O Interrogatorio de Leis con… Manuel Varela
Na vida atópase no camiño con xente que, dependendo de moitos factores, tes máis ou menos afinidade.
Entre Sofán [Carballo] e Lariño hai unha distancia importante, pero o fútbol, e sobre todo o da Costa, une e vertebra.
Este vicio que tanto nos gusta foi o que fixo coñecerse a Manolo Varela e Óscar Leis, algo de culpa tamén tivo Alberto Pose, Ubaldo Cerqueiro e QPC, a día de hoxe é raro que non charlemos un anaco cada semana do que depara o fútbol costeiro e galego. Esta tempada milita na estrutura de toda unha S.D. Compostela realizando varias funcións e esta semana gozou dunha eliminatoria de Copa do Rei.
O noso protagonista hoxe é un amante do fútbol, sobre todo do fútbol base, é moi probable que quen vai habitualmente a Abegondo, AGrela ou os campos da Torre coincida con el, igual agora algo menos porque as funcions que ten dentro do Compos xa lle deixan menos tempo libre. Imos saber un pouco máis sobre o pasado, presente e futuro de Manolo Varela.
- 1.- Eu se penso en ti, a miña cabeza non deixa de levarme ao Sofán, que significa para ti ese club?
O Sofán é unha parte moi importante da miña vida. Eu son de alí, empecei a darlle patadas a un balón coma quen di no Carral, e despois de xogar en diversos clubs (Bergantiños, Imperator, San Lorenzo de Verdillo, Malpica) decidín acabar a miña carreira de xogador alí. O destino levoume a poder exercer durante 14 anos outras tarefas no club, maiormente relacionadas coa dirección deportiva e a creación e xestión do fútbol base, e por todo o que vivín alí Sofán é unha época das mellores da miña vida, sen dúbida.
- 2.- Poucos clubs medraron como o Sofán, con paso firme pero con moita orde e sentido común, cales foron as claves de ese cremento?
Pois na pregunta mencionas dúas delas, a orde e o sentido común. O Sofán era e é un club no que as persoas que pasaron e as que están marcan moito a liña de actuación. Case toda a xente que tomou decisións nese club é moi sensata, e nunca se fixeron cousas ó loco, senón que sempre se actuou cos pés na terra e medindo moito as posibilidades do club. Iso, acompañado dos excelentes profesionais que pasaron polo mesmo (xogadores, adestradores, directivos) crea un cóctel de éxito e crecemento sostido que o club mantén todavía e seguro que sigue mantendo por moitos anos.
- 3.- Tes moito que ver con ese crecemento, aínda que levas unhas tempadas fóra do club, como era o teu día a día no Carral?
Os últimos anos era unha locura, porque lle tiña que dedicar moitísimas horas ó club, pois a esixencia e o número de fichas era cada vez maior. Pero nunca me molestou, ó contrario, ter que pensar 24 horas ó día en fútbol. Disfrútoo moito, a verdade. O día a día consistía en estar pendente de todo o que puidera abarcar, principalmente da dirección deportiva do club. Necesitaba estar cerca de adestradores e xogadores para que todo fose como tiña que ir, e a cabeza sempre ía un ou dous pasos por diante, porque precisamente a labor da dirección deportiva dun club ten que ser anticiparse ós problemas ou situacións que poden surxir de cara a futuro.
- 4.- Eu sei o difícil que é separar camiños cando levas tanto tempo nun club, como de difícil foi saír do Club para ti?
Moi difícil. O Sofán era a miña vida, pero por circunstancias persoais crin que era o momento de irme e dar paso a outra xente con ideas novas. Necesitaba un cambio de aires a todos os niveis, e tamén poder sair da miña zona de confort e probarme en situacións diferentes.
Ás veces, cando estamos ben en un sitio, acomodámonos e iso limita o noso crecemento como profesionais e como persoas, e iso foi unha das cousas das que intentei escapar.
