Martes. 21.05.2024
El tiempo

O Dumbría respóndelle á SD Fisterra e lle pide que lle deixen traballar

O Dumbría respóndelle á SD Fisterra e lle pide que lle deixen traballar
Carta aberta do Fisterra ao Dumbria

Esta semana comezaba coa Dura carta aberta da SD Fisterra ao CF Dumbría. Hoxe, o clube dumbriés vén de emitir este comunicado.

Comunicado do Dumbría CF: "Basta Xa! Deixádenos traballar"

Desde a Directiva do C.F. Dumbría, fartos da falsidade e falla de rigor nos comentarios da Directiva da S.D. Fisterra, despois de estar sempre calados ao longo de todos estes anos que levamos no mundo do fútbol, sendo prudentes, evitando sempre entrar en polémicas innecesarias, chegou o momento de que os feitos desmintan as palabras, para falar nós tamén, por primeira vez e sen que sirva de precedente, desmentindo o contido da carta que a Directiva do Fisterra publicou en diversos medios.

A liberdade de xogadores que queren ir do C.F. Dumbría a outro clube é un trámite de todas formas innecesario para nós, pois a simple petición do xogador ou dos seus pais é motivo suficiente para non renovarlle a licenza ou expedirlle a carta de liberdade - orde do Presidente do Club de obrigado cumprimento para todos: cando un xogador non está a gusto no club ou quere simplemente marchar-. Así se fixo en tódolos casos cos rapaces que foron para Fisterra, para Cee, Muxía, Carnota, Corcubión, etc., algo fácil de verificar consultando aos propios xogadores ou aos seus pais. Para o Fisterra marcharon moitos ao ir creando este as categorías inferiores, e nunca foi necesaria a comunicación entre clubes.

Facendo un pequeno exercicio de memoria, lembremos que a Escola de Fútbol Base do C.F. Dumbría creouse na tempada 2009/10. Os 40, 30, 20 ... ou os que viñeran, eran rapaces de Fisterra pero non xogadores da S.D. Fisterra, pois daquela a S.D. Fisterra non contaba coas categorías de Benxamin, Alevín, Infantil nin Cadete, que foron a maioría dos incorporados ao noso club. Ficharon libremente para a Escola de Fútbol coa autorización dos seus pais. Cremos que os rapaces de Fisterra non son Patrimonio da S.D. Fisterra, senón dos seus pais, e estes libremente poden decidir onde e como queren que os seus fillos fagan deporte. Algúns xuvenís procedían dos cadetes de Fútbol Sala que aquel ano desapareceu, precisamente sendo os seus responsables algúns dos agora directivos da S.D. Fisterra.

Acúsasenos tamén de que só teredes 9 cadetes para o vindeiro ano. Pois aquí tan só hai 3 fisterráns: un procedente do Deportivo, os outros dous levan aquí desde a creación da Escola do Dumbría; en infantís contamos con 5, todos eles iniciados tamén na Escola de Fútbol Base. Se nalgún momento deciden marchar para a S.D. Fisterra non terán problema algún, só comunicalo ao club. A medida que a S.D. Fisterra foi creando as distintas categorías de base, os xogadores do C.F. Dumbría que quixeron incorporarse a ese club non tiveron ningún problema para facelo.

Recentemente o Dumbría fichou varios xogadores para o seu equipo B que estaban libres, dous deles eran do desaparecido equipo B da S.D. Fisterra. Quizais poderiades ter aproveitado a Mutualidade cambiándolle a ficha para o "A". O que si temos claro é que ao ser xogadores libres non temos obriga algunha con outros clubes, e non somos responsables de que eses xogadores estiveran libres e sen equipo.

En canto ao último caso dun xuvenil, este presentouse o pasado xoves co seu irmán no campo do Conco, para falar co Adestrador e Director Deportivo do Club para ver a posibilidade de incorporarse ao C.F. Dumbría, posto que quería abandonar o Fisterra, indicándolle este que ata que tivera a carta de liberdade non había máis que falar, que non queriamos problemas a estas alturas de competición. Polo tanto, dunha semana adestrando con nós e todo o demáis, mentira. Por certo, aclarar en calquera caso, que este xogaodor non podería xogar co noso equipo xuvenil por pertencer ao mesmo grupo de competición.

Pero si é verdade que este mesmo rapaz, sendo xogador do C.F. Dumbría, adestrou con vós algún tempo, e non pasou nada. Sodes conscientes tamén de que outro xogador, non só adestrou coa S.D. Fisterra, senón que tamén xogou en competición oficial con vós sendo xogador do Dumbría?. E non pasou nada! Non deberiades dar leccións de nada, porque todo o que censurades é o que facedes vós.

Gracias polo de "equipo señor e señorial". Procuraremos seguir séndoo sempre, a nós gústanos ser veraces e directos, aínda que non guste ás veces, e respectuosos aínda que non sexamos correspondidos. Somos considerados e respectuosos con tódalas directivas que con tanto esforzo traballan no fútbol para que os rapaces fagan deporte, e pedimos para nós a mesma consideración e respecto por parte da actual Directiva da S.D. Fisterra, que tamén se está beneficiando do noso traballo, incorporando ás súas filas, co consentemento deste club, xogadores desta escola. E non pasa nada!

Desde Dumbría, si é verdade que unha soa chamada vale para facilitar que os rapaces que queiran libremente xogar en categorías superiores poidan facelo, estamos á vosa disposicións e á de calquera outro club para falar disto e do que faga falla.

Os froitos do noso traballo están a vista de todos. A nosa misión é sempre sumar e non restar, proceder que polo visto non comparte alguha xente. Agardamos que a vosa carta sexa un pataleo puntual por información errónea, e que non queira tapar outras situacións de fondo. O noso equipo técnico está conformado por persoas de distintos puntos da Costa da Morte, por aquelas persoas que nós consideramos que son axeitadas para levar a cabo o noso proxecto deportivo. Nós non imos entrar en se o facedes por envexa ou polo desexo de fracaso na labor que están facendo aquí esas xentes de Fisterra ás que aludides. Se é así, temos o antídoto: desprezo.

Agardamos desde estas liñas que quede aclarada esta absurda e indesexada polémica, que non beneficia a ninguén, que tan só provoca unha errónea e mala imaxe do fútbol da Costa, e que o único que fai é empañar o esforzo de tanta xente que traballamos a prol do deporte afeccionado, ao fin e ao cabo.

  • Asdo. Directiva do Dumbría CF.

Máis información

Novas relacionadas

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios