O Interrogatorio de Óscar Leis con... José Manuel Pequeño
Non son xornalista nin aspiro a selo, pero encántame a loucura que rodea a QPC. Grazas aos seus dous tolos ao mando, podo gozar de momentos como os que vivín nesta entrevista nos xardíns do Hotel Mar do Ézaro, unha verdadeira delicia para os meus oídos. Podería pasar horas escoitando ao entrevistado porque, por unha banda, sempre fai que a conversa sexa interesante e, por outra, déixache con tantas ideas positivas que non podes deixar de facer preguntas.
Un bo amigo dixo unha vez nunha charla de QPC que sempre paga a pena escoitar a Pequeño, e esa é unha gran descrición. Para min, foi un verdadeiro privilexio compartir tanto tempo con el durante a miña estadía en Dumbría, e realizar esta entrevista trouxome lembranzas marabillosas deses momentos.
É ben certo que o mellor sempre está por chegar, e hoxe chéganos esta entrevista con José Manuel Pequeno Castro (17 de marzo de 1955, Ameixenda, Cee) ex alcalde de Dumbría.
- Que che levou a presentarte á alcaldía de Dumbría?
Carai, non iamos falar de deportes? (Risas). Estaba metido de secretario nunha asociación de veciños no Ézaro e, dadas as carencias importantes da época en materia de infraestruturas, pois había que buscarlle solución e decidín dar o paso.
- En que ano?
1983.
- Non foi sempre o PSOE o teu partido?
Non, non. Empecei en independentes. Na seguinte lexislatura sacamos 11 de 13 concelleiros e aí afilieime ao PSOE.
- E de aí 40 anos de alcalde, dan para moito...
Parecen moitos pero pasaron rápido, foi como unha lexislatura pero algo longa.
- Seguro que se fala de todo canto fixestes, pero quedouche algo sen facer?
Ufff, a situación de clase pasiva lévame a ter moitísimas ideas e despois á noite non teño a quen contarllas (jajajaja). Cando eu empezaba a camiñar arredor do campo de fútbol ou polo propio concello, os que me coñecen ben, como pode ser Manolo López, dicían aquilo de: "estase mascullando un proxecto", e ti mesmo.
Óscar, ti vivíchelo tamén. Eses proxectos eran moi pensados, sempre buscando que tiveran futuro, marcando obxectivos e sabendo que o importante non eran os cartos; a definición do proxecto era a clave.
- Proxectos moitos en 40 anos, pero tamén pasaron moitas persoas, entre elas Manolo López. Defíneo...
Falar de Manolo emocióname, cáenme as bágoas, estráñoo moito aínda a día de hoxe. Pasamos moitos días xuntos, unha vida, é alguén incrible, importantísimo para min, admirado por todo o mundo e cun talante único. Se por algo boto de menos a política é por pasar máis tempo con el.
- Agora si, imos ao tema deportivo. Como ves o teu legado neste aspecto?
Véxoo ben, aínda que as circunstancias son diferentes. Moitos clubs —aínda que non guste o que vou dicir— intentaron copiar o noso proxecto, e iso que dicían que non iamos a ningún lado, que era flor dun día, etc.
- Como xorde ese proxecto?
Eu tiña en mente facer algo a nivel comarcal xa que para min o fútbol era algo máis que darlle para adiante a un balón. Non había proxectos de base, só se pensaba nos seniors, como moito xuvenís, e eu quería formar, que a xuventude tivera unha escola de fútbol base onde integrarse, pero a nivel comarcal.
- A túa idea primeira foi un proxecto comarcal?
Si, e tivemos ata unha reunión pero ninguén quixo dar o paso; foi unha toma de contacto con xente do fútbol daquel entón. En vista de que ninguén quería saír daquele localismo, pois planteiame facelo no noso concello pero sempre coa visión comarcal. Puxemos os medios para facelo, como por exemplo buses ata Carnota ou Fisterra, unhas instalacións que non só aglutinaran a faceta deportiva senón tamén a formación académica, etc.
E despois, a nivel deportivo, rodearme de xente moi válida para poder sacalo adiante. Nos inicios, xente como Nito Quintela, Lestón e moitos xogadores como Pituso, Lobelos, etc. Logo chegou un grandísimo adestrador como foi Floreal, que marcou o noso camiño.Sempre conto unha anécdota con César do Cabo. Con el e o seu irmán Marco, que aínda son familia, cando falei con eles para explicarlles o proxecto e que ficharan, marcharon pensando que era imposible facer todo aquilo que eu tiña en mente. Anos despois díxome: "cumpriches todo punto por punto".