- 5.- Unha vez fóra do Sofán, que sensación tiveches?
Pois un pouco de vacío, pois pasei de pensar todo o día en resolver asuntos dese club, a non ter que facelo, e é un cambio moi grande. De repente o teléfono deixou de soar, e as persoas que veía todos os días cambiaron, agora eran outras. E iso, sobre todo ó principio, é algo que costa levar adiante. Botas de menos moitas cousas, pero sigues adiante porque cres firmemente que é o que tes que facer.
- 6.- Como xurdiu a túa incorporación a Arteixo?
Propuxéronlle a Josito Fuentes, que fora adestrador meu en Sofán e é amigo de fai moitos anos, facerse coas riendas do club. El chamoume para acompañalo nesa tarefa e aló fomos. Demos un salto un pouco ó vacío, pois non sabíamos ben o que nos íamos atopar. Pero creíamos no potencial do At.Arteixo, e o tempo creo que nos dou a razón.
- 7.- Que tal a experiencia?
O At. Arteixo é un club moi diferente ó Sofán. É moi grande, cunha presión por facer grandes cousas importante, nun nucleo urbano máis comparable a Carballo, creo eu. En cinco anos intentei aportar o que Josito e o seu equipo de traballo creiu oportuno que aportara, e podo decir que foi unha aprendizaxe enorme, sobre todo a nivel humano. Josito e a súa xente fixeron un traballo descomunal cun éxito importante e visible, pero as dificultades foron continuas, e ir resolvéndoas creo que nos fixo a todos crecer enormemente como persoas. Os éxitos deportivos axudaron, dende logo, pois Josito deixa o equipo consolidado en 3ªRFEF, os xuvenis en Liga Nacional e a estrutura do club moi mellorada en todos os aspectos.
- 8.- Arteixo e Sofán teñen similitudes, ascensos, progresión importante nas categorías inferiores. Como ves o futuro de ambas as entidades?
O futuro do Sofan véxoo moi saneado e moi ben encamiñado. O primeiro equipo está asentadísimo en Preferente e o traballo en base é moi bo, con éxitos evidentes. Seguen a mellorar a instalación dentro das súas posibilidades e creo que é un club que todavía non atopou os seus límites.
O Arteixo é diferente. Houbo cambios importantes este ano e a ver como se reaxusta todo. Potencial ten todo o do mundo, hai que saber explotalo. Creo que as miras do Arteixo teñen que estar en colocar os clubes de base en categorías boas, formar xogadores para o primeiro equipo e asentalo en 3ª RFEF, e van nese camiño.
- 9. Esas semellanzas entre Sofán e Arteixo alguén debeu de velas en Santiago e buscou o vínculo común, alí aparece o teu nome e outro costeiro como Víctor Pazos non tardou en incorporar a Manolo Varela á SD Compostela, estou moi equivocado?
Víctor e mais eu coñecémonos fai moitos anos e sempre falamos de facer cousas xuntos. Creo que vemos o fútbol, a nivel xogo e a nivel organizativo de maneira parecida e cando me chamou para traballar para el non o dubidei moito. Tiña outras boas propostas que me dou pena rexeitar, pero a do Compostela era irrenunciable, a verdade.
- 10.- Como están ser os primeiros meses en Santiago e que funcións realizas dentro da estrutura do Compos?
Traballo para a secretaría técnica que dirixe Victor Pazos como director deportivo e Iván Varela como secretario técnico xefe, vendo xogadores para o primeiro equipo, e ó mesmo tempo son o delegado dese equipo, con todo o que iso conleva. Digamos que estou vendo moito fútbol, que é unha das miñas actividades favoritas da vida, así que non hai queixa.
- 11.- Visto dende fóra, a min persoalmente encántame a aposta pola xuventude en moitas parcelas do club, tamén me gusta a paciencia e a calma aínda que os resultados non foron bos ao principio. En todo isto xorde a figura de Víctor Pazos, outro noso, como o ves ti desde dentro e que parte de culpa ten o xalleiro?
