Unha fin de semana de torneos en Malpica, Muros e Vimianzo
Triple cita cos torneos estivais esta fin de semana no fútbol costeiro. E xa o fútbol praia deixa paso á pretemporada que chega seria, preparando xa a longa campaña. Se xa botamos unha ollada aos calendarios (e ás fichaxes) dos modestos e das categorías inferiores hoxe repasamos os torneos celebrados en Malpica, Muros e Vimianzo, e apuntamos a finalísima deste mércores do Campionato de Barrios de Esteiro.
Por certo, damos as gracias aos colaboradores gráficos que permiten un ano máis que cheguemos a ducias de campos de fútbol. Hoxe traemos as imaxes de Wash Calvo dende Malpica e Gonzalo Sestayo dende Muros, e agardamos que moitos máis fagades o mesmo, e así podemos facer un maior seguimento do fútbol da Costa. Podedes enviar as fotos dos voso encontros a [email protected].
Torneo da XXIX Mostra de Olería de Buño
Pedra Queimada vivía o Torneo Oleiro. Os 3 equipos do Concello, Malpica, Buño e Cerqueda disputaban un triangular na tarde do domingo. Son 3 equipos de 3 categorías distintas, e a diferencia calcouse no campo, e no resultado.
O campión foi o Malpica, o de maior categoría (1ª Autonómica esta campaña) que venceu con claridade ao Cerqueda (de 3ª), e ao Buño (de 2ª). Os anfitrións venceron ao Cerqueda no primeiro choque da tarde, que lles valeu o segundo posto.
Estes foron os resultados:
- 1º Partido: Buño - Cerqueda (1-0). Gol de Rubén.
- 2º partido: Cerqueda - Malpica (0-3). Goles de Rancaño (2) e Mario Casal.
- 3 partido: Buño - Malpica (0-2). Goles de Juny.
Torneo das Festas de Vimianzo
Ademais, os 3 equipos costeiros da Preferente Norte enfrontábanse nun triangular. O Soneira vencía tanto ao Dumbría como ao Santa Comba por idéntico resultado e con idénticos goleadores, que se estrearon coa camisola branca: o fisterrán Adrián Mackaay e o muradán Toni. Pola súa banda o Xallas de Santa Comba vencía pola mínima ao cadro dumbriés, moi mermado, con tanto do capitán Noli.
Torneo SORUM
Pola súa parte, Miraflores acollía unha fermosa festa do fútbol muradán. Os 4 equipos do Concello que este ano competirán xuntos na 2ª Autonómica,mediron as súas forzas neste torneo da Asociación Sorum.
Desta volta o bo ambiente foi o protagonista e durante a fin de semana 3 encontros vibrantes. Finalmente o campión foi o Muros, que vencía na final ao Volantes por un apretado 1-0. Os muradáns eliminaran o sábado ao Montelouro en semis, e o Volantes facía o propio coa Esteirana (máis pendente do Campionato de Barrios que doutra cousa), á que vencía por 0-3.
O mellor xogador do Torneo Sorum foi o laranxa Varo.
XXXV Campionato de Barrios de Esteiro
Non deu feito Esteiro na fin de semana, i é que o Xosé Luis Vara Oliveira acollía as semis do XXXV Campionato de Barrios de Esteiro. Un ambiente espectacular para ver como os favoritos se metían na final. Tras dominar a liga regular, o Independiente e Os Ciclóns metéronse na finalísima.
Es semis tiveron que vencer o Independiente de Uhia ao Carallo Santo de Solleiros, e Os Ciclóns ao Cánchester de Creo.
A Gran Final entre Independiente e Ciclóns será pois este mércores 15 de agosto ás 19:00 horas. Antes da final xogarase o tradicional partido de nenos dos dous lados da ponte.
Vindera cita en Malpica
O Trofeo Manuel García Vázquez "Manolito" xogarase o domingo 19 de agosto no campo Pedra Queimada en Malpica a partir das 19:00h entre os equipos S.C.D. Malpica e Laracha C.F.
Máis información
Novas relacionadas
- Os calendarios de Xuvenís, Cadetes e Infantís xa en www.futboldacosta.com.
- De Calendarios e fichaxes no #futboldacosta.
- Continúa a Pretemporada con citas históricas.
- Nin a chuvia pode coa multifesta, con sorpresa, do Ézaro.
- As Ligas da Costa comezan o 1 de setembro.
- Corme CF: “O castigo do ascenso”.
- Novos calendarios, unha reunión e unha nova cita da Selección da Costa.
- Lariño disfrutou do fútbol praia e en Esteiro loitan por evitar a Cuchara.
- Un mar de paxión: Periscal e… gol!.
- Vídeoentrevista de Ángel Garrido con Charro.
- Xa temos os 11 ideais QPC do fútbol da Costa.
- Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).