Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Memoria histórica lingüística (toponímia) e etnografía do Concello de Dumbría

Parte da Toponimia de Dumbría
Parte da Toponimia de Dumbría
Memoria histórica lingüística (toponímia) e etnografía do Concello de Dumbría

Antes de centrarnos no tema toponímico dos terruños, imos recordar as labores agrícolas nas leiriñas dos nosos antepasados, todas elas cos seus nomes para identificalas. Na década dos anos 50-60 e falando da parroquia de Buxantes, que é a que mellor coñezo, os labregos, aparte de copiar uns dos outros os seus costumes, mantiñan a rutina dos seus antepasados. Usaban como guía o calendario luar, as mareas e as témporas, tanto na sementeira como na recolleita.

Os animais domésticos tiñan tamén as súas normas: Convivir na cuadra da mesma casa co seu sitio reservado no pesebre e as galiñas nun cocho alto, onde o galo facía de despertador pola mañá. Todos xeneraban calor para quentar as camas do sobrado de arriba. A habitación principal do matrimonio case sempre estaba sobre a cociña, que era a máis quente. Estos animais eran moi ben tratados: auga quente no pote ou caldeira cunhas berzas, tanto pola noite como pola mañá; as do carro tiñan un trato especial. As bestas estaban en cortes aparte e había que picarlles o toxo apañado pola mañá para que comeran toda a noite. Os porcos tamén estaban separados noutras cortes según foran da matanza ou da crianza. Estes últimos soltábanse pola mañanciña e buscábanse a vida polo campo, bañándose nas charcas e cando regresaban pola tardiña viñan cubertos de lama, polo que parecían porcos de verdade. Neste tempo o máis importante era ter un carro de vacas, un arado de madeira, a grade e as ferramentas cotidiáns como, o sacho, o cabadoiro, a forcada, un machado e pouco máis.

Máis tarde apareceu o arado de ferro de vertedeira, como o de rabelas ou de rodas, moi pesados de arrastrar polas vacas. Estas ferramentas eran transportadas, case sempre, ao lombo de leira en leira , abrindo e cerrando portelas. Os labregos de Buxantes podían ter un complemento quincenal monetario, xa que moitos traballaban por turnos na fábrica de Carburos de Brens. Eran uns verdadeiros “heroes”. Andando cada día uns 9 Qm, por carreiros, chovendo, venteando, durante hora e media de ida e outras tantas de regreso, despois de estar oito horas sen protección diante da boca dos fornos. Xa na casa, aínda tiñan forzas para continuar coas tarefas agrícolas.

Agra da Carballa-Casanova (1960)
Mapa da Agra da Carballa-Casanova (1960)

A partir da década dos anos 60 comenzou unha nova época. Os emigrantes importan unha nova cultura. Constrúen casas modernas e tratan de mecanizar o agro encontrándose co minifundio parcelario e a falta de pistas e bos camiños. Implántase a luz eléctrica no lugar do Brazal en 1950, os de Campana Arriba en 1951 (referenciados a igrexa) e os de Campana Abaixo en 1952; en Miñóns en 1953 e no Carboal en 1967.

Aparecen os tractores: no Ézaro en 1950, para carretar madeira, en Bustelo en 1958, en Olveira en 1961, en Buxantes en 1967. En 1955 apróbase a Ley de Concentración Parcelaria, moi criticada porque ninguén quería ceder as suas leiras, pensando que a propia era mellor que a do veciño.

No ano 1960 inaugurouse a primeira Concentración Parcelaria na comarca de A Barcala (Negreira). Os labregos do Concello de Dumbría fixeron viaxes ao territorio para comprobalo. Comenzou en Buxantes a recollida de firmas, aínda que un pequeno grupo opoñíase, pero lograron recoller as firmas necesarias.

Os planos parcelarios foron feitos con métodos fotográficos a través de ortofotos, limitándose o traballo de campo a retintar o contorno da parcela, tomando nota da súa paraxe e do seu propietario. Nunha reunión tomaron o acordo de concentrar tanto o monte, coñecido como Buxantes-1, e o labradío, como Buxantes-2. Tódalas leiras tiñan o seu nome, pero no plano parcelario era imposible poñelos todos, polo que o delineante só poñía os que mellor cabían no papel, movendo outros de lugar, según o seu criterio, para que quedara bonito.

Á hora das reclamacións, os paisanos só se fixaban que estivera ben o seu nome e a súa superficie sin preocuparse do nome das paraxes. Como non houbo reclamacións dos nomes das paraxes, o notario a hora de escriturar, co plano diante, poñía o nome que tiña más próximo a esa leira. Os problemas chegaron máis tarde cando os propietarios comprobaron na escritura que a súa leira chamábase de outra maneira. Esto fixo que se perderan moitos nomes, outros cambiaron de ubicación e algúns inventados. Como resultado final, en Buxantes-1 de 660 Ha. con 1.315 leiras, quedaron reducidas a 425, en Buxantes-2 de 654 Ha. e 5.414, leiras quedaron reducidas a 580, é dicir: de 16,5 parcelas por propietario pasaron a 1,7 parcelas/propietario.

Parcelario antiguo 1960
Parcelario antiguo 1960
Agra da Carballa-Casanova (1960)
Foro aérea da Agra da Carballa-Casanova (1960)

Neste artigo inclúense varios mapas dunha pequena zona da parroquia para comparar un antes e un despois: un do ano 1960 antes da concentración, acompañado da foto aérea, e outro coas novas parcelas nunha foto aérea recente. No mapa vello pódense contemplar as pequenas leiriñas que tódolos veciños as coñecían polo seu nome. As servidumes eran a través de camiños de carro ou carreiros. Os que comunicaban as aldeas coa igrexa parroquial eran coñecidos como “Camiños Sacramentais”, que era a ruta para administrar os Sacramentos e os dos enterros. Para interrumpir o paso do gando existían os pasadoiros e as cancelas. Os atallos eran a través de carreiros que comunicaban os lugares, interrumpidos por cancelas de madeira.

Apenas existían retretes nas casas, polo que as necesidades facíanse na corte ou na horta. Os veciños que non tiñan pozos nas casas collían a auga das fontes con caldeiros ou senllas. No verán, algún vecino recurrían ao carro para transportarla nun barril do río. A roupa lavábase sobre lousas planas nas beiras dos ríos coñecidas como “lavadoiros”. Moitos destes nomes podemos dalos por perdidos e son difíciles de recuperar. Tamén se perderon da memoria os antigos pasadoiros e os carreiros (na foto primitiva, sinalados en roxo, que xa non existen).

En resumo: Estase perdendo o patrimonio lingüístico dos nosos antepasados. As persoas coñecedoras, moitas delas xa non están con nós e as novas xeneracións non serán capaces de recuperalo. Recoméndolles que non queimen os documentos vellos que teñen polas lacenas da casa, xa que forman parte da historia familiar e tamén do lugar.

Agra da Carballa-Casanova)
Imaxe aérea actualParcelaria actual Carballa-Casanova
Parcelaria actual

Patrimonio Pindexo

Outros artigos no "Modesto Patrimonio"

Comentarios