- Con Floreal chegaron os primeiros ascensos e a primeira Copa da Costa ante o Bergantiños. Que recordos tes daquela copa?
Non a puidemos xogar en Dumbría por reformas no campo e tivemos que xogar en Vimianzo, gañando ese partido de ida e saíndo campións en Carballo o día de San Xoán. Impresionante.
- Despois chegou José López Canosa para arrancar o proxecto de base que se iniciou con moitas críticas na comarca. Como o vivistes?
Era un proxecto aberto a todo o mundo e coa liberdade para todo o mundo de abandonalo cando quixeran, pero foi un proxecto moi serio, formando e dándolle a oportunidade aos rapaces da comarca de competir ao máximo nivel en Galicia, cunha idea clara de que o primeiro equipo ten que ser o obxectivo final de todos estes rapaces. E logrouse o ascenso á Preferente, e máis Copas. José trouxo consigo xente que traballou duro por ese proxecto, entre eles ti mesmo, que acabaches dirixindo tamén o proxecto; técnicos como Diego Lobelos que logrou grandes resultados.
Ademais, asinamos convenios con equipos profesionais (Atlético de Madrid, Celta, Deportivo) pero máis adiante tamén co Muxía que presidía Álvaro Rodríguez. E se te paras a pensar naquela final de Copa da Costa de Cee, ves que aquelas dúas plantillas do Muxía e Dumbría estaban plagadas de xogadores que pasaron polo proxecto. Un proxecto que ata se topou no seu día cun Bergantiños que tratou de frealo, pero no o logrou.
- Ese proxecto tamén supuxo que as categorías inferiores do Dumbría se medisen ante os mellores clubs de Galicia, case nada...
Iso demostrou que estabamos acertados no que se estaba a facer. Mira, non fai moito vin unhas declaracións de Diego Lobelos nunhas charlas das que organizades en Que Pasa na Costa nas que dicía que cando falaba Pequeño había que escoitar. E mira que ti ben sabes que eu nunca me metía en temas que eran vosos, dos formadores, dos adestradores, etc. Para min o éxito de todo iso foi saber delegar en todos vós, nos que estabades no día a día do proxecto, e esas palabras de Diego significaron moito para min.
- Pero no teu entorno estou seguro que escoitaches moitas veces, tras algún día malo, aquilo de que fai falta máis físico. En cambio, hoxe, moitos anos despois, escoito dicirche que o fútbol ten que ser algo máis que darlle para adiante a un balón e correr máis. Dígoche que para min escoitarche dicir iso é a mellor proba de que o proxecto foi moi bo.
Custoume recoñecelo "só" 25 anos (jajajaja). Foi moi bonito, Óscar, ver un ascenso ante o Depor, recibir ao propio Depor, ao Celta, Lugo, Compos, etc. Tiñamos equipos que xogaban moi ben ao fútbol e recoñecidos por moitos dos rivais aos que nos enfrontabamos, en infantís, cadetes, xuvenís... E todo isto, ademais, cunhas instalacións que todo aquel que entraba polo Conco quedaba marabillado. De feito, o propio Valerón nunha visita ao Conco nos dixo que estaba flipando; dicía que parecía Holanda, referíndose á centralización de todo o que tiñamos nas instalacións.
- Podemos chamarlle "O método holandés de Pequeno" (jajaja). Se me permites, presi, teño que dicir dúas cousas sobre este proxecto: unha, que cambiou a visión do fútbol base costeiro que había lonxe de aquí (eu recordo entrevistas a adestradores que ían xogar a fase de ascenso e pedían que lles tocara un rival do grupo da Costa porque era o máis frouxo, e isto hoxe xa non é así); e outra cousa, que este proxecto comandado por José López Canosa e José Manuel Pequeno fomentou as relacións de amizade que a día de hoxe perduran. Unha familia de Louro entablou amizade con familias de Dumbría, Fisterra ou Muxía, e iso é marabilloso.
