, así como o dianteiro Víctor, máximo goleador con 5 tantos. A nota máis positiva é a presencia de varios talentosos xuvenis que están a facer un master acelerado do que é a categoría. Nomes como os de Ezequiel, Isaac, Gabri, oiranse moito os próximos anos pola costa adiante. S.D. SAN LORENZO: Non é quen de arrancar este San Lorenzo de Oscar Suárez, que a pesar de ter unha boa xeira de resultados a mediados de 1ª volta, onde fixo 2 vitorias en 2 empates en 5 partidos, segue a estar colista con 9 puntos e a sensación de ter deixado marchar boas oportunidades para sumar. O equipo de Verdillo acusa a xuventude dos seus homes, varios deles recén saídos do xuvenil do San Lorenzo campión de liga o ano pasado. O equipo con respecto ó ano pasado perdeu a Juni por lesión e a Fuentefría, que entre os dous anotaran uns 50 goles a tempada pasada. A baixa de Parafita, un dos seus mellores homes, tamén se deixou notar, e as fichaxes de Aitor e Baneira coa competición iniciada, deron empaque ó equipo pero non son suficientes para obter resultados. Mario é o goleador do equipo con 4 tantos, outra baixa que cando non estivo se botou ben de menos.

comentarios