Xoves. 12.12.2019
El tiempo

O cole de Dumbría sumérxese na radiONeria

Alumnado do Cole de Dumbría na radiONeria
Alumnado do Cole de Dumbría na radiONeria
O cole de Dumbría sumérxese na radiONeria

Que nervios viviron os maiores do CEIP Santa Eulalia de Dumbría na súa visita á radiONeria este pasado mércores. Unha visita enmarcada no Taller de Radio que artellou o coordinador do centro Luís Dopico e os colaboradores da emisora, coa colaboración do Centro de Formación e Recursos da Coruña.

Oscar Rey explicando a radio no Cole de Dumbria 2
Óscar Rey Calo na sesión técnica no cole dumbriés

Unha semana antes, Ubaldo Cerqueiro e Óscar Rey Calo visitaran o centro educativo dumbriés, para realizar a primeira parte do taller. Unha sesión teórica cos conceptos necesarios para comprender como funciona unha radio (tanto o aparato como o medio de comunicación) serviu como preluido para facer unha acción doble co alumnado de infantil e os primeiros cursos de Primaria. Primeiro realizaron unha sesión de preparación de contidos, para despois gravar unhas pezas no pequeno estudio de gravación intinerante co que contan os voluntarios das radios irmandadas da Costa da Morte (cómpre nomear tamén á Radio Roncudo).

O taller completouse coa visita á emisora, situada no corazón de Corcubión. Nerviosos chegaban á “pecera” cos seus guións preparados, e nerviosos, pero firmes e convencidos leron e gravaron un debate, unha entrevista e un manifesto (con música) sobre os Dereitos da Infancia. Mentres uns gravaban outros completaban a formación na parte técnica, para facer a sesión unha verdadeira experiencia radiofónica, que deixou estas xoias:

Os programas gravados na radiONeria

 

Un campo de probas

Alumnado do Cole de Dumbria na radiONeria 2

Quen sabe cantos dos que pasaron pola emisora acabaranse adicando á comunicación, pero o seguro é que, dende onte, a porta dese camiño quedou aberta.

Son moitos os profesionais do mundo da comunicación que fixeron os seus primeiros “pinitos” coa radio na emisora municipal de Corcubión. Unha radio coordinada hoxendía por un pequeno grupo de voluntarios, pero unha radio sempre aberta á veciñanza de toda a comarca, unha radio pola que teñen pasado nas súas orixes xentes como Alex Fidalgo (hoxe en @PodiumPodcast cun dos podcast máis descargados de España), Fran Hermida (a voz do Deportivo na Cadena Ser), Marco Antonio Sande (a voz da Real Sociedade na Cope) ou Saulo Fernández (instalado xa na farándula paparazzi de Tele5).
Outras novas promesas do xornalismo costeiro, como Paula Castiñeira, en QPC e Arela, e Antón Lestón, en Radio Nordés-Cadena Ser, tamén fixeron os seus primeiros contidos radiofónicos na vila de San Marcos.

Que potencialidade ten unha emisora como a radio municipal de Corcubión, e que mágoa que dende o Concello non lle dediquen nin un segundo, nin un céntimo, de atención ao ano…

En todo cas, o grupo de colaboradores estará encantado de acoller a calquera grupo que así o desexe, e poden poñerse en contacto as escolas da bisbarra no 637704893.

Novas relacionadas

Comentarios