O Interrogatorio de Leis con… Juan Cabrejo
O Camariñas está de moda futbolísticamente, lidera as dúas mellores ligas do mundo, a da Costa, a masculina e a feminina, esta última compartindo o liderato co Corme e o Mazaricos. E mesmo na categoría xuvenil venceu esta fin de semana pasada a un dos favoritos ao título, o Volantes de Baño, todo isto ten un nexo común, Juan Cabrejo, hoxe falamos con el.
- 1 - Se digo que comezaches a xogar en Corea, algúns pensarán que estou tolo, cóntasnolo?
Pois tolería ningunha, porque é o barrio de Camariñas no que nacín e no que xogaba na rúa co resto de rapaces, moitos deles máis maiores e entre os que había que facerse un sitio. Aprendías a ser pillo e a sobrevivir por ti mesmo, algo que agora está moito máis dirixido. Falta a frescura e o ímpetu que se adquirían en tantas horas xogando fóra.
- 2 - Lembras o nome da ficha falsa co que xogabas nos xuveniís do Camariñas?
Non era unha soa, buscabase a máis axeitada para cada partido, onde fose máis difícil que che recoñeceran. A que "cantase" menos, vaia. Unha práctica habitual na maioría de clubs, por outra parte.
- 3 - Campión da Copa da Costa dúas tempadas seguidas, que se sente ao conseguilo co equipo do teu pobo?
Sobre todo, orgullo por conseguir por fin algo que se resistira tanto a auténticos equipazos coma tivera o Camariñas. E ante unha das nosas bestas negras coma era o Laxe. Vicente Carril ese ano quixo ir pola Copa e puxo aos xuvenís na Liga para que o primeiro equipo competise no torneo copeiro. Abrín eu o marcador de penalti na final e lémbrome moi nervioso, era moi novo, pero dobremente satisfeito ao gañar despois a segunda. Algo así como un deber cumprido e unha experiencia inesquecible.
- 4 - O seguinte paso foi o Betanzos e despois de gañar ao Compos B case non che deixan sair de Santiago para fichar alí, foi así como xurdiu a túa fichaxe?
Cheguei a Betanzos da man de Juanjo Vila, que estivera en Camariñas a tempada anterior. Antes, estiven a piques de ir para o Cerceda, pero o Camariñas non ía fino e non me deixaron marchar en decembro. Ao rematar a tempada tiña a opción de fichar polos dous e optei polo Betanzos porque xa coñecía a Vila. Aquel partido en San Lázaro no que marquei un gol e dei unha asistencia propiciou que Antonio Murcia e Zoran Maric viñeran falar comigo ao final. En certo modo, custábame crer que desde Camariñas estivese dando ese paso tan importante, pero así foi.
- 5 - Aquel paso ao Compos foi un gran salto, como o xestionaches?
Penso que nin era consciente de todo, que nun ano pasara de xogar en 1ª Rexional a ir convocado en 1ª División. Déronse ben as cousas no Compostela "B" e Fernando Vázquez de contado me subira a adestrar co primeiro equipo, onde fun moi ben acollido polos Nacho, Lecumberri, Fabiano.... Uns meses atrás estaba no hoxe "Vicente Carril" e, de repente, en San Mamés. Recibín moi bos consellos e creo que souben aproveitalos.
- 6 - Un neno ou nena da E.F. Juan Cabrejo ten a oportunidade de fichar polo Celta ou polo Dépor, que consello lle darías para afrontar ese paso ao que te enfrontastes no seu día?
Sobre todo, aproveitar o momento e tomalo con calma. Hoxe o fútbol vívese moi rápidamente e cos xogadores e xogadoras moi presionados, incluso nas súas propias casas. É que estes uns anos na Base dun Depor ou Celta non implica que logo vaias chegar arriba, e para ese momento hai que estar preparados.
- 7 - Eibar foi a túa primeira experiencia fóra de Galicia, foi difícil?
Tiña cinco anos de contrato co Compos, pero chegou Ballesta e apostou por outra xente. Eu era novo e quería xogar, así que arrisquei e decidín marchar. Lembro a miña primeira viaxe a Éibar, co coche cargado de maletas e nunha peaxe un control da Garda Civil con metralletas e toda a parafernalia que me mandan parar. Eran outros tempos, pero alí só vivín cousas boas tanto no club, como a nivel compañeiros e convivencia coa xente vasca. Un fútbol distinto, de moito físico e contacto ao que tiven que adaptarme pese a non ser eu precisamente un levantador de peso... (Risas)
- 8 - Cartaxena 4 tempadas, o teu mellor momento lonxe da nosa terra?