Pois sen dúbida, moita culpa. Cónstame da mellora que lle dou ó fútbol base dende que chegou ó club, e dende que asumiu a dirección deportiva do primeiro equipo creo que ten unha liña de traballo moi clara, que todos podedes ver, de aposta polo crecemento do clube dende unha filosofía de crecemento da base e dos xogadores e adestradores locais, e todos imos a morte con esa filosofía. A min paréceme moi acertada, e tanto a propiedad como todos os que estamos involucrados apoiámola sen fisuras.
- 12. Imos no copas. Menuda experiencia! Xa sei que non é a Copa da Costa pero ten que ser fermoso poder vivir dende dentro unha eliminatoria de Copa do Rei ante un primeira como o Alavés. Como se viviu?
É un regalo da vida o poder vivir esto dende dentro, a verdade. Costounos moito, pois as eliminatorias de Copa Federación supuxeron un esforzo enorme, pero o premio é xigantesco. Poder ver o Verónica Boquete cheo ata a bandeira, e disputar un partido a nivel top de fútbol profesional é algo que non creo que volva a ter a oportunidade de vivir, así que tentei exprimir cada momento como se fose o último.
Por encima estivemos a un grandísimo nivel, os xogadores fixeron un partidazo, a pena foi non poder marcar algún gol e eliminar ó Alavés, que creo que tivemos opcións moi grandes de facelo.
- 13.- Para alguén coma ti que leva toda unha vida empapándose da historia do fútbol, como é poder visitar clubs e campos históricos de toda España?
Pois unha gozada, certamente. Xa non só o noso campo, no que houbo fútbol de altísimo nivel non fai tanto, senón os de Pontevedra, Numancia, Salamanca, Sestao, Riazor... Un luxo para min, que sempre fun moi mitómano do noso deporte, e poder estar a ras de céspede é un placer inigualable.
- 14.- Vivín de primeira man o partido de copa no Vero Boquete e disfrutei moito do partido do Compos que levou ao límite ao Alavés. Que sensación che deixou este partido?
Fomos cando menos iguais a eles, senón superiores durante moitas fases do encontro. O noso equipo atopou a súa mellor versión e iso unido a que eles non pasan polo seu mellor momento, igualou moito as forzas. O ambientazo do estadio fixo o resto, a xente levounos en volandas, e foi unha pena non ter anotado un tanto e levar o partido á prorroga, pois creo que se iso tivese pasado levaríamos a eliminatoria ó peto.
- 15.- Na liga a Compos está a pasar un momento máis difícil, este partido pode ser un punto de inflexión?
Máis que este partido, creo que a dinámica do equipo esta a ser moi boa ultimamente, estamos a mellorar moito. Costou un pouco a principio de tempada, pero agora mesmo estamos a recuperar xente importante que estaba lesionada, e as fichaxes de Cinta e Selasi déronnos cousas moi positivas. Se temos a toda a plantilla disponible, creo que podemos facer cousas interesantes este ano.
- 16.- Para ir rematando esta entrevista imos retroceder un pouco no tempo, Manolo Varela é un historico e parte importante de QPC. Como valoras as iniciativas que se veñen levando a cabo dende Que pasa na Costa ano tras ano?
Pois non as vou descubrir eu a estas alturas. Todo o Fútbol da Costa supoño que é consciente do altavoz que é QPC, ademais de motor que fai avanzar e mellorar o noso deporte. Dende as galas, os álbums de cromos, as retrasmisións televisivas, os congresos e charlas formativas e mil cousas máis que fai QPC, pasando pola información e vertebración diaria que facedes, isto ten un valor incalculable. Creo que se valora en xeral de maneira moi positiva en toda a Costa da Morte, e quen non o vexa así que lle dea unha volta ó tema.
