Luns. 13.07.2020
El tiempo

A Xunta inviste a multa de Ferroatlántica en recuperar o couto de pesca do río Xallas

A Xunta inviste a multa de Ferroatlántica en recuperar o couto de pesca do río Xallas

O pasado novembro de 2011 A Xunta condenaba a pagar 300.000€ á Ferroatlántica por delito ecolóxico tras provocar a seca do Encoro da Fervenza no 2007. Unha multa que segundo anuncia hoxe a Xunta será investida na recuperación dun couto de pesca do río Xallas.
Cómpre lembrar que a denuncia que deu lugar á multa partiu de Ríos con Vida, a mesma entidade que permitiu a resurrección da Fervenza do Ézaro.

Dabamos conta estas semanas de que a Costa da Morte xa está no circuito de pesca de salmónidos, e de feito, a inciativa de investir eses 250.000€ da multa na recuperación do couto parte da Federación Galega de Pesca e o Clube de Pesca Deportiva Salmo, que son os que xestionarán eses cartos, segundo acordaron ca Xunta, para "promover actuacións e proxectos que permitan asegurar a reparación do equilibrio ecolóxico perturbado".

Actuacións

As actuacións de orde biolóxico para a recuperación do ecosistema fluvial serán principalmente unha serie de estudos previos ao inicio da primeira tempada de pesca, xa realizados, tales como avaliación das poboacións de peixes, unha análise de presións antrópicas, unha análise socioeconómico do acoutado nas tempadas anteriores, un diagnóstico global, e a elaboración e redacción do plan de xestión do acoutado.
Así mesmo, en seguimento do plan, realizaranse estudos e toma de datos cada tempada da expedición de permisos e enquisas, investigarase o grao de ocupación do hábitat mediante radiomarcado, e realizaranse unha serie de mostraxes periódicas mediante enquisas de ribeira. Tamén se avaliarán as poboacións de peixes ao remate da tempada: densidades, biomasas, estrutura demográfica, crecementos, taxas de supervivencia, etc.

Por outro lado, establécense unha serie de medidas complementarias como son o establecemento dun Plan de vixilancia no tramo de río afectado, a sinalización informativa e unha actuación sobre o entorno para favorecer o achegamento e coñecemento do río, que integrará sendas, pasarelas, puntos de acceso ao río, eliminación de barreiras á mobilidade, etc; e unha campaña de información do río Xallas así como de trípticos explicativos do plan de xestión.

Cómpre sinalar que Augas de Galicia, que finalmente non foi sancionada a pesar dunha clara neglixencia dos seus directivos, será a encargada de realizar a tramitación administrativa dos expedientes, mentres que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza será o organismo ao que lle corresponde a dirección e seguimento dos traballos, dentro do ámbito das súas competencias.

Aquí vos deixamos cun triste vídeo de Francisco Santiago López sobre aquel novembro de 2007 no encoro da Fervenza.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta de Galicia.

comentarios