Curiosamente, a mellor xente que coñecín pero fóra do ámbito futbolístico. Alí tamén naceu meu fillo Diego. A maior, Sofía, nacera na época do Éibar e residiamos en Bilbao, pero decidimos que a miña muller viñese tela a casa para estar rodeada da familia ao ser a primeira. Cartaxena era unha cidade con moitas gañas de fútbol profesional e unha bancada moi exixente. Tan pronto eras un heroe coma un demo cando a cousa saía mal. Alí conservo "familia" que vou e vennos ver sempre que se pode.
- 9 - Agora que es adestrador, a cal dos que tiveches te pareces máis?
Pois sempre intentas sacar o mellor de cada un, aínda que dalgúns, pouco. Outros como Mendilíbar ou Paco Jémez, auténticos mestres, e de Nacho, con quen coincidín tanto de xogador coma de adestrador, aprendín sobre todo a xestionar o vestiario e a ser claro cos xogadores. Se tivera que decantarme, Mendilíbar e Nacho sen dúbida os que máis me influiron.
- 10 - Con todo o que viviches como xogador e o que levas vivido agora como adestrador, que cambiarías da túa etapa como xogador?
Non quero pensar niso, porque ao final a touro pasado é fácil botar contas. Son consciente de que puiden cometer algún erro, quizais rematada a etapa no Éibar, cando tiven a posibilidade do Santander, que era 1ª División, pero cadraba que había Mundial e non tiven paciencia para agardar a ver si se confirmaba e elixin o Elxe. Preferín iso de: máis vale paxaro na man....
- 11- Volvendo á casa. O inicio de tempada do Camariñas é brutal, ademais sen demasiados cambios, cal cres que é a clave?
A verdade que si, uns inicios espectaculares. Incorporouse Javi Antelo xa recuperado, e fichamos ao central Borja. Somos os mesmos pero con outra mentalidade e outras gañas, eu mesmo tamén son outro. Tiven que adaptarme tanto tempo despois ao fútbol da Costa e antes de comezar tivemos unha xuntanza onde decidimos comprometernos e tentar facer un ano do que estar orgullosos. De momento, todos cumpren e vese en cada partido como cada un da o mellor que ten.
- 12 - Visto dende fóra parecía que nestas tempadas o equipo necesitaba atopar regularidade para estar máis arriba na clasificación, ves posible que este ano poida lograrse esa regularidade loitar por obxectivos máis ambiciosos?
Vémonos capaces de pelexar por algo bonito, pero tamén somos realistas e sabemos que ir para arriba custa muito, pero para abaixo logo caes. Acabamos de comezar e despois tocará enfrontarse ao que padecen todos os equipos, algunha lesión, viaxes, ausencias... Agora contamos co equipo xuvenil, que é unha gran vantaxe. Pero anécdotico ser líderes, aínda que dá moito gusto verse aí, claro.
- 13 - E.E. Juan Cabrejo, equipo feminino e Camariñas, máis a xornada laboral, chegan as 24 horas do día?
Levo ao equipo Infantil, o sénior Feminino e o sénior Masculino. Non vou negar que tiraría o móbil pola ventana máis dunha vez, pero sae todo adiante grazas á colaboración coa que conto, imprescindible para que isto funcione. Faus e Pepucho levan equipo na Escola e son parte tamén do Camariñas, e Pepucho ademais o fútbol sala. Adestradores, xente da cantina, Enrique e moita xente axudando, aportando o seu gran de area para que cada fin de semana compitamos e cada ano medremos.
- 14 - Como ves o momento do Fútbol feminino costeiro e cales son os obxetivos vosos en esa categoría?
Un "boom" marabilloso. Un espectáculo ver tanta nena xa de pequena xogando ao fútbol, e agora coa ilusión de chegar ao equipo sénior en canto teñen a idade requerida. Encántame ver esa proxección, que teña tanta capacidade como para saír adiante e contar cada vez con máis equipos. Posiblemente, a creación do noso Feminino sexa unha das cousas das que máis orgulloso estou, pero non nos formulamos grandes obxectivos. Competir e que as rapazas que queiran xogar poidan facelo con nós.
- 15 - Dar visibilidade a todo o traballo que facedes tamén é importante e aí Dulce está ao pé do canón unha tempada máis, vaia traballazo fai, non?