Dicíache eu, cando lembraba a anécdota con César do Cabo, que o tema de centralizar todo no Conco era para beneficio dos pais e nais, dos propios nenos e nenas. Tratamos de darlles as comodidades necesarias para, por un lado, fomentar o deporte, pero tamén que toda esa xente socializase, e iso foi fundamental. Todo elo provocou poñer a Dumbría no mapa do país, e despois chegou a Volta a España, o Gran Fondo, o voleibol e volei praia, o piragüismo... xerando algo moi bonito pero non só para Dumbría, senón tamén para toda a comarca. Os proxectos sempre, sempre foron comarcais.
- As imaxes da Volta a España marcaron un antes e un despois...
Sen dúbida, foron ESPECTACULARES: a fervenza, a praia de Carnota, os faros de Lariño e Fisterra... O que falamos antes, facer comarca a través do deporte. Ir a Fitur e mostrarlle todo isto non só a España, senón a todo o mundo. E todo isto era a ilusión dun neno que na Ameixenda, antes de marchar para a praia, vía as etapas de ciclismo.
- Ese igual é un dato que non todo o mundo sabe: non es do Ézaro, senón da Ameixenda.
Si, si. Se escoitas que me chaman Nelito, esa persoa é da Ameixenda; se me chaman Nelo, é do Ézaro. Pero nacín na Ameixenda.
- Entón o amor trouxoche ao Ézaro?
Si, si, totalmente.
- Unha historia de amor fixo posible o cambio do Ézaro...
Bueno, é unha forma de velo. O Ézaro existía e nós vivimos unha etapa política na que había moito por facer, xa que practicamente estaba todo sen facer, e pouco a pouco fomos facendo como todos os demais concellos da contorna. Non había luz pública, nin aceras, rúas sen pavimentar... moitas necesidades. Marchar a luz e non volver en días, e moitas máis circunstancias. Mesmo fixemos a posta en marcha do alumbrado público sen ter tan sequera luz pública, pero unha vez feito aproveitei para con todo iso esixir que nos traian a luz e logrei que a Deputación achegara 100 millóns de pesetas no ano 86.
- Pero despois cada alcalde ten que ter o seu proxecto...
Sen dúbida, e eu tíñao e tratei de levalo a cabo coa axuda da nosa xente, e trato de escoitar e sacar ideas e levalo adiante. Fixemos 5 casas da cultura, e incluso xornalistas do momento me dicían que a cultura e o deporte non daban votos, pero a mellor proba de que todo iso funcionou é que a día de hoxe mantense a actividade en todas elas, e rapaces e rapazas que pasaron polas mans das nosas técnicas de cultura a día de hoxe teñen as súas carreiras e os seus traballos. Ti conviviches con todo iso que estou a dicir.
- 40 anos como alcalde, nunca pensaches en dar un paso máis? Agora xa non es político e podes dicirme a verdade.
Moita xente me coñece por alcalde, pero estiven moitos anos de deputado. Como persoa creo que estiven en postos onde convivín con xente de outros partidos políticos e me recoñecen moitas cousas, e iso é fermosísimo. Pero sempre antepuxen as necesidades dos concellos independentemente das cores políticas, e iso tamén mo recoñeceron. Pero contestando á túa pregunta, eu só podo agradecer á xente de Dumbría a súa confianza en min durante 40 anos. Cometín fallos, e cando os cometín fun moi amolado para casa, porque fallarlle á xente leveino sempre mal; teño que dicir que Dumbría foi unha gran familia e non hai nada mellor que iso. Logo, en política tes que saber onde estás e ter claro que a persoa que está nun concello, o de seguir ou non seguir depende del, non depende do partido. No momento que salgas cara arriba xa depende de outros e non é o mesmo tocar nun lado que noutro, pero eu sempre tiven claro que eu, Dumbría.
- Cando decidiches deixalo e que che motivou a elo?
Eu tiñao claro xa nas últimas eleccións que non ía seguir pasados 4 anos, pero non o falei con ninguén porque podía ser prexudicial por moitos motivos. Un era que os rivais políticos manexaban esa información con 4 anos de tempo, pois non era bo; mesmo no propio partido. Para evitar todo iso, eu non llo dixen a ninguén.
Pensei moito como manexar a situación e os tempos.
- Pois soltáchelo ao grande, en Fitur, por que?
Estabamos a 3 meses das eleccións e charlando cunha alcaldesa da zona alí comenteille que eu non ía seguir. Cerca nosa había un xornalista que escoitou a conversa e díxome que esa nova non a podía obviar.
- Soa a filtración ben elaborada...
