José Alberto Pensado Eiroa, 40 anos, case todos dedicados ó fútbol, é o que comanda a nave do Coristanco no difícil mar da Liga da Costa. O equipo está agora mesmo colista, pero Pensado é optimista e pensa que con traballo e bo facer repetirán a salvación do curso pasado. Pensado foi un xogador de sobra coñecido no mundo futbolístico da zona: moitos anos en categorías altas, e moitos equipos ás súas espaldas, como Bergantiños, Español, Baio, Villalbes, Laracha, Ordes, Soneira ou Sofán. Medio ou central de categoría e calidade, unha vez retirado acomete a dura tarefa de seguir no mundo do fútbol como adestrador, e forma parte desa nova fornada de adestradores da costa que pode dar que falar nos próximos anos. De perfil tranquilo e sosegado, máis formador que resultadista, Alberto salvou ó Coristanco o ano pasado no seu primeiro ano nos bancos. Este ano a tarefa parece dura, pero ten armas para logralo de novo. Isto nos contou.
QPC - A derrota en Camariñas situouvos de colistas. Como está o equipo de ánimo?
Pois anímicamente estamos nun momento un pouco delicado, porque a pesar de estar traballando ben e afrontando ben os partidos non saímos dunha dinámica negativa que nos está costando revertir. Pero cremos que pelexando podremos darlle a volta á tortilla, porque en todos os partidos estamos a competir moi ben, incluso en algúns sendo superiores, aínda que os resultados non chegan.
QPC - Véxote moi contento co traballo semanal, aínda que como dis non acompañen os resultados.
Si, creemos que o traballo semanal é moi bo, sempre dentro das dificultades dun equipo deste tipo, con xente que está estudiando ou traballando fora e que lle resulta imposible acudir pola semana a adestrar. A xente que me acude en bo número a diario está a adestrar moi ben, con calidade e intensidade.
QPC - Onde está a clave deses partidos que estades perdendo nos últimos minutos, ou pola mínima? Todos os vosos encontros son igualados pero case sempre se inclinan hacia o lado do rival.
Eu creo que hai varios factores. Somos un equipo moi novo e inexperto, está claro que tamén temos algunhas carencias, e estanos costando bastante cando imos por diante no marcador aguantar esta vantaxe. Por enriba nos últimos minutos estamos a perder bastantes puntos por despistes ou falta de concentración, e fáltanos tranquilidade co balón para en momentos puntuais manexar mellor os partidos. Está claro que os homes que teñen esa pausa e calidade na zona ofensiva cóntanse cos dedos dunha man nesta categoría. Creo que temos marxe de mellora, estamos a conseguir avanzar pouco a pouco pero temos que seguir traballando.
QPC - O domingo en Camariñas foi a mesma historia de outros partidos.
Foi un encontro igualado, pero penso que demos un bo nivel de xogo. Apenas recibimos ocasións e nos tivemos as nosas opcións, o equipo estivo moi ben en intensidade e colocación, pero non aproveitamos as nosas chegadas e ó final cando tes esa dinámica negativa parece que todo se volve en contra. Nun córner practicamente metemos nos o balón na nosa porta. O equipo estaba disgustado porque pensamos que fixemos méritos para puntuar. O resultado non nos reforza pero si o xogo e sabendo que a pesar de estar últimos temos moitas posibilidades de saír de ahí.
QPC - Que esperas do futuro próximo.
Pois temos o partido suspendido coa Esteirana, un rival complicadísimo, pero na Rocheira temos que sacar puntos como sexa. Este ano curiosamente estamos sacando mais puntos fora que na casa, e necesitamos que cambie a situación. O noso campo é peculiar, con partidos moi igualados, e fallos puntuais estannos penalizando moito. Pensamos que podemos facer unha boa segunda volta na casa.