Bueno, con Dulce tocas un tema clave. Coñecémonos de casualidade en Twitter, comentando un programa de televisión e sempre llo digo a ela, que foi unhas das mellores cousas que me pasaron a min e á Escola. Fai un traballo impagable que, en contra do que haberá quen pense, é de balde. Non só non cobra senón que aínda gasta, porque lle gusta coidar á xente e ser detallista. Esa visibilización que dá a todo canto se fai na Escola é imprescindible hoxe en día, no que todos sabemos o poder que teñen as redes. Non podo estar máis orgulloso de que estea con nós, e sempre bromeo con que xa é medio camariñana porque alí xa é moi coñecida e querida, algo que gañou ela mesma co seu traballo e o trato ca xente.
- 16 - Por aquí pasou outro camariñán, Pablo Vigo, vai xogar unha eliminatoria de Copa do Rei contra o Español, seguro que xogaches unhas poucas eliminatorias. Que cres que vai sentir Pablo o día 31?
Ha de desfrutalo segurísimo, porque Pablo é un home ao que lle gusta o fútbol. Eu si, tiven moitas xornadas de Copa, e lembro unha co Compos en 2ª División no que eliminamos a tres primeiras, e despois caemos ante o Espanyol en Cuartos, que acabarían sendo campións con aquel famoso gol de Tamudo que lla lía a Toni, o porteiro do Atlético de Madrid.
- 16 - Formaches parte da Selección Galega, cóntanos esa experiencia.
Única. Sobre todo porque era o primeiro partido despois de tantos anos, e en San Lázaro nada menos. Estaba en Cartaxena daquela e vin encantado, unha experiencia das que emocionan e fan sentir orgulloso e especial de poder vivilas.
- 17 - Comezaches no Fútbol da Costa e volvestes despois dunha gran traxectoria fora del, que diferenzas ves entre o Fútbol da Costa que deixaches e o que te topastes agora?
Hai moitísima diferenza. Falta motivación, a que tiñamos antes que subiamos ao campo andando para adestrar. E xa non digamos cando chamaban para levarche cos maiores, era unha festa. Hoxe é ben distinto, hai menos compromiso e menos gañas, desfrútase menos. Oxalá poida recuperarse aquel espírito de antes.
- Vamos pegar uns pelotazos:
- 1. Quen che dá máis dores de cabeza?
Opción A: Colocar todos os horarios de fin de semana.
Opción B: A convocatoria e a aliñación.
Opción C: Aturar de Enrique.
Engado a D: todas as de arriba. (Risas). Teño que dicir que Enrique fai un labor que non brilla moito quizais, pero que nos dá a vida. Aturámonos mutuamente con gusto.
- 2. Cantas voltas Ile destes o Barcelona - Salamanca (0-4)
Son do Barça, pero desde aquel día algo menos. Un partido que nos condeaba a non ascender á 1ª División, co que iso supón. Que o Salamanca gañase de catro é obvio que foi porque o Barça deixouse ir, pero un equipo señor compite sempre. Un día amargo coma poucos no deportivo.
- 3. Varios compañeiros do Compostela asistiron á inauguración da Peña Juan Cabrejo. Que hai de certo que os tratáron tan ben que Vicente Carril case tiña a un tal Fabiano atado para reforzar o Camariñas ?
Ramón do Meu Lar e outros amigos foran os impulsores. Imaxina que honra ter unha peña co teu nome, e a inauguración viñeran Pablo Coira, Biedma, Fabiano... Non puidera nesa ocasión pero si despois Nacho. Vicente Carril é deses homes que se o Pisuerga pasa por Valladolid, pois el aproveita, e entre os exquisitos manxares e licores, tentounos cun retiro dourado no Camariñas. Faltaba máis!
- Moitas grazas Juan e moita sorte.
Grazas a ti e un pracer!
Máis novas
O Interrogatorio de Leis
- O Interrogatorio de Leis con... Pablo Vigo.
- O Interrogatorio de Leis con... Miguel Chouza.
- O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal.
- O Interrogatorio de Leis con… Trucho.
- O Interrogatorio de Leis con… Josiño Mira.
- O Interrogatorio de Leis con… Serguei.
- O Interrogatorio de Leis con… Dora.
- O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei.
- O interrogatorio de Leis con Silvia Cancela.
Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra
- Barrié, alma do Ponteceso: "Non teño data de caducidade. Cando a teña será cando Dios queira”.
- Fernando, alma do Ameixenda: "O fútbol afeccionado está a perder a esencia de ver rapaces xogando nos equipos do seu Concello”.
- Rama, alma da Esteirana: “Sabes o gusto que dá poder levarte ca maioría dos xogadores cos que tiveches relación?“.
- Manolo López, alma do Dumbría: “Levo anos viaxando por moitos campos e máis ou menos sempre estamos os mesmos”.
Máis novas