De verdade que foi así, sen querer. Moita xente non o cre, pero foi tal cual cho conto e non foi mal, a verdade.
- Tiñas unha actividade frenética e dun día para outro pasas á calma total, como o xestionaches?
A nivel de corpo foi duro. O corpo pasou de estar a todo tren e de repente paras, e o corpo sufriuno e provocou unha arritmia, que nin sabía o que era. Despois, a nivel mental foi unha clarificación terrible, de traer os problemas a casa a durmir tranquilamente.
- E para os que che rodean, de non verte case en todo o día a estar as 24h ao lado...
Levárono ben. A ver, boto de menos a actividade política, pero fago cousiñas.
- Desenganchaches totalmente?
Si, si, si, totalmente.
- Algún proxecto en mente: político, deportivo ou de calquera ámbito?
Nada, nada, nada. Eu collín a vasoira e dedícome a varrer (jajajaja), que ti me tes visto polo Ézaro. Teño un amigo arquitecto que me dicía que el para desconectar planchaba, pero eu prefiro a vasoira, a verdade. A el reláxalle a plancha, a min varrer.
- Falando de arquitectos, esa exactamente era a túa profesión.
Si, esa era, e incluso o compatibilicei ao principio, pero pouco a pouco deime conta de que non era viable porque ía desatender as dúas funcións.
- Como che cambiou a vida?
Moito. E ademais sempre pensas que no momento que deixas o posto a xente non che vai valorar, pero non é así.
- Esperabas outra reacción?
Como che dixen, unha vez que deixas hai de todo. Decisións que marcaron a algunha xente e incluso se cambian de acera por non toparte. Pero a verdade que levei unha sorpresa, porque dende Carballo a Carnota a xente valórate positivamente cando che ve.
- Foi mellor a reacción fóra que dentro de Dumbría?
Diferente. Nin mellor nin peor, diferente. A xente de fóra achégase a ti e igual antes non; os de aquí xa che teñen a diario aquí. Socializo moito e a xente recíbeme moi ben, incluso hai quen di que non debía marchar.
- Arrepínteste de deixalo?
Nooo, para nada. Pero se lle fas caso engancha moito, como fumar ou ir a pescar, tes o mono igual (jajajajaja). Se cando estaba en política e non se me ocorría nada pasábao mal, imaxínate agora (jajajaja), pero todo é adaptarse.
- Teremos que ir acabando. Eu estou moi a gusto e fíxenlle caso ao dito de Lobelos: "cando fala Pequeno hai que escoitar"...
Diego era un rapaz calado que parecía que non escoitaba, pero quedábase con todo. E a min gústame falar moito, pero non falar por falar, gústame falar para achegar.
- Seguro que aguantaches ti a máis xente que che veu falar por falar, xa que 40 anos dan para moito e sobre todo en algo do que todo o mundo sabe como é o fútbol.
Procuraba non entrar ao trapo, só con vós, iso si. Pero eu tiña claro que nunha reunión se se fai é para algo positivo, e como moito unha hora e media, porque despois todo o mundo divaga e perde a atención. Algo que lle pedía ao persoal do concello era que dedicaran 10 minutos a pensar que podiamos mellorar cada un na súa parcela. A pesar de que sempre imos a un ritmo demasiado acelerado, creo que a calma á hora de tomar decisións é fundamental, e incluso esperaba un par de días ata tomar algunhas decisións.
- Que che parece a política actual comarcal a menos dun ano das eleccións municipais?
É complicadiña a pregunta. Sudo, polo sol e pola pregunta. A ver, son situacións distintas. A miña época é esta, desde o meu punto de vista e da miña forma de facer podo velo dunha forma. Agora vexo moito localismo, igual que falabamos do fútbol antes: non hai visión comarcal, e para min é a única forma de medrar, traballar conxuntamente, ir a Fitur e presentar proxectos importantes e comúns á comarca e con representantes para xerar visibilidade.
- Pero a Fitur a presentar proxectos van contados; hai quen vai ata sen nada que presentar...
Hai que ir con proxectos para dar visibilidade a toda a comarca e con xente que poida xerar esa propia visibilidade ao resto do país e do mundo.
Sigo vendo, como che dicía antes, moito localismo mesmo á hora de reclamar dereitos tan fundamentais como educación, sanidade, etc. Da man é máis fácil lograr cousas, como foi no seu día a traída comarcal da auga dende Fisterra ata Dumbría, e dicían que a ía traer con gas...