- 17.- Para alguén de Carballo coma ti, ademais do teu Sofán, imaxino que estás ao día, tamén por evidentes motivos laborais, do Bergantiños. Como ves aos teus veciños, espetaculares no primeiro equipo pero parece que a base non atravesa o seu mellor. Como o ves?
O primeiro equipo vai coma un tiro. Formaron un gran conxunto, cun adestrador moi capacitado, e creo que van a ser firmes candidatos a ocupar postos de playoff. O fútbol base non me toca a min comentar a súa situación, porque este ano non tiven a oportunidade de ver ningún dos seus equipos, e cos cambios que houbo coñezo poucos dos adestradores que alí traballan. O que si teño claro, como ex xogador e siareiro do club, que o Bergantiños ten que ser referencia a nivel galego, e ten o potencial para facelo sen dúbida ningunha.
- 18.- Como ves o presente e o futuro do Fútbol Costeiro e cara onde cres que debe tirar ?
Pois estou moi desconectado por razóns obvias do meu querido Fútbol da Costa. Sigo alguns equipos nos que xogan ou adestran algúns amigos, pero se non os ves en directo é dificil emitir xuicios. Sempre apostei porque o fútbol costeiro tiña que traballar o aspecto formativo e educacional, para atopar nos nosos nenos persoas e deportistas formados, con gusto polo fútbol ou o deporte que practiquen. Agora mesmo non sei si se está a conseguir isto. Se nos falta a mentalidade de querer aprender e mellorar constantemente é dificil que vaiamos a ningún lado. Constame que en moitos sitios se fan esforzos grandes porque sexa así e espero que isto se contaxie a todos lados.
BALONAZOS DE UÑA
- 1.- En todos estes anos de bagaxe, atopastes a alguén máis despistado que Ubaldo Cerqueiro?
Dificil, pero si que atopei. Tiven un compañeiro no Malpica, do que non vou dicir o nome, que non sabía contra quen xogaba nin 5 minutos antes do partido. Nunca se acordaba das botas e xa non digamos de vir uniformado como debería ós partidos. Un día xogándose o partido as 5 da tarde apareceu no campo ás 10 e media da mañá, con poucas horas de sono enriba, pensando que o partido era ás 11. Ese día polo menos madrugou.
- 2.- O sábado 9 de novembro celébrase a espectacular festa de San Martiño en Lariño, á que estades convidados ti e todos, pero creo que ese día vai ser especial para ti tamén. Equivocome?
Se te refires futbolisticamente, pois si, porque me vou a enfrontar por vez primeira en partido de liga dende un banquiño ó club no que me formei, o Bergantiños. Será un día especial seguro.
- 3.- Un home tranquilo coma ti que lle aconsellarias a Vinicius si xogase no Compos?
Que prestase atención a como se comportan os capitáns do noso equipo e tomase notas nunha libreta.
O Interrogatorio de Leis
- O Interrogatorio de Leis con… Juan Cabrejo.
- O Interrogatorio de Leis con... Pablo Vigo.
- O Interrogatorio de Leis con... Miguel Chouza.
- O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal.
- O Interrogatorio de Leis con… Trucho.
- O Interrogatorio de Leis con… Josiño Mira.
- O Interrogatorio de Leis con… Serguei.
- O Interrogatorio de Leis con… Dora.
- O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei.
- O interrogatorio de Leis con Silvia Cancela.
Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra
- Barrié, alma do Ponteceso: "Non teño data de caducidade. Cando a teña será cando Dios queira”.
- Fernando, alma do Ameixenda: "O fútbol afeccionado está a perder a esencia de ver rapaces xogando nos equipos do seu Concello”.
- Rama, alma da Esteirana: “Sabes o gusto que dá poder levarte ca maioría dos xogadores cos que tiveches relación?“.
- Manolo López, alma do Dumbría: “Levo anos viaxando por moitos campos e máis ou menos sempre estamos os mesmos”.