TNT Yanky
- Nove goles en outros tantos partidos traen de volta a mellor versión dun dos dianteiros máis grandes que deu a Costa nos últimos anos.
Parece que leva toda a vida xogando, pero acaba de cumprir os 28. José Manuel Bermúdez Candamo 'Yanky' (Muros, 1987) é un futbolista deses aos que o fútbol moderno tenta enterrar. Un rematador de toda a vida, cunha incidencia moi eventual no desenrolo do xogo, e efectividade de 'tirador, raza branca, serbio' na NBA. E diso leva vivindo desde que debutara en Sénior hai xa doce anos, cando lideraba ao mellor conxunto de canteiráns do Lira que se lembra. Nesta década longa ten pasado por tódalas categorías do fútbol modesto, desde Preferente ata Terceira Autonómica. Ten ganado ligas e celebrado ascensos, e tamén vivido sonadas decepcións, coma a Copa da Costa do 2008, a máis polémica en anos. Agora, sen as ambicións, nin segundo recoñece, as ilusións de antaño, pelexa por un reto en familia: salvar a un Volantes de Baño con tódolos síntomas de enfermo terminal.
Nove goles en nove xornadas, cun equipo que ten perdido a maioría dos seus partidos por máis de tres tantos de diferencia, falan dun goleador coas súas dotes intactas. E eses nove chegaron de tódalas formas posibles: de penalti, de libre directo, de cabeza, coa dereita e coa esquerda. Entón, por que senón o mellor, un dos mellores dianteiros da Costa, non tenta dar volver a loitar por cousas maiores? Pois porque esa cabeza privilexiada para o remate, tamén é diferente á hora de analizar o xogo. "Non teño a ilusión de cando era rapaz, e cando tiven a oportunidade de voltar non me vin con esa ilusión e ganas", afirma. "Pode que cando deixe de darlle patadas a un balón, que non creo que quede moito, me arrepinta de non tentar xogar máis arriba, coñecer novos sitios, campos... unha mágoa", engade. Polo tanto, tamén ten asumido que as metas debe buscalas entre amigos e de xeito moi máis modesto. Como neste caso, evitar a caída dun Baño ata hai pouco temible. "Cando fichei xa sabía ao que viña; a última tempada do Muros, e ano pasado co Lesende, tamén sufrimos. Estou afeito a esa situación desde que decidín non competir a outros niveles; se che gusta o fútbol e eres dun equipo, a ilusión xa a tes co feito de ir ao campo de fútbol", indica.
De feito, a carreira do punta comezou en Lira, xa que por aquel entón o Muros desaparecera. E durante o seu camiñar, o equipo do seu pobo retornou, fíxose grande, e volveu desfacerse. Agora defende as cores do Volantes de Baño, na parroquia colindante, e exemplo da voráxine na que ten entrado o balompé da vila. "En Muros non hai un equipo gañador, porque hai unha rivalidade absurda entre as parroquias, e a parece que a algúns dalles enfermidade xuntar aos clubes e non poder amosar quen é mellor que o outro; prefiren competir entre eles que xuntos e por obxectivos máis grandes", di.
E finalmente, como cociñeiro do gol que garda con celo o seu segredo, non se molla no debate de definir o gol como cualidade innata ou froito do traballo, aínda que no seu caso parece achegarse máis ao primeiro que ao segundo. "Non sei se o gol nace ou se fai, pero non creo que sexa cousa de adestrar, porque eu...", bromea. "Hai futbolistas aos que lles custa menos facer gol, porque len mellor as xogadas e se sitúan en posicións onde cren que poden finalizar a xogada. O gol tense ou non, pero pode mellorarse. Ao fútbol tamén se xoga coa cabeza", lembra. E mentres, a 'Dinamita' de Muros seguirá a estoupar pola Costa, ao ritmo daquela canción de AC/DC, T.N.T., que pregonaba: "Porque estou TNT, son a dinamita, TNT e vou gañar a loita, TNT son unha carga de potencia, TNT, ver como estoupo. Son un home buscado, o inimigo público número un".
Crónicas da semana
- Xuvenís: Nin o Cabana pode co Ponteceso.
- Ligas Galegas: Xornada para esquecer.
- 2ª Autonómica: A Costa da Bastilla.
- 1ª Autonómica: O Cunchido, pesadelo do líder.
- Preferente: Sabor amargo.
- A crónica de GP: O cañón Dosil.
Novas relacionadas
- 20 adestradores comezaron o Curso en Baio.
- Sporting Zas: Crise dos 40? No, festa dos 40.
- Medio século de fútbol soneirán comprimidos nunha emotiva Gala.
- O Sofán arma unha cea solidaria polos refuxiados sirios.
- Baio e Carballo acollen os novos Cursos de Adestrador dos Niveis 1 e 2.
Máis información
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
- Mercado de Fichaxes: As Altas e Baixas dos equipos do Fútbol da Costa.
Fonte
- Guiillermo Parga ([email protected]).