Canta máis forza mellor, pero a comarca é fundamental. Deulle moito a Dumbría en materia de deporte, de cultura, pero tamén Dumbría lle deu á comarca dándolle un atractivo turístico, por exemplo. Hai que preguntarse: "que lle pode achegar o meu concello á comarca?", esa é a pregunta clave. Hoxe en día calquera persoa que diga que é de Dumbría, todo o mundo sabe onde queda; puxémola no mapa a través do deporte. Cada evento xerou beneficios en toda a zona, e fixemos promoción turística de todos eles para xerar para todos, non só para nós.
Puxemos en marcha o Territorio Vakner para facer máis atractivo Dumbría, o que non pode ser é que estea abandonado. Podemos presumir de ter 2 albergues públicos, somos os únicos do Camiño que os temos: un deles pagado por Inditex (Carballo vai facer unha obra preciosa pagada pola firma, Dumbría fixo no 2010 un albergue público con Inditex). Pensar antes de marchar nun renting para arranxar o campo de fútbol e facer outro máis, que concello o fai? A día de hoxe teño que dicir que os gobernos locais traballan moito, sen dúbida, pero estraño unha visión máis global.
- Para min hai outro factor que está a influír na vida política local: as redes sociais. A día de hoxe están a provocar situacións onde o concello merca un tractor e saen 4 concelleiros, o tenente de alcalde, o alcalde, os da Deputación, etc., 15 na foto. Gaña a liga o Benxamín dun equipo do concello, 7 na foto. Ven un contacontos a unha parroquia e pouco menos que parece que están os Rolling Stones. Como ves ti toda esta situación?
Pois mira, véxoo de tal maneira que un dos elementos que me fixo dicir "ata aquí cheguei" foi esa situación. E ollo, eu saín moito nos medios, pero creo que fixemos moito. É unha situación na que eu non me vía; eu saía por algo, por transmitir algo, non por cambiar un banco.
- A nivel nacional, que me dis da vida política?
Téñoo clarísimo. Volvo a un exemplo meu: hai que dialogar, falar, para min é fundamental. A min que me dirixa unha persoa que é capaz de chegar a acordos con todos excepto con Vox e PP paréceme importante; o que non pode ser é que me dirixa unha persoa que ao absentismo laboral lle chama cancro. Non é lóxico que alguén que aspira a gobernarnos diga as cousas que está dicindo. Aquí está claro que algo está pasando, non pode ser normal que fagan manifestacións contra unha lei como a de amnistía cando non existe nin a propia lei. Un sinsentido, como o do voto exterior; a quen queren enganar agora con este tema con todo o que eles fixeron nesa materia?
- Estiveches a gusto?
Moi a gusto, a verdade. Foi un bo repaso a unha lexislatura de 40 anos.
- Quero agradecerche enormemente en nome de QPC a túa predisposición para charlar un rato comigo. Para min foi un luxo, unha vez máis, escoitarte.
Grazas a vós por lembrarvos de min.
- Para rematar vas tirar 5 penaltis. Vouche dar 5 nomes e tes que dicirme unha expresión para cada un deles.
- Alfonso Rueda: Boa persoa.
- Besteiro: Ten moito que traballar.
- Ana Pontón: Xérame dúbidas.
- Alberto Núñez Feijóo: Segue equivocándose.
- Pedro Sánchez: O mellor presidente da democracia.
O Interrogatorio de Leis
- O Interrogatorio de Leis con... Felipe Vilela
- O Interrogatorio de Leis con... Alberto Pose
- O Interrogatorio de Leis con… Gini Vidal
- O Interrogatorio de Leis con… Alvaro Rodríguez Caamaño da Lonxa d'Álvaro.
- O Interrogatorio de Leis con… Julio Vila Torres.
- O Interrogatorio de Leis con… Juan Cabrejo.
- O Interrogatorio de Leis con... Manuel Varela.
- O Interrogatorio de Leis con... Pablo Vigo.
- O Interrogatorio de Leis con... Miguel Chouza.
- O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal.
- O Interrogatorio de Leis con… Trucho.
- O Interrogatorio de Leis con… Josiño Mira.
- O Interrogatorio de Leis con… Serguei.
- O Interrogatorio de Leis con… Dora.
- O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei.
- O interrogatorio de Leis con Silvia Cancela.